Capítulo XI: Xigante

Decimo primeiro capítulo da novela por entregas «A senda de sal» de F. J. Fernández Davila


Non tardou moito o inglés en volver a comprarme o peixe en Panxón. Apareceu cunha mañá florida de soles e un aire morno que invitaba a almorzar na porta da casa. Eu retornaba o primeiro, como lle gustaba ao Formigillo, e mentres atracaba no porto puiden contemplar con espazo como a súa delgada figura se aproximaba ao meu barco. Levaba o mesmo traxe azul e sorría subido no molle de pedra, abalado polas ondas. Pagou o peixe cun sobre que levaba cartos de máis. Cheiraba aínda a limón amargo pero esa vez miña nai non xirou a cabeza.

«Mañá vai facer mal tempo», aseverou, «pero estou disposto a comprarlle todo o peixe que me poida traer».

«¿E logo? ¿Non lle vale este? «¡Mañá halle de estar bo igual!».

«Quéroo fresco de todo, xa me entende», dixo tranquilo mentres miraba a Baiona, «apañado no día, a unha hora precisa nun lugar determinado. Pero comprendería que non quixese saír a pescar».

«Hai outros barcos no porto. Chegarán pronto e, de seguro, poderá contratar algún. Argimiro, o rapabestas, é un home nobre e destemido».

Pese a negativa inicial, a faciana do inglés permaneceu inmutable na súa alegría. Ambos sabíamos que era el o que viña a lanzar as redes.

«Non vou a falar con ninguén máis. Se vostede refusa, non me verán máis por aquí».

Mirei con profundidade o seu sorriso amable e pensei por un tempo sen medida que foron só segundos na terra.

«Sairei a pescar», contestei, «pero non quero cartos, senón outra cousa…».

«Tamén quere os cartos, señor Cableiro», interrompeu a miña nai, «tamén quere os cartos».

A madrugada seguinte foi unha antoloxía do mal tempo. Sopraban ventos esfuracados, e o mar convertérase nun líquido picado e espumoso, que non se distinguía do leite. O Formigillo saía baleiro do porto, abaneado por unhas ondas impacientes. Unha hora antes de partir, un pelotón da Garda Civil tutelado por un oficial estranxeiro rexistrara todas as embarcacións que había amarradas no porto. Corrían os últimos días de agosto, e esa era a primeira vez que remexían nun pesqueiro en Nigrán. Por suposto non atoparon nada. As purgas constantes do último ano non deixaran a ninguén desprecavido.

Ao deixar o mar do Miñor, emproados cara ao Sur, puidemos contemplar na popa a inmensa fraga de luces que medrara na ría aquel serán. Alí había decenas de embarcacións de gran tamaño e múltiples bandeiras. Buques de carga, petroleiros, pesqueiros e mercantes gorecíanse dun océano enfadado. Presentíase unha tormenta moito máis grande e longa que esa guerra que ocorrera no interior. Descubriríamos co tempo que algunhas embarcacións quedarían fondeadas durante anos, acubilladas polas Cíes, e aleitando lobos submarinos pintados coa cor da desgraza.

Aínda estaba escuro cando alcanzamos a altura da Guarda. Como toda a liña de costa, aquel era un rochedo abrupto e impenitente. Non era a primeira vez que navegaba por alí, pero sempre me sorprendía a ausencia absoluta de praias no lado do mar en contraste co basto areal que crecía na beira do río. Era como se, naquel punto da costa, a natureza se transformase nunha moeda con dúas caras opostas: unha branca, fresca e doce, e outra salgada e profunda, coa cor do pedernal.

O porto da vila era un conxunto compacto de casas altas e amoreadas a carón dunha pequena enseada entre penedos. Todas parecían fuxir de algo, coma escorregadas de pánico dende a cúspide do monte da Trega; quizais dunha pantasma, ou dun xigante imaxinario, durmido entre os castros do camiño que levaba ao cumio da atalaia. Debaixo daquel monte atoparía o meu encargo.

Resumo

Tras décadas no exilio, un mariñeiro ancián cóntalle a unha escritora afeccionada como o seu pai desaparece cando el tiña doce anos, tras axudar ao mestre da escola e a súa familia a escapar das represalias. Tempo despois, rematada a Guerra Civil, o mozo vese envolto nunha trama de transporte de refuxiados auspiciada por un funcionario do Cable Inglés. A colonia alemá crece en visibilidade, mentres a Lexión Cóndor embarca no porto de Vigo cara a guerra que está por chegar en Europa.

Capítulos anteriores

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Capítulo XI: Xigante