Fran Cañotas: «Estou coñecendo lugares e xente incrible grazas a ''Come a Comarca''»

Mónica Pérez
M. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

O presentador asegura que a rivalidade medra no programa semana tras semana

20 dic 2020 . Actualizado a las 13:04 h.

Fran Cañotas (Arzúa, 1992) volve exercer de mestre de cerimonias en Come a Comarca: As Batallas o programa de Televisión de Galicia producido por Voz Audiovisual que nesta segunda temporada se volve profesional e moito máis competitivo, enfrontando a cociñeiros profesionais de dezaseis comarcas galegas.

-«Come a Comarca: As Batallas», faise profesional. Cales son os principais cambios?

-Antes competía un grupo de afeccionados que pasaran un cásting, coma en calquera reality de cociña, contra as comarcas de Galicia para o que se recrutaban cociñeiros profesionais, pero agora son todos profesionais. É coma unha competición de Liga de Campións ou de NBA, cada semana vaise eliminando unha ata que chegan as semifinais e a gran final, onde se xogan 15.000 euros para o gañador e 5.000 para o finalista.

-Agora entón hai moito nivel.

-Si, con produtos tradicionais de Galicia, como poden ser o porco celta ou a pescada de Celeiro, por exemplo, fanse elaboracións máis complexas con técnicas máis vangardistas de cociña: a baixa temperatura, esferificacións, xelificacións,... Agora xa hai unha técnica moi evidente, moi palpable. Hai un nivel completamente profesional.

-Desas técnicas de cociña, cal foi a que máis lle sorprendeu?

-Todas, eu son bastante «patoso» na cociña e cando chegas alí e empezas a ver... A min o de xelificar paréceme unha marabilla. Facer boliñas de crema dunha alga, conseguir sacar o sabor e que che exploten na boca... A min iso paréceme unha marabilla, son técnicas que nunca vira en directo.

-Como foi gravar coa pandemia?

-Foi un reto por parte de todo o equipo, pero para min o de manter a distancia social é especialmente difícil, porque son moi sociable e cando estou falando con alguén gústame estar preto del. É complicado, pero levámolo marabillosamente, hai moitas cousas podemos gravar ao aire libre. No interior hai que ter moito máis tino con non tocar, desinfectarnos continuamente,...

-Algún momento co que se quede especialmente de «Come a Comarca. As Batallas»?

-Moitos, pero por exemplo no primeiro programa que fomos a Coristanco a xunto dunha parella que teñen unha empresa e sorprendeume porque teñen tan bo produto (garavanzos bágoa, patacas de diferentes variedades, cenorias...) que os subministran a moitos restaurantes Estrelas Michelin de Galicia e España. Temos produtos aquí que ás veces non os poñemos en valor, queixámonos de que non nos vendemos suficientemente ben, e estas empresas son a proba de que si se pode. A maioría dos produtores que visitamos eu non sabía nin que podían existir en Galicia. O que máis me gusta do programa é coñecer os lugares aos que imos, caso de O Xurés ou zonas dos Ancares, que son sitios marabillosos e son incribles. E ao par coñeces esa xente que son os verdadeiros potenciadores do país, son os que poñen en valor eses produtos, esas zonas e esa forma de vida.

-Hai moita rivalidade?

-Si hai, pero é unha rivalidade sá. Ves que a xente quere gañar, tal como está a situación agora mesmo, quen non quere 20.000 euros en premios? Paréceme un premio como non había moito tempo na televisión. Sempre dixen que me gustaría presentar concursos para repartir cartos, é unha cousa que sempre me gustou, ter a oportunidade de darlle a alguén premios, máis agora que hai moitos restaurantes pechados que o están pasando fatal. Paréceme marabilloso. E eles loxicamente tamén queren gañar, tamén polo prestixio de ser a comarca onde mellor se cociña. Como somos tan de localismos en Galicia, no programa descubrirmos que existe o comarcalismo (ri). Os marcos de toda a vida! A competitividade vai aumentando conforme pasan os programas.

-Que lle diría a un espectador que non puido ver o primeiro programa para animalo a ver os seguintes?

-Pois o primeiro que ten que velo na web da Televisión de Galicia (ri). E segundo que a emoción vai aumentando co paso dos programas, porque cada vez hai menos comarcas e a dificultade aumenta e van ver elaboracións con produtos tradicionais que non están acostumados a ver, dunha maneira vangardista, totalmente distinta. Sorprendeume moito o de darlle a volta a alimentos coñecidos. É un concepto de gastronomía galega completamente distinto ao que estamos afeitos a ver na televisión.