Benedicta: «Oín o 'Resistiré' pola radio e boteime a bailar»

YES

VÍTOR MEJUTO

FAMOSOS CONTRA EL COVID Al encierro, paciencia y salero. Benedicta Sánchez, María Castro y Alba Galocha nos cuentan (por teléfono) cómo están llevando el confinamiento y cuáles son sus «recetas» para afrontar esta crisis

18 abr 2020 . Actualizado a las 22:12 h.

Nunha mañá quentiña, nubrada pero «sen vento, amorosa», contesta por teléfono Benedicta Sánchez, Goya á mellor actriz revelación do 2020. «Boto o día traballando. Enseguida teño que quitar a chaqueta, porque me acaloro na horta, pero se paro un pouco quieta, éntrame o frío. Menos mal que non teño o coronavirus... de momento», suspira Benedicta, que aos seus 84, con enruga naturais que fascinaron a Adolfo Domínguez, non perde o fío da actualidade. «Oio as noticias e danme pena os que viven na cidade e están nun piso. Tamén os que teñen unha casa ou un chalé e non poden ir polo confinamento», manifesta, solidaria, desde a súa casa do Corgo, na que vai resistindo con estoicismo, traballo no campo e coa radio. «Estou na casa á que me tocou vir cando faleceron os meus antepasados», detalla. Non parece mal lugar para agardar que a situación se normalice un pouco, non? «Non, non... Ti imaxínate que vivise nun faiado en Lugo por necesidades laborais, pola cuestión do ganapán, e que teño unha casa con terra e árbores pero non podo vir para ela. A xente está moitas veces na cidade por cuestións de traballo e, cando ten un momentiño, escapa! Non quero imaxinar unha familia con tres ou catro fillos. Pero a vida é complicada», reflexiona.

«PARA QUE SERVE O MEDO?»

Benedicta non viviu nada nin «lixeiramente parecido» á crise do coronavirus. «Nin sequera me entra na cabeza. Poño a radio e están constantemente tocando iso. Eu, de momento, non coñezo a ninguén que estea enfermo», conta. «Dentro da alteración, todo vai normal».

 -Que nos receita para este encerro, dende a súa experiencia, sabedoría e humor?

-Que che dea receita! Agora si que me pos entre a espada e a parede. Para min a música é o alimento da alma. Eu estou ben, pero un día que estaba medio desanimada, nun deses momentos nos que non te atopas co optimismo normal, e tiña a radio posta, vai e soa esa canción, Resistiré, que eu digo: «Se a min me deron un Goya, a eles téñenlles que dar 50». Estaba eu murcha, sen saber que facer, soou Resistiré na radio, ¡nena querida, levanteime, fun desde a habitación bailando a outra habitación: Resistirééééé! Mira ti por onde, agora é o himno nacional.

-Seguro que a bailou de nova, como o «Agapimú», que tan dá para cantar...

-Non, non, desde que casei non volvín bailar. O meu marido non era de cantos nin de bailes. Eu si, a música encántame, pero a vida me foi levando por outros camiños. Non me levou a moitas distraccións. Eu buscaba o asunto por outro lado. Sempre me gustou moito a natureza, a praia, o monte. Fun alpinista, de camiñada e escalada polas montañas. Eu refuxieime moito na seriedade do bo compañeirismo e a rapazada, pero nunca fun para un salón de baile. Non, non era o meu mundo.

 "Estou derrengada de cortar silvas e cavar, a natureza traballa máis ca eu. Se non me sacudo, a natureza me invade toda. Un día voume acostar e ter unha silva na cama!"

-Acompáñana animais este encerro?

-Non, non, non quero... Tiña unha horta moi bonita, pero a natureza traballa máis ca min, a todas horas. Estou derrengada de cortar silvas, de cavar. Un día voume deitar e vou ter unha silva na cama! Se non me sacudo, a natureza me invade toda.

-As voces medran a eito no terreo de incerteza. Sobreviviremos á crise, a este «carallovirus», como se lle di no coloquial?

-Que queres que che diga? Dámoslle as costas á morte sabendo que está aí, antes ou despois. Sempre. Hai que mirar a realidade de fronte. Téñoo dito moitas veces, o medo que é... sentimento de culpa ou falta de curiosidade? Para que quero o medo? Non me sirve de nada! Non é bo compañeiro. Se sinto un ruído, onde me vou meter? Do que eu teña conciencia, non fixen ningún dano, así que miro de fronte quen anda bulindo por aí. Teño unha amiga que me di: «Ai, eu féchome nada máis que chega a noite». Eu non, tamén cerro a porta con chave naturalmente, pero se sinto algún ruído pois asómome.

-Certo illamento, algo de soidade e de freo, ten unha parte positiva?

-Hai que descansar, si. E escusas de falar con xente coa que tes pouco que falar, que falan pero nada che din...

-Dixónolo hai dous meses: a Terra vaise fartar e dicirnos «ata aquí».

-A terra é a nai de todos, e o diñeiro, a roda que move o mundo. Cando era nena pensaba que a miña vida estaba lonxe das montañas polas que bulía, pero non pensei nunca que lavaría a roupa do meu marido. As mulleres somos, ao final, as salvadoras do mundo.