Capítulo XVIII: Árbore de colón

Décimo oitavo capítulo da novela por entregas «A senda de sal» de F. J. Fernández Davila


Ao sábado seguinte decidín que o Miño me acompañara ao pazo do vello, en Celanova. Polo normal collía en Tui a autovía ata Porriño e dende alí peregrinaba cara Ourense contando en sentido inverso os fitos quilométricos. Os marcos do Miño non eran de metal nin tiñan desalmados números por placa de identificación.

Mentres conducía a contracorrente fixeime nas árbores autóctonas, nos eucaliptos invasores, nas viñas, nas aldeas de casas sen nenos, nos valados vellos, no río cos seus meandros fuxitivos e nas rochas. Estaba segura de que, se parase a preguntar aos máis anciáns, atoparía un nome para cada unha delas; para cada curva, para cada rochedo, e para cada vao que atravesa ese vetusto camiño de auga que o Miño pastorea ata A Guarda. Eses nomes non estaban no GPS e de seguro que non servirían para que unha moderna resabida coma min guiase o seu Audi escalazado.

Mirando os montes de Portugal pensei nas irmás Touza, que dende a cantina da estación de Ribadavia axudaran a máis de cincocentos refuxiados a cruzar a raia. Recibíanos nos trens e agochábanos no soto. Lavábanos, cambiábanlles a roupa e, unha vez recomposta a súa imaxe, facíanos pasar por clientes para darlles de comer. ¿De onde sacarían os cartos? ¿Cobraríanlle aos viaxeiros? ¿Como farían para conseguir tanta roupa?

Gardara as respostas no porta-luvas do coche. Tiñan aroma a libro novo. Custárame un tempo atopalo, e mesmo tivera que ir a Vigo, a carón da rúa do Príncipe a recollelo. A dependenta, alegre e servizal, contoume que o libro era, en realidade, un guión de cine, e que o autor decidira publicalo coma novela, farto de non atopar financiamento. «¡Que mágoa!», respondín indignada, «se as irmás Touza naceran en América, xa sería unha superprodución».

Ao saír da tenda mirei para a construción que facía esquina nesa mesma rúa. Noutra época fora o edificio do Cable Inglés. Modesto e maxestoso ao mesmo tempo, parecía camuflarse á mantenta entre a decrepitude dos negocios de toda a vida, e a desbocada xuventude sonora das tendas de roupa. Dobrando a esquina imaxinei ao neno no edificio que deixaba atrás, nunha habitación sen fiestras, memorizando o primeiro papel, as súas primeiras instrucións precisas; formalizando sen sabelo o seu alistamento naquela guerra.

Cheiraba a gofre, que cálido perfume! As miñas cadeiras e mais eu negámonos a picar. Continuei o camiño e parei diante do Museo de Arte Contemporánea. Aquel era o cárcere maldito onde sentenciaron a tantos, e onde os ingleses levaban as sobras das enchentes sen invitados. Eran menos de cen pasos, pero marcaban unha enorme diferenza. Collín do meu peto as esquivas chaves, que tintinaban no meu bolso, e marchei cara o parking subterráneo para coller o coche. Antes de baixar as escadas mirei a curva de Colón con Urzáiz. Oín os tambores da Lexión Cóndor, e imaxinei ao vello neno cuspir na cara de cada un dos soldados que desfilaban. Eu tamén tería lanzado os meus esputos de carraxe.

No primeiro chanzo cara o soto, e xa de costas á cidade, sentinme observada. Mirei atrás e alí estaba. A farola fernandina seguía alí, aparafusada á rúa coma un inmenso candelabro metálico, apagada polo sol do día moribundo, triste e ignorada polos paseantes cotiáns, apercibida só polos escasos turistas que lograban gabear polo casco vello, máis alá dos bares rústicos e os vendedores de segundas marcas. Co segundo chanzo notei un proído nas costas, forte coma cambra de espiño velenoso. Seguín adiante sen querer saber que naquel momento a farola cobraba vida, coma se un invisible zume de luz escalara polo groso tronco metálico.

RESUMO

O relato da segunda viaxe chega a súa fin. O ancián cóntalle á muller como chegan ao punto indicado no medio do océano, onde son detectados por un buque de guerra que estoupa misteriosamente antes de poder achegarse. Os refuxiados son recollidos por un enorme mercante sen bandeira que ademais fornece ao Formigillo con peixe e combustible abondo para retornar a casa. Namentres, a escritora continúa coa súa viaxe interior, explorando o seu propio mar de dúbidas.

Capítulos anteriores

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Capítulo XVIII: Árbore de colón