Capítulo V: Mestre

Quinto capítulo da novela por entregas «A senda de sal», de F. J. Fernández Davila


Unha noite de setembro, escura coma liño negro do loito ancián, chamaron á porta vermella da nosa casa. Non foron os golpes inquisitivos, autoritarios e consecutivos dun puño sen alma, senón unha pequena raspadura na madeira acarunchada polo salitre. Ben se podía ter confundido cun rato. Coma se escoitase disparos, o meu pai ergueuse da mesa. «Vamos fillo!», dixo cun ton imperativo que non usara na vida.

Saímos do porto sen luces, coa máquina en sottovoce. Bordeamos o castro, e á altura de Monteferro confundímonos coas Estelas. Aquel serán escintilaban solitarias nun mar de acibeche amargo. Dende alí saltamos ao baleiro. Bordeamos co polgar os beizos abertos do mar do Miñor, e finximos ser só vento no Carreiro do Lobo. Logramos que o faro, o grande ciclope do Cabo Silleiro, non pousara o seu cristalino en nós, e emprendemos rumbo Sur.

Da bodega do Formigillo manaban rezos. O profesor da escola, a súa muller e a súa filla tremían abrazados coma sardiñas na rede segundos despois de ser arrincadas do mar. Ese home ensinárame a ler cando non levantaba dous palmos do chan, dérame azos e criterio propio, aprendérame a pensar.

Pasamos Punta Castro e Orelluda, murmuramos un rosario polo mosteiro de Santa María de Oia, e confiamos na noite toda para chegar a Portugal. Pero a noite é un ser voluble e bocalán, dos que esconden as cousas grandes e denuncian pequenos barcos de madeira que non se meten con ninguén.

Pouco antes de divisar a Trega, un peixe esférico de metal deunos o alto pola amura de estribor. A bala pasou rozando o casco para afundirse rebotando nas laxes graníticas do fondo mariño. Non lles demos outra oportunidade. Instruído polo demo, o meu pai enfilou ao Oeste para facer correr o barco sobre as ondas escarpadas. Subimos e baixamos tal que golfiños de carbón. Mergullámonos no aire espeso que dorme sobre as augas. Bebemos frío e emanamos suor de cinsa. Ao final perdemos a patrulla e un segundo despois a costa. O meu pai non se detivo.

Horas máis tarde, pasado o mediodía, o Formigillo respiraba exhausto nun claro de océano, no centro da nada. Ese foi sempre o noso refuxio, un lugar sen tempo onde o espazo se dobra para escondernos do mundo. Unha realidade alternativa.

Arribamos a porto aos dous días, cos beizos enxoitos e a máquina a morrer por forte inanición. Case foi a inercia a que nos fixo chegar ao peirao. Ninguén nos agardaba. Era domingo, e a miña nai dixera no porto que foramos ao Norte, ao Hío, a pasar o sábado cun tío do meu pai. Mirounos ao lonxe, cando baixaba a costa do templo logo da misa e, sen acelerar o paso un segundo, sorriu para achegarse con calma. De secos os seus ollos estaban en sangue, como se esa fose a única sustancia que lle quedase por verter. «Xa están aquí os meus príncipes», dixo ben alto. «Que tal vos foi co tío Antonio? Como están el e a súa familia?».

Metémonos na casa, paseniño, e alí dentro abrazámonos coma rochas a punto de soldarse, coma lúas de diamante que en silencio xuraron non volver a estar dispersas. Mentres quentaba o caldo, informamos a miña nai, ben alto, de que o tío Antonio, a súa muller e a súa filla estaban ben, que pasaran por unha pequena enfermidade que lles fixo temer pola vida; pero que un médico inglés que pasaba por Cangas de casualidade, por veraneo, os salvou. Fora toda unha sorte, porque houbo un momento no que chegaron a desesperar, a sentirse sos no medio dun océano sen fondo. «Mándanche un abrazo», dixemos, e ao instante esas lúas de diamante aliáronse nunha única estrela de fusión.

RESUMO

Un navegante ancián volve a Galicia tras toda a vida no estranxeiro. Axudado pola embaixada dun país poderoso, selecciona a unha azafata divorciada para redactar as súas memorias. O seu relato comeza aos doce anos en Panxón, na procesión marítima do Carme do ano trinta e seis, cando el e o seu pai levan á santa no Formigillo, o seu pesqueiro a vapor. Dous días despois, os fusilamentos e as desaparicións esténdense por toda a comarca.

Capítulos anteriores

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos
Comentarios

Capítulo V: Mestre