Capítulo XVI: «José Antonio»

Novo episodio da novela por entregas «A Senda da Sal», de F. J. Fernández Davila


Chegamos ao lugar indicado na fin do segundo día, co sol apenas afundido no mar e combustible para unha soa xornada. Cruzaramos o punto sen retorno unhas cantas horas antes, xusto cando ese mesmo sol que acababa de somerxerse alzaba as poutas polo leste. Xa non había marcha atrás, o meu barco e mais eu compartiríamos o destino dos refuxiados.

O tempo fora benigno, mesmo anómalo para novembro. O ceo estivera nubrado toda a travesía, pero non facía frío. O vento amainara e o mar rizado do principio convertérase finalmente nunha alfombra de auga nova sen sequera un gran. Mesmo chovera o tempo xusto e coa frecuencia apropiada para que os pasaxeiros non morreran por deshidratación. Alguén parecía coidar de nós. Coma o Formigillo, eu tamén andaba escaso de recursos. As provisións, que preparara para oito ou dez persoas, desapareceran nada máis saír da bucela. Tan só escondera no peto un anaco de touciño e un belisco de bacallau seco que gardaba con rigor. Non era para min, senón para o bebé moreno da mociña roxa, que non deixaba de chorar.

Non tivemos tempo a utilizalo. Coas últimas luces o grupo comezou a axitarse. A situación de nerviosismo veu a máis cando, a medida que a noite nos cubría, un navío gris escalou a liña do horizonte. Primeiro parecía un punto gordo na distancia, que semellaba non estar ao tanto da nosa presenza. As dúbidas disipáronse cando o punto foi crecendo e comprobamos que era un buque de guerra que apuntara a proa cara a nós. Escoitamos moi lonxe o xemer dunha serea, e ao pouco rato voar un impío peixe de metal. A bala pasounos de lonxe, mentres a escuridade avanzaba cunha manobra de combate.

A noite alcanzounos antes que aquela besta, e devorouna cunha soa dentada luminosa. Escoitamos a explosión. Un pequeno amencer de fume fixo arder as nosas caras a unha milla de distancia. Non sentimos máis berro que o renxer metálico do leviatán afundíndose no océano máis profundo que pisaran os meus pés.

Todos quedamos en silencio, intentando evitar o mesmo destino. Preguntámonos se habería máis barcos ou se simplemente fora Deus quen decidira voalos na nosa defensa. A miña cabeza foise ao capitán Nemo e ao seu monstro mariño de metal. Imaxineino aparecer dende o fondo, como fan os cachalotes, e arremeter contra a besta cunha descomunal cabeza de ferro. Pensei no neno José Antonio, raptado nas Cíes, e se estaría alí abaixo a afundir barcos co capitán. Mesmo podería levar el o temón, sentado no colo daquel home sanguinario. Preso do medo, refuxieime na súa historia.

Discernín que José Antonio era o fillo secreto de Nemo, froito dunha noitada de verán cunha muller aburrida dun empresario do ensanche. Algúns sabían que Nemo adoitaba pasear pola cidade mentres os seus homes esquilmaban as reservas de ouro da ría. O Capitán espreitaba tras as fiestras para ver como crecía o seu fillo, educado na moral do réxime. De terse prestado atención na casa, entre o ruído de pratos e cubertos, entre cancións da Falanxe e rosarios, entre xuramentos de lealdade a Franco, Deus e a Patria; entre toda esa trangallada infantil, algúns terían oído o rechiar dos dentes do misántropo mariño, ao tempo que as súas uñas, convertidas en garras, gravaban oito marcas verticais de rabia na madeira do marco.

Non me foi difícil chegar á conclusión de que o rapto era verdade; que o capitán Nemo, gran enxeñeiro e visionario, non puido soportar un día máis o previsible resultado de tamaña educación na súa prole, herdeira segura dunha intelixencia superior, e decidiu levar ao fillo con el.

RESUMO

No seu último encontro, o ancián faille ver á azafata que todos temos unha árbore na vida. Mentres o vello atopou a súa nun xardín lonxe do mar, ela lévaa tatuada nas costas. De regreso a casa, a muller pensa no seu pasado e dubida da decisión de separarse da súa familia. Antes diso, na segunda viaxe do Formigillo, o grupo de refuxiados resulta ser demasiado numeroso. O mozo de catorce anos calcula que non haberá combustible suficiente para o retorno.

Capítulos anteriores

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Capítulo XVI: «José Antonio»