Transfusión cultural para o rural

O festival FICRural propón un debate arredor de películas, literatura, arte, fotografía e música sobre a relación da creación co mundo campesiño

O músico británico Kevin Weatherill, de Inmaculate Fools, afincado en Galicia
O músico británico Kevin Weatherill, de Inmaculate Fools, afincado en Galicia

redacción / la voz

«O rural non está morto. Hai moito por facer, e a cultura, co seu poder transformador, tamén pode facer moito». Neste diagnóstico con receita de Aser Álvarez (Bande, 1976) radica a razón de ser de FICRural, un encontro que vive as súas xornadas principais entre este xoves e o vindeiro sábado: que pode facer a creación cultural polo rural?

Álvarez, director de Arraianos Producións, promotora do festival, ten moi claro que a cultura é unha das posibles transfusión que pode mellorar as circunstancias que vive outra cultura, neste caso, secular: a campesiña. Con doenzas como o despoboamento ou a atomización, FICRural aspira a ser un punto de encontro que visibilice proxectos nacidos no rural, coa cultura como marco.

Mentres noutros foros se fala preferentemente de demografía e economía -tamén aquí: unha parte da cita está reservada a debater sobre dinamización, muller e emprendemento ou urbanismo-, o FICRural ten como estímulos do debate películas, cancións, fotografías ou murais. O encontro cita a músicos como Kevin Weatherill, líder do conxunto británico Inmaculate Fools e asentado nunha aldea galega, ou o artista Yoseba MP, coñecido polos seus murais protagonizados por mulleres do rural e que fará unha intervención artística mentres dure o certame. As xornadas teñen o seu xermolo no festival de cine rural que chega á súa quinta edición e iso tamén se traduce no peso do ámbito audiovisual no programa. Acudirán cineastas como Oliver Laxe, haberá senllas homenaxes a Carlos Velo e Eloy Lozano e presentarase Galicia na memoria, unha escolma de fondos fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego entre 1934 e 1989. Proxectaranse tamén os traballos finalistas do certame, onde se poden atopar filmacións dende mariñeiros galegos a historias chegadas de Bulgaria, China, Estados Unidos ou México.

A mostra fotográfica Anacos do rural de Compostela e A Coruña lembran ata que punto son permeables os lindes entre o urbano e o campesiño nas cidades galegas, por moito que, como subliña Aser Álvarez, é unha realidade que a moitos resulta descoñecida. Outra eiva, a invisibilidade, que sumar aos males do rural.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
4 votos
Comentarios

Transfusión cultural para o rural