Capítulo I: Derradeira

Primerio capítulo da novela por entregas «A senda de sal», de Francisco Javier Fernández Dávila


Moitos anos despois, a punto de morrer, o vello mariñeiro traería ao seu pensamento aquela estraña ardora funeral. Lembraría toda a vida o cheiro avarento da madeira mollada de sangue, e o aceite para máquina vella zumegado por entre as cadernas do cetáceo mecánico que desaparecía aos seus pés. Soñara con velo afundirse dende tempo abondo, pero naquel salgado momento sentíase baleiro, coma os ollos das quenllas despois dunha dentada mortal.

Foi así como chegou a min esta historia, escorrida, fugada, goteada por entre as fendas do tempo; coma se ese inmenso barril relativo estivese atacado pola irremediable couza dos remorsos. Nunca máis volvería a facelo, prometeuse, e tratou de cumprir o xuramento con afouteza, recuberto dun silencio tenebroso, esvaradío, indescifrable incluso para os carcereiros madrileños que o torturaron durante meses: «El gallego no sabe nada, devolvedlo a su cochiquera pueblerina».

Eu descoñecía cal era o segredo que agochaba, pero tivo que ser un suceso importante. O bastante como para salvarlle a vida despois, para que o deixaran en paz. As autoridades do réxime non tiñan sona de clementes.

«Vinte e dúas semanas de dor intensa e corenta anos de expiación», confesaba o vello trémulo na súa remendada butaca de coiro castaño. Tiña un mar de engurras nas mans cruzadas sobre o mango do bastón, e a vista imposta no chan pola extrema curvatura da súa columna. A estancia cheiraba a praia, e nos longos momentos en que non falabamos, parecía escoitarse un inexplicable rumor de rompente de ondas. «O mar perségueme, quere levarme con eles», confesaba no seu recanto perdido de Celanova, cada vez que advertía que eu o notaba.

Aquel vestixio de home pasaba dos noventa e o seu pasado era un pozo de néboa. Estivera emigrado a maior parte da súa vida, e acadara o pasaporte dun país poderoso. Aínda así falaba un galego perfecto, sen marcas nin cicatrices de exilio. Era como se non tivese estado en ningún lugar, ou en todos ao mesmo tempo.

Ao final volvera a Galicia sen facer ruído e vivía nun pazo cun único desexo. Quen volve a unha terra onde non lle queda ninguén?

Nunca estiven nunha cela, pero de imaxinala, imaxinaríaa coma o seu dormitorio. Aquel ancián esvaecía nun cuarto espido, limpo, de alento aséptico e aroma a lixivia, coas paredes cor pedra, sen cadro nin ornamento algún. Era un lugar estreito, tanto, que ó abrir a porta tropecei coa cama, un colchón individual que tería dificultades para dar descanso a homes robustos ou incluso á farturenta ama que coidaba da casa. «Ten un pazo de nove habitacións e quere morrer no cuarto das vasoiras!» queixábase a redonda muller cunha rachada voz de mezzosoprano. A frase soou manida, coma se, por repetición, tivese substituído a un «Bos días» ou a un «Aquí o ten vostede».

Polos interruptores da luz, deducíase ben que o sitio da cama non estaba ó lado da porta. Semellaba que fora arrastrada alí para estar o máis lonxe posible da fiestra pero, en realidade, exiliárana para ofrecerlle á butaca un sitio preferente ó lado da ventá. O vello adoraba aquela rústica abertura. Para min só amosaba unha árbore a medio espir sobre un manto verde de herba afogada polo outono; pero a el resultáballe inspiradora, clarificadora, insolente coma unha pinga de cor no monótono mono-ton co que decidiu matar a vida. Eu atopeino alí, mirando insistente a través do cristal insonoro, nadando no oscilar dubitativo das follas do solitario carballo que reinaba no xardín. «Eu caerei coa derradeira», aclaroume. «Así mo prometeron».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
59 votos
Comentarios

Capítulo I: Derradeira