Capítulo XIV: Mar de fondo

Decimocuarto capítulo da novela por entregas «A senda de sal» de F. J. Fernández Davila


Cando espertei do pesadelo, un deses que parece que duran un cerrar de pálpebra, había nove barcas baleiras rodeando ao Formigillo. A súa tripulación inexperta desertara e agora era unha masa de cincuenta persoas na cuberta do pesqueiro. Estaban apertadas, en pé, comprimidas nunha lata de madeira co desexo sobrehumano de seguir vivindo. Algúns case que colgaban da borda mentres que outros facían esforzos para respirar contra a presión dun fluído de corpos. O meu pequeno vapor abaneábase e rexoubaba. Nunca vira o casco do meu barco tan afundido na auga.

Estaba claro que tiñamos peso de máis. Non me informaran de que tería que recoller a tanta xente. O inglés sabía que, se mo dicía, pensaríao un pouco mellor e puidera ser que non aceptase. Eu, con só tres anos de patrón, aínda non facía os cálculos de forma perfecta, pero daba por imposible volver á costa despois de levar a tantos pasaxeiros ao punto indicado. Non había combustible suficiente. Estimara o xusto para unha familia, dúas como moito, pero non para quince.

Examinei ao grupo de novo, para tratar de atopar algún descarte, alguén que puidese retornar á praia e buscar algunha vía alternativa. Alí estaba a nai cos tres fillos agarrados, os trece orfos, todos vivos, tres familias con moitos nenos de diversa idade, e un xitano moi vello e moi triste, cun chapeu negro de ala ancha. Había dúas mulleres louras, de pel moi branca, que facían milagres para manter en pé a un home enfermo, tamén louro de pel moi branca. Semellaba que nunca na súa vida puidera andar. Un grupo nutrido de xente africana parecía falar francés, e dous homes italianos que facían esforzos por disimular algo. Volvín a ver nais de cara enferruxada con meniños no colo, e non quero lembrar se sentín algún bebé de poucos meses.

A raiola de luz tras os montes crecía, e comezaba a ameazar o pouco anonimato que puideramos ter. Mirei a costa como se fose a derradeira vez que a vía, e acendín a máquina do Formigillo. Acumulei presión e enfilei cara o oeste, o máis lonxe posible da claridade, ladroa da manta que nos ocultaba. Ninguén quería que nos colleran os demos. Primeiro fíxena tusir amodo, para evitar ruído de barco e fume de carbón. Pouco despois, cando me sentín seguro na distancia, arreei ao meu amigo coma se dun cabalo de auga se tratase. Deille liberdade para correr, para saltar entre as ondas, para voar baixo do límite que o ceo impón ás quenllas e aos atúns, para afastarme dunha terra á que non sabía como volver.

Durante a longa viaxe pensei nos pasaxeiros. Mireinos con tino e pregunteime que tipo de historia viviran, e cal era o monstro do que fuxían. ¿Que tipo de guerra mata xente normal? ¿Quen saca persoas das súas casas no medio da noite e as fai desaparecer? ¿Que xustiza permite que se asasinen nenos por sistema, ou que se deixen morrer no mar? Pensei no profesor, e en Valentina, e por un momento sentín ao resío pintarme un bico de auga nos beizos. Volvín a falar co meu pai, aoque nunca botara do Formigillo e lembrei á miña nai, que pasaría o día esperando e cosendo nas redes. Así era «a Penélope de Panxón»; así lle chamaba o mestre cando a atopaba no porto tecendo un interminable manto de luz. Cismei en se alguén os esperaría a eles, a esas almas esfarrapadas que miraban con esperanza ao oeste, coma se fose o único lugar no mundo. Pregunteime outra vez do que fuxían, ou se algunha persoa os botaría en falta; se deixaran un oco alá onde naceran ou se ese oco era agora un burato na area.

RESUMO

O vello mariñeiro continúa co relato da segunda viaxe de transporte de refuxiados que fai por encargo do inglés, unha noite de mal tempo. El e mais o Formigillo acoden á costa da Guarda para recoller a unha muller estranxeira, aos seus tres fillos e a un grupo grande de nenos. Unha rapaza morena, duns catro anos, que deixara de respirar nese momento, é salvada por outro neno da mesma idade cun estraño movemento de reanimación.

Capítulos anteriores

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Capítulo XIV: Mar de fondo