«Come a comarca» chega a Deza e o Baixo Miño

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite este mércores, ás 22.35 horas, a terceira entrega do concurso gastronómico

30 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O concurso gastronómico da TVG Come a comarca chega na súa terceira entrega (esta noite en TVG, ás 22.35 horas) á provincia de Pontevedra. Os espectadores asistirán unha semana máis a un novo enfrontamento entre dúas das 16 comarcas galegas que participan no torneo. Desta volta serán os equipos do Deza e do Baixo Miño os que tentarán seguir adiante nunha competición na que está en xogo para os cinco profesionais dos fogóns non só o prestixio de deixar quedar ben aos seus territorios: quen chegue á final gañará 5.000 euros e a comarca vencedora da final farase con 15.000 euros.

Fran Cañotas, presentador do espazo, percorrerá as comarcas cunha dobre motivación: facer país amosando a súa riqueza gastronómica e sumar, de paso, aos mellores expoñentes da súa riqueza culinaria. Así, a ruta inclúe no Deza unha visita ao restaurante Cabanas, referencia no que se refire á elaboración de cocido en Lalín; e haberá parada tamén en Kalekói, unha aposta pola artesanía no mundo do iogur. Xa no Baixo Miño, a aventura de dar con cociñeiros que cumpran alto nivel de esixencia do concurso, achégase en Tui a Alimentación Alonso, o establecemento de alimentación máis antigo de toda Galicia; ou ao parador da mesma localidade, un edificio espectacular con vistas privilexiadas e con pratos acordes á súa sona.

Conformados os equipos comarcais, a praza da Ferraría de Pontevedra será o campo neutral dunha batalla épica. O equipo do Deza estará capitaneado por Alejandro Iglesias, do restaurante Cabanas. Xunto a el competirán Belén Castro, de Casa Castro (Vila de Cruces); Alba Varela, de Casa Achacán (Rodeiro); David Puga e Pablo Jordedo. No outro bando estará o equipo do Baixo Miño, liderado por Miguel Rodríguez, xefe de cociña do Parador de Tui, acompañado por Raquel Alonso, de Cociñarte (Tui); o reposteiro Carlos Fariña, Judicael Romero e Alba Mier. Terán que elaborar o menú que presenten os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea. E sobre todo, convencer a un xurado composto por 15 expertos en gastronomía, que probarán as súas elaboracións nunha cata a cegas.