Os improvisadores da montaña

LUGO

Samos acollerá o 11 de xullo o primeiro encontro de cantores populares das serras orientais lucenses

03 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un restaurante de Samos, a Parrillada Paredes, acollerá o día 11 a primeira reunión que se organiza coa finalidade exclusiva de reunir aos músicos populares da montaña lucense que conservan a tradición dos cantares improvisados coñecidos como brindos ou loias. A iniciativa partiu da Asociación Oral de Galicia, unha entidade que traballa intensamente desde hai anos na conservación e promoción das regueifas, un xénero musical moi similar e bastante máis coñecido, característico da Costa da Morte e outras zonas da franxa occidental de Galicia.

No encontro, que consistirá nunha comida, participarán arredor de dezaseis cantores populares que foron localizados recentemente polo profesor, musicólogo e escritor vigués Ramom Pinheiro Almuinha, coa axuda de diversos colaboradores. Entre eles estará Antonio Río Montero, máis coñecido como Ribeira de Louzarela. Natural do municipio de Pedrafita do Cebreiro, é o único brindeiro que actuou en escenarios e é coñecido pola súa participación nas diversas edicións do Filandón de Músicas do Courel e pola súa colaboración co gaiteiro Carlos Núñez.

«Moita xente cre que Ribeira de Louzarela, que é un cantor moi bon, é o último brindeiro vivo, pero aínda hai un certo número de persoas que conservan esta tradición», sinala Pinheiro. No encontro participarán homes e mulleres que residen nos municipios do Cebreiro, O Courel, As Nogais, Samos e A Pobra do Brollón. O investigador localizou ademais outros brindeiros en Quiroga e noutras localidades, pero nestes casos trátase de persoas de idade moi avanzada que hoxe xa non están en condicións de improvisar cantares.

Cantares de vodas

A tradición dos brindos está ligada ás vodas, que eran as ocasións nas que actuaban máis frecuentemente estes cantores. Os seus últimos redutos están hoxe na montaña lucense, mais en tempos este xénero estaba estendido por un territorio moito máis amplo. «Na Terra de Lemos e noutras zonas quedan algúns recordos desta tradición», dixo.