Así se imprime un premio nacional: as editoriais universitarias alzan o voo

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

«Unha revolución copernicana», en palabras de Juan Blanco Valdés, ampliou e profesionalizou unha edición académica que abrangue todos os temas de interese da sociedade. A USC edita ata 50 libros ao ano

04 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Saltan os paxaros entre as pólas espidas que se adiviñan do outro lado das fiestras do Servizo de Publicacións da USC. Fano en voos curtos, os mesmos que ilustran a emigración das mulleres nas mans da profesora Ofelia Rey Castelao. O seu libro El vuelo corto, Premio Nacional de Historia, descansa sobre a mesa de Juan Blanco Valdés a carón de outros moitos, algúns tamén premiados, que son testemuño impreso de que pouco (ou nada) queda xa do sambenito que penduraba das prensas universitarias, condeadas a arrastrar o cliché dunha edición endogámica e endocéntrica para engordar currículos investigadores.

E porén, houbo unha revolución copernicana.

O termo que utiliza Juan Blanco Valdés, director do servizo, para definir o cambio substancial da edición universitaria en España ben podería ter sido extraído da colección Clásicos do Pensamento Universal, unha das 50 coas que conta o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que ten como últimas novidades a tradución de Teoloxía Política e Ex Captivitate Salus de Carl Schmitt, cun prólogo no que José Julio Fernández repasa, con documentación fotográfica incluída, a intensa e estreita relación do xurista con Galicia.

De cada dez libros que se editan en España, un leva o selo dunha editorial universitaria. Das prensas da USC saen entre 45 e 50 volumes cada ano. Iso conforma un importante discurso cultural contemporáneo, non só en cantidade e calidade, senón tamén en pluralidade de voces.

O amplísimo catálogo co que contribúe o servizo da USC vai moito máis aló do relato académico, aínda que nunca perde de vista o seu importante papel na coñecida como terceira misión da universidade: a transferencia do coñecemento, atopar «formas que efectivamente salten ese nicho» e cheguen ao gran público, explica Blanco Valdés, que resume nunha frase toda esta reportaxe: os libros son os buques insignia das universidades.

Aí está a análise atemperada de Emilio Pérez Touriño que leva por título El horizonte europeo, un libro que non é de investigación. Tampouco son unhas memorias melancólicas. É un libro de madurez, unha reflexión sobre a evolución política de Europa nos últimos 15 anos baixo a sombra de dúas crises, unha pandemia e o enfrontamento con Putin. «Como privar ao público da valía desas reflexións?».

 Ou das de Francisco Díaz-Fierros,que vén de achegar o seu imprescindible punto de vista sobre o monte en Eucaliptos en España: Razones y pasiones. Ou as do exreitor e académico da RAE Darío Villanueva, que escolleu a editora da USC para publicar De los trabajos y los días, unha especie de memorias académicas, persoais e profesionais.

Compopstela é un libro editado en colaboración co Consorcio de Santiago no que Alfonso Espiño pescuda nos grupos yeyé do Santiago dos 60. Con el alba, a edición facsimilar do caderno guerra de Valle-Inclán, levou o premio á mellor edición universitaria. E falando de literatura, da historia de amor entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós dá conta o epistolario analizado polas profesoras Ermitas Penas e Marisa Sotelo.

Emilia Pardo Bazán forma parte dun triángulo que se conformou nas prensas da USC durante a pandemia. O centenario de Concepción Arenal no 2021 levou a publicar canda ao Ateneo de Santiago La mujer del porvenir y La mujer de su casa. Ao ano seguinte, canda ao epistolario de Pardo Bazán editouse El visitador del preso en Clásicos do Pensamento Universal e o premio Xohana Torres, que ese ano foi para a investigadora Ana Garrido con Xohana Torres: da viúva de vivo á muller navegante.

Así se edita un premio

«Non é unha cuestión de diñeiro». A USC ten libros premiados que non foron dunha factura cara. Ao contrario. É cuestión de «ter conciencia do que é o traballo, que non ten que limitarse a reproducir o que di un regulamento como servizo público que somos, senón a facer da edición académica un traballo auténticamente profesional», subliña o director do Servizo de Publicacións da USC. 

A edición universitaria non busca autores. Son os autores os que buscan a editorial e fano tendo en conta o seu prestixio. O CSIC fai cada catro anos un ránking de editoriais universitarias fundado no prestixio percibido polo profesorado e o persoal investigador español. No 2014, a USC estaba no posto 128. Catro anos despois, escalara 76 postos, ata o 52. 

A maior prestixio, maior demanda. «Publicar a Ofelia Rey, a Darío Villanueva, a Emilio Pérez Touriño ou a outros moitos autores que podería citar é indicativo de que algo fixemos ben», porque son autores que poderían, sen dúbida, publicar coas editorais máis prestixiosas de España. 

A USC edita fundamentalmente a través de dúas grandes canles. O primeiro, o de maior prestixio, é o selo USC Editora (que ten unha certificación de calidade ISO dende o 2014), financiado pola propia editorial e de control científico. É dicir, os textos que se publican baixo este selo, por exemplo o de Ofelia Rey, están sometidos ao rigoroso sistema de revisión por pares.

Ao ter que ser analizado por outros científicos, o período de edición é máis longo, aínda que case nunca excede entre os 10 e os 14 meses. Ese proceso tamén fai que se editen entre tres e catro títulos ao ano. 

A outra gran vía é a publicación de textos financiados e avalados científicamente polos grupos científicos, os departamentos, institutos, centros singulares e as facultades, cun período máis curto entre a recepción do orixinal e a súa saída da imprenta. Son as que «proveñen da multiplicidade de iniciativas que se poden atopar nunha universidade».

