Alcaldes e cargos do PSOE de Lugo reclaman un plan de dixitalización no rural

«É un dereito ter un sinal adecuado de telefonía móbil e Internet, vivas onde vivas», explicou a secretaria provincial e parlamentaria, Patricia Otero

Alcalde e cargos do PSOE de Lugo reclamaron un plan de dixitalización no rural lucense
Alcalde e cargos do PSOE de Lugo reclamaron un plan de dixitalización no rural lucense

lugo

A secretaria provincial do PSdeG-PSOE en Lugo, Patricia Otero encabezou esta mañá, na parroquia lucense de Santa María de Bóveda a denuncia de alcaldes, senadores e deputados socialistas para reclamar á Xunta a posta en marcha dun Plan de Dixitalización para o rural da Provincia de Lugo «ante o abandono de Feijoo»

Otero explicou que «o confinamento pola covid-19 conlevou a necesidade de empregar preferentemente o teletraballo así como o peche de escolas, puxo a proba a capacidade de resposta do noso sistema educativo e a posibilidade de traballar dende as nosas vivendas». A secretaria provincial criticou «que moitos veciños carecen ou teñen mala cobertura de telefonía móbil e Internet, o que supón unha discriminación social, que incide directamente na perda de emprego e no despoboamento do rural».

Afirmou que os socialistas consideran «un dereito ter un sinal adecuado de telefonía móbil e Internet, vivas onde vivas. A dixitalización do mundo rural é clave para o seu desenrolo, tanto para avanzar en competitividade e sostibilidade, como para facer fronte ao despoboamento».

Otero considera que a dixitalización ten que converterse nunha prioridade«se de verdade queremos apostar dun xeito real e decidido polo noso rural, e non só con slóganes e propaganda como adoita facer o Partido Popular de Galicia».

Alcalde e cargos do PSOE de Lugo reclamaron un plan de dixitalización no rural lucense
Alcalde e cargos do PSOE de Lugo reclamaron un plan de dixitalización no rural lucense

Patricia Otero reclama ademais que «os fondos europeos destinados á dixitalización que se van transferir ás comunidades autónomas vaian condicionados tendo en conta ás entidades locais, é dicir, ás Deputacións e ós concellos da provincia de Lugo».

Iniciativas no Parlamento de Galicia

A secretaria provincial e deputada autonómica avanzou ademais que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar a aprobación deste Plan de Dixitalización ao PP. «Non vamos a quedarnos de brazos cruzados mentres hai parroquias da provincia de Lugo que non teñen cobertura de ningún tipo, así non se defende nin se impulsa o rural», lamentou.

Jose María Arias, alcalde de Castroverde, que fixo de voceiro dos alcaldes afectados, denunciou «que en pleno século XXI, coa pandemia do covid, puidemos comprobar como os concellos do rural lucense están completamente abandonados polo Goberno de Feijóo. Ao presidente da Xunta só lle interesa vir pasearse á nosa provincia cando hai eleccións, despois, pasou o día e pasou a romaría. Aquí seguimos esquecidos, sen cobertura, sen dotacións públicas, sen boas vías de comunicación e con recortes en servizos fundamentais como a sanidade e ou a educación».

Arias avanzou tamén que os rexedores socialistas da provincia de Lugo enviarán unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo co fin de obter axudas para a dixitalización, así como melloras de infraestruturas tecnolóxicas no rural lucense, e garantir unha conectividade dixital adecuada ao 100 % da poboación con independencia do seu lugar de residencia.

Patricia Otero estivo acompañada na parroquia lucense de Santa María de Bóveda do concello de Lugo de alcaldes, senadores e deputados socialistas da provincia. Ao encontro asistiron o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca e o secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga. Así como os alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia como a de Lugo, Lara Méndez; Vilalba, Elba Veleiro; Foz, Francisco Cajoto; Guitiriz, Marisol Morandeira; Fonsagrada, Carlos López; Castroverde, Jose María Arias; Láncara, Darío Piñeiro; Xermade, Roberto García; Meira, Antonio de Dios; Alfoz, Jorge Val; Cervantes, Benigno Gómez; Trabada, Mayra García; Navia de Suarna, José Fernández; Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; Ourol, José Luís Pajón, os concelleiros da Pontenova, Pastoriza e Lugo respectivamente, Isabel Couto, Tino Fernández e Miguel Fernández. Así como os deputados no Congreso pola provincia de Lugo, Ana Prieto e Javier Cerqueiro, o senador Cesar Mogo, o deputado autonómico, Luís Álvarez e o deputado provincial, Pablo Rivera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Alcaldes e cargos do PSOE de Lugo reclaman un plan de dixitalización no rural