Miguel Tubío, Martín Códax: «Hai cousas da agroecoloxía que se poden aplicar no viñedo galego»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Miguel Tubío sostén que a agricultura rexenerativa pode ser interesante para o viñedo galego
Miguel Tubío sostén que a agricultura rexenerativa pode ser interesante para o viñedo galego MONICA IRAGO

O ecolóxico non funciona neste cultivo, asegura o director de Viticultura da adega, por iso queren agora buscar novos sistemas de agricultura rexenerativa para conseguir unha uva máis sostible

09 feb 2026 . Actualizado a las 22:12 h.

En Martín Códax Viticultores son moi conscientes de que a actividade agrícola debe ser cada vez máis respectuosa co medio ambiente. Pero tamén de que é preciso buscar a fórmula para que esa sostibilidade ambiental sexa compatible coa económica. Así que esta semana, os viticultores recibiron unha charla de Jairo Restrepo, experto en agroecoloxía e agricultura rexenerativa, para ver se algún destes sistemas se poden aplicar no Salnés. «Queríamos dar a coñecer esa tendencia e ver as posibilidades que temos de poder aplicala aquí, cos nosos viticultores», explica Miguel Tubío, director técnico da adega. Asegura que, agora, van facer estudios para testar se algún destes sistemas para ver a súa viabilidade.

—¿Qué lle pareceu o que a agroecoloxía e a agricultura rexenerativa poden ofrecer ao viñedo?

—Non hai un ha receita, nin unha solución máxica. Trátase de entender como se pode facer un modelo de viticultora que sexa sustentable, que nos permita reducir o consumo de insumos e mellorar a biodiversidade do solo. Creemos que hai moitas cousas que se poden aplicar e, de feito, nós xa estamos traballando con algunhas delas. Hai anos que estamos tentando substituír os abonos químicos polos orgánicos e agora estamos metidos tamén nun proceso de compostaxe e economía circular. E esta xente que veu darnos a charla leva moito tempo traballando con ese mesmo enfoque. Ese proceso de agrocompostaxe no que estamos traballando vai encamiñado a conseguir unha produción de mais calidade a través de aportarlle máis ao chan.

—O que está claro é que hai que coñecer alternativas porque o futuro pasa por ser máis sostibles.

—Todo o que é a agroecoloxía basease na redución do uso de produtos químicos, pero mellorando a saúde e o estado do solo. Hai que convivir coas pragas e aquí temos unha zona onde o cultivo cen por cen ecolóxico o vemos difícil. Pero todas as normativas mundiais van nese camiño. Incluso as agriculturas máis avanzas e en extensivo están traballando con bioinsumos, porque saben que a agricultura baseada en químicos, a longo prazo, non é sostible. Esta tendencia veu para quedarse e sabemos que a agricultura baseada en químicos vai transicionar a outra orgánica, tanto en xestión do chan como en insumos, entendidos estes como todos os produtos que se usan nos cultivos, desde os fertilizantes aos fitosanitarios. Esta é unha tendencia mundial e aquí xa estamos empezando a usar aceite de laranxa e preparados de lecitina de soia... Actualmente non son unha alternativa sólida para controlar a presión que temos do mildeu, pero á larga non o sabemos.

—Penedés acaba de presentarse como a primeira denominación completamente ecolóxica e esa parece que é a tendencia en todo o sector.

—Sempre que falamos en termos de sustentabilidade temos claro que a primeira é a económica. Aquí xa probamos a viticultura ecolóxica baseada en cobre, pero o risco para o cultivo é moi grande e, ademais, a cantidade de cobre que temos que utilizar para sacar adiante a colleita está por riba da permitida pola lexislación. Así que hai xente que quere ser ecolóxica, pero a realidade é que non pode. Agora, a agroecoloxía aborda a cuestión xeral da sanidade da planta a través da mellora do chan coa fertilización. Nós fixemos a charla para informar aos viticultores e agora miraremos de poñer en marcha algunha iniciativa para ver se pode ter interese.

—A agricultura rexenerativa non so fala de ser máis respectuosos co medio ambiente senón tamén de aforrar cartos grazas ao aforro no consumo de insumos.

—Se miramos a actividade de Jairo Restrepo vemos que ven da economía de subsistencia, dun sistema onde os agricultores non teñen acceso a insumos e desenvolven un modelo de agroecoloxía para facer un cultivo con máis rendemento e sen necesidade de ir a produtos químicos. Consegue que o chan traballe para a planta, que vai deixar de necesitar abonos. Ademais, se conseguimos que a planta sexa máis forte será capaz de soportar mellor as pragas. Esa é a base teórica, pero non é a panacea.

 

«Se houbera algo que evitara que o viticultor tivera que sulfatar, ten por seguro que o faría»

A cantidade de tratamentos que os viticultores teñen que aplicar para sacar adiante a colleita converteuse nos últimos tempos en motivo de polémica. Tubío afirma que os viticultores son os primeiros en quere ser ecolóxicos.

—Aquí se pensa que o máis doado para o viticultor é dar dez mans de sulfato, pero a realidade é que o viticultor tamén querería ser máis sostible, ¿verdade?

—Esa é unha lousa que pesa sobre os viticultores, que pensamos que son o demo. O viticultor ten moito máis que facer que coller a máquina e sulfatar. E se hai algo que lle vai evitar ese traballo ten por seguro que sería o primeiro en facelo. Pero as cousas hai que facelas con cabeza e sentido común e non podemos facer prácticas que ataquen á viabilidade económica das explotacións. A nós pasounos coas cubertas vexetais. Agora ves a maioría das viñas con herba todo o ano. Cando empezamos, hai 25 anos, os viticultores labraban todas as semanas. E empezamos a facer campañas de que as cubertas eran mellores, porque retiñan a auga e non erosionaban e, pouco a pouco, a xente foi adoptando esa práctica. Fixémolo igual co abono orgánico e agora temos moitos viticultores que non queren outra cousa. Pero o fan porque ven que a planta mellora, hai que traballar para demostrar que as cousas funcionan.

—¿Van implantar algún deste métodos de agroecoloxía nos seus viñedos?

—Estamos preparando o plan anual e seguro que imos facer algún programa piloto para ver de probar cousas deste tipo, queremos ver como funcionan aquí e se nos poden axudar. Todas esas teorías non son novidade, pero agora vemos a oportunidade de aplicalas aquí. Xa fixemos ensaios co ecolóxico e vimos que o efecto negativo era tal que os freamos.