«Neste novo libro, o primeiro oficio é o dos teitadores»

Dolores Cela Castro
Dolores Cela O CEBREIRO

LUGO

Entrevista | Xosé Vázquez Pintos Vázquez Pintos é un especialista en vellos oficios de Galicia. Onte presentou no Cebreiro o último libro dunha serie que recolle 40 choios

30 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?l escritor Xosé Vázquez Pintos presentou onte no hórreo do Cebreiro o seu derradeiro libro da serie de oficios Tal era vivir que recolle dez novos, contados polos seus propios protagonistas, entre os que figura o de colmeiros ou teitadores. Atopou un no Cebreiro, Xesús Núñez García que o acompañou no acto. -¿Que contén o seu derradeiro libro? -É o terceiro dunha colección para Xerais. Antes publicÁronse Os vellos oficios e A tribu sabe , que están esgotados. A editorial encargoume que apurara o terceiro, que é o que presento. En total son 30 oficios dos máis significativos de Galicia e neste novo libro incluín dez. E o primeiro oficio é o dos colmeiros ou teitadores do Cebreiro. -¿Que conta deste oficio? -É o señor Xesús Núñez, da casa do Rañego, que ten unha palloza que el mesmo teita, o que fai memoria da sua infancia, xuventude e da madurez e de cómo era o seu oficio. Falamos no cemiterio do Cebreiro, sentados na lousa da súa dona e alí conversamos unha tarde enteira do inverno. El quedou viúvo, pero non quixo marchar cos fillos. -¿Cales son os outros que recolle o libro? -O seguinte son os canteiros de Galicia, personalizados na Terra dos Montes. Hai un apéndice que recolle a xerga dos arxines, que usaban cando ían a traballar fóra. Despois veñen os cesteiros de Mondariz: os cereiros de Forcarei; os encadernadores de Viveiro; as carreiras do cordel de Moaña, que tecían as cordas do mar e da terra; os ferradores e os aceiteiros de Quiroga. -Poucos lle deben quedar xa -Non. Quedan aínda moitos. Este é un traballo moi agradecido e animo a quen se sinta interesado, a facelo. Eu teño agora 30 familias amigas. Ademais, este é un traballo necesario para saber de onde vimos. -¿Será o último? -Interesábame rematar a serie con cinco ou seis coa única presenza do mar. Había que facer os percebeiros, os carpinteiros de Ribeira, percorrer a Costa da Morte onde hai unha gran presenza da muller. -¿Despois de no Cebreiro, onde presentará o libro? -O día 5 estaremos en Soutelo de Montes, cos canteiros, que son cinco. Un deles, de Cerdedo, emigrou co seu pai aos Estados Unidos e traballou na construcción do sartego dos Kennedy. O granito que se vía nestes días nas televisións en non sei qué conmemoración, traballárono eles.