Capítulo VI: Dante

F. J. Fernández Davila

CULTURA

ABRALDES

Sexto capítulo da novela por entregas «A senda de sal», de F. J. Fernández Davila

07 ago 2017 . Actualizado a las 07:58 h.

O terceiro sábado era tamén a terceira semana de choiva persistente. O mes de novembro resultara dunha especial severidade gratuíta. A esas alturas pasara poucos días con Dante. A compañía aérea reducira persoal e agora gastaba a semana rebotando entre Madrid e os aeroportos periféricos da península. Languidecía en soidade, abocada a durmir no medio dun campo ruidoso de naves industriais e asfalto para pistas de aterraxe.

Tan só os domingos resultaban alegres e con algo de luz, a que bebía do fillo en pequenos vasos feitos de bicos esquivos e abrazos roubados. Podía ver nel, na súa timidez e dificultade para amosar afecto, a mesma mancha de inverno que tiña tatuada dende nena. Por sorte, a súa pel estaba libre de marcas, como se papá lle aplicase unha crema de fada. Era branca e suave, un soño de seda, e tras o baño emanaba unha pequena lúa en fragrancia.

Dante amosaba, xa entón, unha mente especial. Sabía confundirse cos nenos normais, e ocultar a súa capacidade de ler a vida, de chegar máis alá que os compañeiros de clase, de sentir cousas que non senten os outros. Ao principio os profesores sabíano, e apelaban a trastornos imaxinarios con moitas siglas impersoais, ou con nomes de pacientes alemáns. Pero co tempo, Dante aprendera a camuflarse, a reprimir os comentarios que o delataban, a non corrixir aos mestres que falaban de memoria, e a gardar as preguntas substanciais para casa. Porque era na casa onde tiña unha alma xemelga, un igual en preguntas que fora nena, a mesma clase de nena, moitos anos antes.

Estaba contenta polo pai que lle tocara a Dante na vida; porque el era o contrario, coma un sol de primavera eterna, coa elegancia perfumada das lilas e o aroma sonoro dun reiseñor. El facía que o meniño se movese, que estivese sempre activo, lonxe da preguiza do sofá e o esquecemento sistemático do televisor. Nunca acendían esa máquina do demo. Xuntos facían crebacabezas, manualidades, pequenos cadros con tapóns de plástico e caixas de cartón, ou retratos de mamá compostos de sorrisos frescos e reproches reciclados. Xuntos ían de compras, de paseo, xogaban aos barcos ou facían albanelería básica de supervivencia. Xuntos conformaban a parella perfecta, a máis entrañable do matrimonio.

Por iso resultou natural que, na contra do costume establecido, fora Xulio quen quedara coa custodia. A xuíza entendeu a primeira vista que a nai de Dante, azafata, non podía quedar con Dante, e que Dante estaba mellor con Xulio. No fondo, a nai de Dante tamén sabía que non podía quedar con Xulio, porque Xulio non cabía nese maldito baleiro que a empachou de nena, o mesmo que lle fixo comprender que tamén o mar de Nigrán lle quedaba pequeno para atoparse.

Ao principio foi moi duro, sentiuse unha persoa mala e caeu nunha depresión severa, ou caeu nunha severa depresión que lle fixo sentirse unha mala persoa. Non se sabe que foi antes. O feito é que afogaba nun océano de pastillas ao contemplar aos dous homes da súa vida abandonados na metade do camiño. Choraba cada vez que os vía e, cando non os vía, choraba. Consumía unha dor irreparable no peito e, se era quen de volver ao traballo, tomaba como costume pecharse no baño do avión. Alí arriba, a dez mil metros, ocultaba dos pasaxeiros os seus ollos vermellos e inchados, eses que sementaban un branco ronsel de tristura entre as nubes. Xa naquel entón, Dante sabía mirar ao ceo para identificar con certeza os dous raís de bágoas que semellaban escaparse do avión de mamá. «Todo pasa», adoitaba dicir cando ollaba para arriba.

RESUMO

Despois de moitos anos fóra, un vello mariñeiro volve a Galicia atormentado por un segredo que contar. Unha azafata, que vive separada do seu fillo Dante, é a escollida para escribir as súas memorias. As aventuras comezan na infancia do ancián no porto de Panxón e a bordo do Formigillo, un pequeno vapor de pesca que ten por corazón unha máquina enfeitizada. Era o ano trinta e seis, con fusilamentos e desaparicións por toda a comarca. O neno e o seu pai utilizan o barco para axudar a fuxir ao mestre da escola e a súa familia.

 

Capítulos anteriores