Sánchez Aguión alerta de que os postos de traballo suspendidos por un ERE ameazan a evolución do mercado laboral este ano
26 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.«Non haberá folga xeral salvo que se se recorten os dereitos dos traballadores». Os sindicatos resérvanse esta carta para xogala en caso de que fracase o proceso de diálogo social aberto co Goberno e a patronal, no que, volven advertir, non permitirán un retroceso nos dereitos conqueridos.
-Xustifican o ton baixo das protestas pola crise no feito de que todo o emprego que se destruíu é temporal. ¿Non é unha forma de discriminar entre traballadores de primeira e de segunda?
-En absoluto. É evidenciar unha realidade que é crúa, que é dura, pero que é así. Poñamos por exemplo unha empresa con 500 traballadores na que se extingan os contratos. A súa capacidade de presión é moito maior que a de 20 pequenas que teñan a mesma plantilla. O que estamos a ver é que se destruíron os postos de traballo por varias razóns; unha delas, que desmente o que di a patronal, que é que hai elementos de flexibilidade máis que suficientes. Os datos o que demostran é que se ten producido unha perda inxente de postos de traballo, miles, porque eran empregos precarios, temporais, onde a empresa contrata e despide con absoluta facilidade. Iso é o que queriamos dicir, pero nós facemos a defensa tanto das grandes empresas como das pequenas. O que facemos é denunciar a situación de indefensión e aproveitamento que fai a patronal deste tipo de traballadores.
-Pero hai quen os acusa de estar calados ante un Goberno afín. ¿Cun de dereitas teriamos xa asistido a unha folga xeral?
-Iso forma parte da pelexa, da deslexitimación dos sindicatos para que fagamos menos forza. Non se trata dunha cuestión de escenario político. Nós o que constatamos é que, ata o de agora, este Goberno non ten adoptado ningún proceso de reforma laboral que supoña un retroceso no actual marco laboral. No momento en que se produzan recortes netos e claros nos dereitos dos traballadores terán unha resposta eficaz do movemento sindical, desde logo de Comisións Obreiras a van ter. De momento isto non se produciu, e non esquezamos que, ata o de agora, todas as crises sempre se saldaron con reformas laborais restritivas, con recortes para os traballadores.
-Se todo depende do proceso de reforma laboral, ¿cales son as liñas vermellas que marcaron nesa negociación?
-A liña vermella está situada no recorte das condicións de acceso e permanencia ao mercado de traballo. Non imos permitir cambios na modalidade de contratación que a precaricen e descausalicen máis. A reforma laboral debe ir en sentido contrario, en dar estabilidade e seguridade no traballo.
-No caso de Galicia, ¿como avanza o diálogo social?
-Máis lento do que sería desexable. O vindeiro día 28 hai unha reunión na que a Xunta comprometeuse a presentar o seu plan estratéxico. Non esquezamos que o Goberno galego ten un amplo nivel de competencias e, por tanto, de responsabilidade na adopción de medidas de carácter económico e social para paliar a situación dos traballadores. Nese marco abrimos o proceso de dialogo social, que é continuidade do que tivemos co bipartito, pero nun contexto de crise económica e social moi preocupante.
-Di Corbacho que o paro seguirá subindo este ano...
-O ritmo de perda de postos de traballo baixará, seguramente tamén en Galicia, pero todo indica que se producirá un recorte de emprego importante no 2010. Entre outras cousas, porque está por ver se todos eses expedientes de regulación de emprego de suspensión que están vixentes se prorrogan ou rematan coa extinción dos contratos. Para evitalo é preciso que o diálogo social xurda efecto canto antes, para garantir a viabilidade das empresas en dificultades e o mantemento dos empregos.
-¿Chegaremos ao 20% de paro este ano?
-Se non chegamos a el todo indica que, de non adoptar medidas eficaces e con carácter urxente, imos estar moi cerca. En todo caso, esa posibilidade o que esixe é maior celeridade e responsabilidade á hora de adoptar medidas.
-O Plan E demostrouse como un sostén eficaz para a construción, ¿pero cando estará listo o mercado laboral para funcionar sen estímulos públicos?
-Polo momento vai seguir sendo necesario. Agora pasamos ao Plan 5000, que introduce unha diferenza que nós vemos positiva, que é que non só se dedicará á construción, senón que hai unha porcentaxe para políticas sociais. O desenvolvemento da Lei de Dependencia é un viveiro de emprego e por aí é por onde hai que facer as inversións, porque a mellor protección social que se pode ter é o emprego.