José Manuel Fandiño: «A morte non acompañada é dramática e non pode acontecer de novo»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

CESAR QUIAN

«Agora tócanos resistir, dende o punto de vista clínico e como sociedade», di o presidente da Sociedade de Medicina de Urxencias e Emerxencias de Galicia

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Fandiño, presidente de Semes Galicia, declárase «un namorado» da medicina de urxencias a pesar dos momentos de tensión que vén de vivir, de novo, no hospital coruñés Chuac.

-A Coruña nesta terceira onda aturou a maior presión.

-Chegamos a ter un 50 % de doentes sospeitosos de covid. Empeza a haber unha diferenza que se vai manter: ao ter maior número de test tiñamos xa dividido o circuíto respiratorio entre xa diagnosticados e sospeitosos.

-Ou sexa, xa hai tres circuítos.

-Á poboación hai que darlle en todo momento garantía asistencial e de que non se contaxien. Non ten sentido poñer no mesmo sitio a pacientes que son positivos con outros que non se sabe. E mentres non se vacine a toda a poboación hai que mantelos. Por iso subdividimos os circuítos, co que iso significa en espazo e recursos humanos. O espazo que temos é o que é e houbo un problema claro de esgotamento de listaxes. Que non viñera tanta xente ten a vantaxe de que hai menos carga e podes distribuír mellor os recursos. Coa complicación de que algunha xente que debera de vir non vén.

-Virá un efecto rebote da xente que non buscou atención?

-Ese é un dos problemas. O que imos notar probablemente dentro dun tempo é toda esa patoloxía que non abrollou, xente que non veu por medo. Hai patoloxías tempodependentes que chegan cun tempo maior do que deberan e iso leva implícitas complicacións. Hai unha serie de patoloxías que son de atención rápida no sistema, que algunhas veces non chegaron e que acabaremos vendo co tempo.

-Volveu a actividade normal?

-Volvemos a fase 1, con circuítos establecidos, pero claramente a carga de traballo xa vai cara á patoloxía xeral. Estamos redistribuíndo espazos e persoal para regresar á dinámica cotiá, porque a realidade é que dende hai un ano non volvemos á situación previa. Neste momento estamos xa entrando nunha fase interondas. Pero a patoloxía vai evolucionando e xa chega xente con patoloxía derivada de pasar covid.

-Con secuelas.

-Si, con secuelas. O covid empeza a estar na poboación e, a pesar de todo, queda moita poboación susceptible de infectarse. Por iso é tan importante continuar co illamento social, máscara, evitar espazos pechados… Pasou un ano e estamos todos cunhas ganas tremendas de xuntarnos, pero o risco segue aí. Mentres non teñamos inmunidade de grupo… Eu comprendo que teñen que entrar en xogo moitas outras cousas, como a situación económica, pero a realidade é que dende o punto de vista sanitario temos que seguir dicíndolle á xente que teña moito coidado.

-Como saíu o persoal de urxencias desta terceira ola?

-Estivemos en primeira liña e seguimos de xeito constante, porque os que garantimos a accesibilidade ao sistema somos nós. Cando a xente non sabe a onde acudir vén a urxencias. Fálase de eficiencia pero o que había era unha caída de inversión da sanidade pública dende hai tempo e por parte de todos os Gobernos. O sistema creba e isto e únese á pandemia. Ao final o que hai é cansazo. Pero non imos dar un paso atrás e a xente ten que saber que ten totalmente garantida a súa asistencia. Está cansa o resto da poboación e nós tamén. Por iso cando ves certas condutas, que non son as condutas de todo mundo... A diferenza desta terceira onda é que xa estaba vacinada a xente maior e houbo pacientes de entre 60 e 40 anos, e algún faleceu.

-Baixou a media de idade.

-Si, si, a media de idade eu creo que baixou tranquilamente dez anos, antes estaba en 75 anos e agora baixou a 67 ou 65 anos. E dentro diso xente nova que faleceu. Agora tócanos aguantar o tirón. Os profesionais e tamén a poboación: aguantemos este tirón mentres aumenta o ritmo de vacinación. Tócanos resistir, dende un punto de vista clínico e como sociedade. É o que se espera de nós.

-Tivo máis carga urxencias pola falta de presencialidade noutros servizos?

-Houbo unha deriva cara á consulta non presencial en moitos ámbitos. Quero que quede moi claro que nós sempre estamos e atendemos presencialmente aos pacientes. A non presencialidade é moi útil para resultados, citacións e moitas cousas, pero un dos grandes alicerces do noso sistema é a accesibilidade. Iso é un éxito que non podemos perder. Tamén temos que retomar o proceso de humanización que parou a pandemia. Xente que non puido estar no último momento acompañada, iso non pode volver acontecer. Xa a morte é dramática... e a morte non acompañada non pode acontecer.

«Cada ano sen especialidade é maior o perigo de non cubrir as necesidades»

 

 

A gran reivindicación da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias é a creación dunha especialidade propia para rematar cunha anomalía en Europa.

-Temos o problema de recambio xeracional. Tanto atención primaria como o 061 como urxencias collen os residentes do mesmo sitio e iso leva a unha loita entre uns e outros ao final, porque eles tamén están tensionados e precisan xente. E nós e mesmo. Por iso é necesaria a especialidade.

-A falta de xestión política vai en contra do sistema?

-Os servizos de urxencias garantimos a asistencia, pero mentres haxa recursos. Por un lado a Administración ten que facer contratos atractivos, hai que dar estabilidade aos cadros de persoal, e é esencial facer unha proxección dos servizos estruturais para garantir o pleno funcionamento do sistema.

-Cal sería esa proxección?

-O que precisamos é que se cre a especialidade. Se o primeiro ano hai 40 residentes, perfecto, porque a idea e empezar, empezar a ter recambio. O que precisamos é ter unha formación regrada e homoxénea en todo o Estado, porque toda Europa ten esa especialidade agás Chipre, Portugal e España.

-Houbo algún avance coa nova ministra de Sanidade?

-As vías sempre están abertas. O único que falta é a decisión política. Ao final, supoño que se non se fai pola vía de negociar, que parece o lóxico, acabará sendo pola vía xudicial. Se toda Europa a ten e está recoñecida como especialidade primaria na Unión Europea de Especialidade Médicas… Isto vai contra natura e incumpre a normativa.