Ultimados todos os detalles da organización da sexta edición da Festa do pemento de Mougán, o rexedor de Guntín so agarda que hoxe sexa un bo día, que sexan moitos os visitantes que acudan a esta celebración, que poidan apreciar o bo sabor dos pementos, que fagan publicidade deles por todos os lugares por onde vaian e que aproveiten para disfrutar dun produto inigualable.
-¿Cal é a situación actual do pemento de Mougán?
-A produción multiplicouse considerablemente. Pódese dicir que na actualidade se produce cinco veces máis que hai cinco anos. Pero hai que ter en conta que a demanda tamén é moito maior que a de hai uns anos. Hoxe a demanda supera a oferta e iso provoca que xa se estean empezando a cultivar pementos de Mougán en invernadoiros. Isto ten tamén a súa lóxica, porque os que se cultivan ao aire libre poden verse afectados pola climatoloxía, e máis este ano, que non foi nada bo para este produto. Os pementos de Mougán necesitan calor e rego, e as baixas temperaturas pásanlles factura.
-¿É a parroquia de Mougán a única na que se cultivan estes pementos?
-Digamos que o microclima desta parroquia é o máis propicio para que estes pementos presenten unha excelente calidade, pero tamén se cultivan noutras parroquias do municipio que están preto desta, como Mosteiro, Ourol e mesmo Lousada. A zona de produción é bastante ampla, o que pasa é que se pode dicir que canto máis lonxe está a zona de produción da parroquia de referencia, menos calidade ten o produto.
-¿Houbo avances na comercialización para que o produto poida chegar a novos mercados?
-Para que iso sexa posible habería que empezar por producir máis pementos. Os de Mougán xa se están vendendo fóra de Galicia, pero para chegar aos grandes mercados está claro que debe haber máis produción. Aproveitando a ocasión quero facer un chamamento á xente que cultiva este produto para que se conciencien da importancia que tería poder incrementar a produción.
-Dende que se celebrou a primeira edición desta festa estase a falar de lograr a denominación de orixe para este produto, ¿hai algunha novidade ao respecto?
-A verdade é que o tema da denominación de orixe estivo bastante parado nestes últimos meses e para retomalo penso que teriamos que empezar de cero. De calquera xeito sigo pensando que lograla sería algo moi importante, non só para o pemento de Mougán, senón para outras clases de pementos galegos.