Moexmu contará con máis de 200 animais de 30 explotacións

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Organizadores e colaboradores de Moexmu, na presentación do programa na Deputación.
Organizadores e colaboradores de Moexmu, na presentación do programa na Deputación. CEDIDA

Os 25.000 metros cadrados de exposición terán maquinaria nova e usada, coches, motos, artesanía e gastronomía entre os días 1 e 3

26 mar 2022 . Actualizado a las 18:19 h.

Máis de 200 animais dunha trintena de explotacións gandeiras das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña se darán cita a próxima fin de semana (do 1 ao 3 de abril) na Mostra Exposición de Muimenta, a clásica Moexmu, que chega á súa 38 edición despois de dous anos de parón debido á pandemia. Gando, maquinaria agrícola e gandeira, artesanía, gastronomía e outros atractivos forman parte desta feira multisectorial cuxo programa foi presentado estes días na Deputación de Lugo a cargo de José Darriba Hermida, presidente da Moexmu; José Manuel Rus, coordinador da Mostra; Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo; Armando Castosa, alcalde de Cospeito, e Manuel Sandamil Cabana, presidente de Africor e Refriga. A entrada será de balde o venres, mentres que o sábado e o domingo custará 3 euros, aínda que os menores de 12 anos teñen a entrada libre. O pregoeiro desta edición será o xornalista Antón Losada.

A feira contará con máis de 25.000 metros cadrados de exposición, dos cales 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. Os postos, baixo cuberta, estarán ocupados por artesanía popular, viños, mel, utensilios gandeiros, o Centrad... E tamén haberá un estand para a recollida de axuda para Ucraína. A maioría dos expositores veñen de Galicia, pero tamén reservou xente de Asturias, Salamanca, León, Zamora, Zaragoza ou Madrid.

Ademais, dentro das instalacións do recinto feiral Manuel Vila López presentaranse novidades por parte de Hermanos Falcón, Tecnoagri, Agrícola Acevedo, Innogando ou Tecgal Enerxías.

Variedade de actividades

Por outra banda, mantense o concurso de cans de palleiro, puntuable para o Campionato Galego, o domingo ás 16.30 horas. E, no campo da Igrexa Vella, poderanse visitar tanto o Museo Pedagóxico coma o da Zoca, xestionados por Xotramu. Tamén haberá actuacións musicais.

O programa inclúe concurso, exposición e poxa de gando frisón e rubio galego, sendo o único concurso de gando frisón que queda en Galicia, e concursos de manexadores. Este ano, a Moexmu tamén acollerá o Concurso Autonómico de Raza Frisona de Galicia (Fefriga 2022), na que participarán explotación de toda Galicia.

Desde a organización explican que o XXXVI Concurso de Gando Frisón inclúe 24 seccións e campionatos, entre xatas, xovencas e vacas, con trofeos doados por empresarios do pobo e polas Administracións públicas. Esta edición, o premio para a vaca campioa será de 1.500 euros, 500 para xovenca e 250 euros ao mellor criador. Hai inscritas 28 ganderías de Lugo (14), A Coruña (10) e Pontevedra (4). O concurso autonómico comezará o sábado 2 ás 15.30 horas. Por outra banda, na Exposición de Raza Rubia Galega participan cinco cabezas de gando, en colaboración con Acruga.

Segundo apuntan os organizadores, a valoración do gando presente no recinto feiral será de 484.500 euros, mentres que o orzamento do concurso é de 70.000 euros. «Hai colaboradores do concurso de gando de toda Galicia, Santander, Burgos, León, Albacete ou Navarra, o que deixa ver a importancia que o concurso de gando de Muimenta ten a nivel nacional», sinalan. Mantéñense os premios en metálico e os trofeos para os campionatos, e os vales das casas comerciais, que roldarán os 25.000 euros. O xuíz será o galego Henrique Moniz. Na poxa de gando selecto participarán, en principio, trece cabezas, e terá lugar o sábado 2 ás 18.00 horas.