Capítulo X: Nemo

F. J. Fernández Davila

CULTURA

ABRALDES

Décimo capítulo da novela por entregas «A senda de sal» de F. J. Fernández Davila

11 ago 2017 . Actualizado a las 11:49 h.

Disque semanas máis tarde acabou por morrer a guerra en Madrid, como cansaran de prometer as autoridades dende antes de que o meu pai deixara de vir por casa. O anuncio definitivo, condescendente e fachendoso, foi recibido con xúbilo por dous inimigos naturais: os militares belixerantes e as nais de fillos mozos, que aprenderan a disimular a barba da súa prole con afeitados nocturnos.

Foi entón cando empezaron a chegar os alemáns, ou máis ben cando comezaron a pasearse con menos disimulo polo barrio do ensanche de Vigo. Coa contenda gañada, xa non había motivo para agochar o apoio dos teutóns cara ao seu bando afín. De feito, en certos aspectos, parecían tutelar non só ao exército, senón tamén determinadas empresas, seleccionadas de forma coidadosa. Creo que con elas esperaban saldar a enorme débeda que España contraera co país xermánico.

A Compañía do Cable Alemán, que compartía tabique coa do Cable Inglés, estaba no seu máximo esplendor. Incluso o Colexio, fundado anos atrás para servizo das corenta familias que residían na cidade, tivera recursos para formar unha división galega das Xuventudes Hitlerianas, que facía vida social común coas seccións equivalentes da Falanxe Española. Xuntas preparaban desfiles, coros de cancións patrióticas, prácticas de tiro ou campamentos de observación e supervivencia nas Cíes, que deixaron de ser frecuentes cando José Antonio, un neno de once anos, fillo dun empresario da cidade, desapareceu sen deixar pegada.

Tras unhas apuradas investigacións, obstaculizadas pola embaixada alemá, concluírase que o malogrado rapaz caera polos cantís do Monte do Faro. O informe rezaba que fora empurrado por un inoportuno refacho de vento, e que ningún dos barcos enviados na súa busca puidera atopar o rastro do seu corpo.

Nos bares e coloquios de Vigo, en galego cerrado, case criptoglósico, corría outra versión. Dicíase que o neno fora raptado de noite na praia de Rodas e que, a todas luces, fora unha cuadrilla comandada polo Capitán Nemo. Ninguén sabía a ciencia certa quen era ese home, pero estaba escrito nos libros que, unha vez ao ano, paseaba polos fondos da ría no ventre dunha criatura mariña de metal que comía ouro e podía afundir cantos barcos quixese por diversión.

Eu, nos meus catorce anos de vida, nunca vira besta tal, así que un venres solleiro e de lecer saltei ao tranvía da mañá. Armado coa roupa de ir a misa, tiña a intención de subir ao Castro de Vigo para procurar cos prismáticos o peixe fantástico co bandullo cheo de ouro. Non din atopado sinal, aínda que si sentín un forte estrondo faldras abaixo da milenaria masa de rocha e baixei aos tombos cara as rúas do ensanche.

O balbordo proviña das tropas da Lexión Cóndor, que camiño do porto, dobraban a esquina de José Antonio con Colón. Parecían unha apurada procesión de Semana Santa, unha eiruga masiva de doce mil pes, con música, estandartes e cruces mal dobradas. Desfilaban estirados ante o aplauso, forzado ou non, da xente que se amoreaba nas beirarrúas para miralos pasar. Eu fiteinos un a un pola calada, inmóbil, sen chamar a atención. Zoupeilles a todos na cara coa man aberta da miña mirada máis rancorosa. Interrogueinos cun silencio atronador e rexistrei coa mente cada un dos petos de botóns brillantes, na procura de noticias sobre o meu pai.

Eles estaban mudos todos, coma un espía sen beizos, coma un morto sen pasado. Só se limitaron a iso, a pasar; e coma o neno perdido nas Cíes, penetraron triunfantes nos cinco monstros transatlánticos que os levarían a outra guerra.

Resumo

Logo de pasar toda a vida no estranxeiro, un nonaxenario relátalle as súas memorias a unha afeccionada á escrita. Estas comezan coa Guerra Civil, cando o seu pai desaparece por axudar a fuxir ao mestre da escola e a súa familia. Tempo despois, no inverno do trinta e nove, o neno, de catorce anos, recibe a visita dun funcionario do Cable Inglés que lle compra toda a pesca do día e paga con cartos de máis. Esa mesma noite, o neno levaría a dúas familias de refuxiados mar a dentro, para seren recollidos por un mercante estranxeiro.

Capítulos anteriores