O primeiro plan de estudos de Química é de 1922. E a USC tivo o primeiro plan de estudos de Historia no ano 1923. Dous centenarios que terán cadansúa publicación na editorial da USC. Cuestión de Química está coordinado por Pilar Bermejo e Razón de Historia, previsiblemente, por Ramón Villares. 

Se as universidades son «máquinas de producir coñecemento, de producir cultura», a edición universitaria podería definirse como o engrenaxe que fai posible «remover conciencias», que está en permanente contacto co interese e a necesidade social nos máis variados terreos. E faino sempre con azos de altruismo, porque unha das peculiaridades que define a edición universitaria é que non ten ánimo de lucro. Pero sí erguer a voz no relato cultural dun país. De establecer diálogos.

Así que a editorial da USC ten aberta unha fructífera vía de coedición non só co Consorcio de Santiago, tamén con Alvarellos, por exemplo. No Arquivo Universitario agromaron as primeiras fotografías da comunidade da USC, de finais do XIX. O autor das instantáneas, ademais, é o artista francés ambulante Jules-David Cavaz, considerado hoxe o primeiro gran fotógrafo europeo. As imaxes poden verse no libro A universidade retratada: Jules David-Cavaz en Galicia (1882), que recolle o traballo de Carlos Castelao.

 Coa UDC publicouse Baixo os tileiros, sobre a recepción da literatura alemá en Galicia e este ano coeditarase unha tradución ao español da obra matemática completa de Bernhard Riemann, autor da hipótese de Riemann.

Coa Universidade de Cantabria, a USC coeditou Historia de la literatura ilustrada española del siglo XIX, que tamén foi premio nacional á mellor coedición. E coa Fundación Dieta Atlántica e Vegalsa publicáronse as Bases científicas de la Dieta Atlántica.

Ademais, o vindeiro ano publicará co Concello de Pontevedra a reedición d'A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega dentro da colección de divulgación Galicia, e co Concello de Pontedeume xa publicou as lendas de Terras do Eume.

«Xogamos coa marca USC, que se pode asociar do máis local ao máis internacional». Abofé. As Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor foi premio nacional á mellor coedición universitaria coa Universidade Granada, e de Talca, en Chile. 

Do prelo saíu xa Turpino e la saga carolingia, coeditado coa Universidade de Turín, un libro con cinco traballos en francés, catro en italiano, dous en inglés e un en español, traballos de investigadores británicos, alemáns, italianos, franceses, e de Estados Unidos. «Son libros dunha internacionalidade moi potente» e unha carta de presentación fundamental para a USC, explica Blanco Valdés. 

Gutenberg na nova galaxia

En 1962, Marshall McLuhan publicaba A Galaxia Gutenberg. Facíao nunha editorial universitaria. O seu libro converteuno nun profeta da modernidade, capaz de adiantarse ao impacto sociolóxico da revolución tecnolóxica na que estamos inmersos. Tamén a edición universitaria iniciou a viaxe interestelar cara a unha nova galaxia: a da palabra electrónica.

«Editamos moito en dixital e editamos moito en acceso aberto», explica o director do Servizo de Publicacións da USC, que conta un portal de revistas conformado poe 23 publicacións, todas en aberto. 

Encárgase tamén da edición das teses que se len cada ano, que quedan aloxadas no repositorio Minerva e que polo momento conta con máis de 3.000 traballos en acceso aberto. E tamén hai coleccións dixitais nativas, como as unidades didácticas en galego, das que se poden publicar arredor de 40 títulos cada ano.

«Eu non creo que o libro en papel desapareza nunca». O director do Servizo de Publicacións da USC mergúllase nun debate que se leva dando poucos anos, pero que parece eterno sobre se ao final o vídeo vai asasinar á estrela de radio. Sobre se non estaremos orbitando en realidade no mesmo brazo da Galaxia Gutenberg.

«Nunca se editou tanto nin se editou mellor». Só hai que dar un paseo, polas feiras do libro, con xente comprometida, especializada en nichos, que está facendo edicións marabillosas. «Agora edítase con gusto, con mimo».

Juan Blanco Valdés cita a André Schiffrin e o seu La edición sin editores para falar das grandes corporacións que intentaron facer da edición unha parte máis do enterteiment, canda ao cine, a televisión, medios, redes sociais... e libros.

Claro, sen ter en conta que nos barómetros de lectura da maior parte dos países occidentais, entre eles España, das dez actividades de lecer para adolescentes, a lectura está en noveno posto. O décimo é para non facer nada. 

«Pensar o libro é o máis fascinante da profesión». Hai futuro, abofé. Caixa alta e caixa baixa para un 2023 xa con proxectos en marcha no prelo da USC. Clásicos do Pensamento Universal incluirá as Confesións de San Agustín. Tamén se editará Como facer cousas con palabras, de John Langshaw Austin, que foi o abrollo do que medraría a lingüística prágmatica contemporánea e O historicismo e a súa xénese, de Friedrich Meinecke. 

«Pode pasar desapercibido», pero así é a contribución da edición universitaria ao relato cultural contemporáneo. Traballando en proxectos como un volume sobre musealizar a arte do exilio galego, ou Sangre, sexo y poder: la genética de la consanguinidad humana, dentro da colección de divulgación. Ou, co Consorcio, un sobre a produción gráfica manuscrita en Santiago, un estudo sobre as formas, os soportes, as comunicacións nos séculos XV e XVI. 

E para o 2024 é posible que vexa a luz De Santiago a los Andes, unha recompilación dos imaxinarios de Santiago en hispanoamérica dunha autora da Universidade Católica de Chile que contactou co Servizo de Publicacións da USC para ofrecer o manuscrito.