A galega que dá a volta ao mundo en 50 receitas

Máis de 400 pratos leva cociñados «e papados» esta profe de inglés namorada da cociña. Elisa fai unha viaxe culinaria por América, Europa, Asia, África e Oceanía sen perder o sabor da súa lingua. Elixe destino, ímolo papar!

Elisa Casal, autora do blog «Kukinhas», que comparte receitas de todos os continentes
Elisa Casal, autora do blog «Kukinhas», que comparte receitas de todos os continentes

A súa paixón pola cociña naceu ben cedo, como a súa curiosidade por descubrir sabores novos. Hoxe esta profe de inglés a que lle gustan as lambonadas, as receitas con produtos da horta e viaxar invita a papar o mundo en 50 receitas, doces e salgadas. «Sempre me gustou comer e probar. É algo que fixen dende pequena grazas aos meus pais», conta Elisa Casal, autora do blog gastronómico Kukinhas, mestura gráfica das cookies inglesas e o sabor do son da lingua galega. Da nai lle veu a man para a cociña, o amor sen présa polo que se fai para outros ao lume, e do pai, o gusto de probar e degustar. «Pensaba que a inmensa maioría dos libros que hai de receitas en galego son de receitas de cociña tradicional galega. E o galego pode falar sobre calquera gastronomía do mundo. Aí xurdiu a idea de facer receitas cun carácter máis internacional», explica.

Se tes o gusto, estende o mapa e elixe destino. Imos curar a fame de viaxar ata encher. Canadá, EE.UU., Brasil, Cuba, Arxentina, Madagascar, Somalia, Marrocos, Exipto, Xapón, China, Tailandia, Malaisia, Francia, Portugal, Italia, Hawái e Nova Zelandia abren as fronteiras ao noso padal. Todos os lugares están representados cun prato ou máis nesta expedición que non esquece a parada en Galicia. No libro A viaxe culinaria de Kukinhas. A volta ao mundo en 50 receitas, Elisa comparte a receita das rosquillas da súa avoa Dolores, nas que o ingrediente máxico é «a man». No libro as receitas só están en galego; no blog, en galego e en inglés.

Proba a ver que sae...

Case sete anos despois do blog (http://kukinhas.com/), con seguidores no Reino Unido, Brasil e Portugal, vén o libro. «Eu son moi desastre! Vin que ás veces probaba a facer cousas que non me volvían a saír igual, porque non me acordaba do que fixera a primeira vez. Así que fixen o blog tamén como unha axuda persoal para min, para ter as receitas gardadas, e pensei: por que non compartilas para que todo o mundo as coñeza?», expresa Elisa, que leva cociñando desde sempre pero atravesou distintas etapas no traballo de conseguir o bo sabor. «A principio era moi esixente, non me podía mover das medidas un milímetro. En cambio, agora son moi de probar a ver que sae... E por que non lle boto isto? Son experimentadora», defínese.

“O galego pode falar de calquera gastronomía do mundo”

Ela ponlle o sabor galego, o do idioma, a todo o que fai. O ano que arrincou o blog foi, curiosamente, o mesmo que marchou para Barcelona. «E supoño que o escribilo en galego tamén foi un pouco por levar esa morriña comigo. É algo que me obriga a practicar o galego e adquirir máis coñecementos». No blog, ti elixes se prefires darlle ao galego ou ao inglés, facer madalenas de cereixa ou cherry muffins. O que máis rabia che dea.

Estas clases de lingua son de proveito, podes acompañalas dun Mississippi Mud Pie (o nome lle «vén dado pola semellanza entre o seu chocolate cremoso e os lodos do río Mississippi», e faise con galletas María, manteiga, catro ovos e chocolate negro), dun tiradito de salmón (receita de Perú para facerse en 20 minutos con salmón cru, pementos de cores e lima e ají), unhas tortiñas irlandesas (fanse, segundo a receita de Kukinhas, cun ovo, 300 ml de leite, 250 g de fariña, aceite de oliva e un chisco de sal), unhas chulas de plátano Madagascar (o seu nome orixinal, mofo akondro) ou un saudable cuscús con garavanzos e verduras.

«Eu sempre viaxo gastronomicamente», manifesta Elisa. Cal é a súa receita favorita? «Unha de Oceanía, que se chama Friands, que son unhas madaleniñas pequeñas ovaladas», receita típica de Nova Zelandia e Australia con améndoas moídas, claras de ovo e framboesas frescas ou conxeladas.

«Sobre todo, eu fun buscando receitas rápidas, con ingredientes sinxelos, que podes atopar nunha tenda de barrio, receitas das que podes facer sen complicarte moito a vida», asegura.

Viaxar non viaxou a todos os países que percorre na súa aventura culinaria, pero documéntase sobre as receitas típicas de cada lugar e dálles unhas voltas. «A partir de aí fago a miña historia», conta. Cada unha das 50 receitas de Kukinhas leva indicados o tempo de preparación, de repouso, de enfornado e os moldes que precisas para facela.

Galicia está representada coa receita da rosquillas da avoa de Elisa: «Tíñaas no receitario seu, e sei que non hai outra igual». É unha «fermosa herdanza da miña avoa que ha conquistar calquera bandullo», tenta.

Cal é o segredo de que o prato saia ben? Centrarse e relaxarse, di, «e pensar na xente que o vai comer, no que lle vai gustar».

Marc, o seu fillo, é o seu pinche de cociña. «Cando el empezou a comer, foi a oportunidade de probar produtos que eu nunca probara. Para el probo outras cousas, cociño máis saudable... Hai receitas que fago porque teño o neno, se non non as faría, como as albóndegas de tofu. Algunhas das receitas facémolas xuntos, encántalle!», di.

«Probade, experimentade e facede vosa esta cultura nosa», invita, para alimentar, sobre todo, o maxín.

Rosquillas da avoa. Galicia

Precisas un ovo, unha medida de cunca de café de aceite fritido, unha medida de azucre, outra de leite fervido, unha cullerada de fermento químico, 500 gramos de fariña, reladura de limón ou de laranxa e azucre moído ou canela. Separa a clara da xema e monta a clara a punto de neve; mestura o aceite, o leite, a xema, o azucre, a reladura, o fermento químico e a clara montada. Engade fariña ata que a masa non se pegue. Dálle forma de rosquillas e a fritir en abundante aceite ben quente.

Arroz fritido. China

200 g arroz integral, media cebola, unha cenoria, 50 g de chícharos, 2 ovos, unha cullerada de aceite de sésamo, 3 culleradas de tamari ou soia. Coce o arroz, cando estea cocido arrefriámolo cun bo chorro de auga fría. Reservamos. Cortamos a cebola e a cenoria e fritimos en 2 ou 3 culleradas de aceite. Fas unha tortilla con dous ovos e desfala en anacos. Botas os chícharos e os ovos na tixola onde fritimos a cebola e cenoria e mesturas todo co arroz. Engades o aceite de sésamo e o tamari ou a soia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A galega que dá a volta ao mundo en 50 receitas