«O Camiño é unha oportunidade para toda España»

j. c. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Santos Solla, diante da Facultade de Xeografía da USC
Santos Solla, diante da Facultade de Xeografía da USC Sandra Alonso

Xosé Manuel Santos Solla, catedrático de Xeografía da USC, asegura que a ruta xacobea pode ser determinante na recuperación do sector turístico

09 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manuel Santos Solla (Pontevedra, 1962) leva anos dedicando boa parte das súas investigacións ao Camiño de Santiago e ao seu impacto no turismo. A pasada semana atendeu a invitación do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo para intervir na reunión telemática da presentación do Plan Estatal do Xacobeo, na que tamén participaron as comunidades autónomas, moitas delas aínda alleas a un fenómeno que pode ser determinante na recuperación do sector turístico e hostaleiro e na reorientación dun modelo económico con signos evidentes de fatiga que elevou a España ao podio mundial.

-Foi quen de convencelas?

-Tratei de explicar que o Camiño de Santiago e o Xacobeo van máis aló das comunidades do norte e que para toda España hai unha oportunidade para desenvolver unha oferta turística arredor da ruta xacobea.

-Alén da situación actual, hai marxe de crecemento?

-Hai poucos anos o Camiño Francés levaba ata un 70 % dos camiñantes, e cos datos do 2019 eran o 54 %. Iso é bo, quere dicir que hai moita capacidade para medrar en número de peregrinos sempre que se diversifique.

-Hai fe neste tipo de apostas turísticas?

-Os itinerarios culturais, en xeral, representan unha oportunidade moi boa. Así o cren na Unesco, no Consello de Europa e na Organización Mundial do Turismo, que están traballando moito neste tema, e teño claro que o Camiño de Santiago é o máis importante que existe. Pero, insisto, hai que traballar con outras rutas.

-E non pode desvirtuarse?

-Eu falo con moitas asociacións do Camiño e están desexando que se activen outras rutas para buscar novas experiencias.

-Cal é, logo, a dificultade?

-É certo que existen problemas de xestión, porque este tipo de itinerarios atravesan moitos territorios. En España, a coordinación entre as comunidades é mellorable, e tamén con respecto a Portugal e Francia hai que avanzar na gobernanza. E cos distintos gobernos, cos concellos, coa Igrexa e tamén coas asociacións internacionais, que son fundamentais e ben merecen todos os premios que reciben.

-O Camiño é a marca turística máis potente de Galicia?

-En Europa segue pesando a imaxe de España de turismo de sol e praia, pero a nivel mundial o Camiño de Santiago xa é un produto absolutamente consolidado. Nestes momentos estou facendo un traballo identificando referencias á ruta xacobea en revistas académicas, e é con moito a que ten máis presenza. Hai xente escribindo do Camiño en Lituania, Corea, Suecia, Xapón ou Estados Unidos, é algo incrible.

-Hai máis interese en Estados Unidos que en Andalucía, por exemplo?

-Depende. Eu sei que en Canarias hai moito interese académico e político no tema do Camiño.

-E no resto de España?

-Como dicía, a ruta xacobea é unha oportunidade para toda España, pero sobre todo para a que ten problemas demográficos. O importante é manter o espírito do Camiño, que non sexa unha oferta turística máis. A ruta portuguesa é un bo exemplo de como melloran zonas que estaban moi deprimidas.

-Trala pandemia, renacerá o risco de morrer de éxito?

-A masificación prodúcese sobre todo nos últimos quilómetros e en determinadas épocas do ano, pero nós detectamos outros problemas, como que as localidades máis urbanas xeran algo de decepción nos peregrinos. Os niveis de satisfacción ao chegar a Santiago non son malos, pero son inferiores ao resto do Camiño.

-Por que esa decepción?

-Porque deixan de ser peregrinos e pasan a ser turistas. Hai que darlles un tratamento diferente e manter máis servizos específicos, porque nas cidades pérdese esa parte do intercambio da experiencia e das ideas. Os albergues son fundamentais cando non se camiña, porque espertan o sentimento de pertencer a unha comunidade.