Concepción Arenal, abrir os cárceres

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo, 1893)
Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo, 1893)

A USC trae ao galego a obra da pensadora ferrolá «O visitador do preso»

19 abr 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

A Universidade de Santiago (USC) tomou moi en serio a súa decisión de dedicarlle o ano 2020 a Concepción Arenal, aproveitando o bicentenario do nacemento da autora ferrolá e co obxectivo de por en valor a súa «calidoscópica figura» e a súa «relevancia na historia universal do pensamento». Pese aos efectos da pandemia do covid-19, seguiu adiante cun proxecto que culminou no Colexio de Fonseca coa exposición Concepción Arenal. A conciencia da razón, da que foron comisarios a catedrática de Dereito Civil María Paz García Rubio e o director da Biblioteca Concepción Arenal da USC, José Francisco Méndez García, da que quedou como testemuño o magnífico catálogo da mostra que inclúe unha decena de ensaios que abordan as distintas facetas da rica traxectoria da intelectual galega, piar fundamental en ámbitos como o feminismo, as liberdades civís, as ciencias penais, a acción social, a educación e a mellora das prisións e o trato aos condenados.

Profundando neste terreo, a USC vén de traer ao galego para incorporar á súa colección Clásicos do Pensamento Universal -que xa acolle 37 obras, de autores como Hobbes, Séneca, Lévi-Strauss, Spinoza, Euclides ou Montaigne- un dos títulos clave na produción de Concepción Arenal: O visitador do preso. Traducido polos profesores de Dereito Penal da Universidade de Santiago Gumersindo Guinarte Cabada e Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas, fala da transcendencia de abrir os cárceres á sociedade para que poida penetrar neles un pouco de aire e luz e que así sexa posible que cheguen algunhas reformas que impulsen a modernización do funcionamento destas instalacións. A pensadora ferrolá entende que o illamento que caracteriza as prisións favorece unha falta de fiscalización que trae como consecuencia o deterioro da vida interna ao escapar ao control público e a unha mínima uniformización dos criterios. Detrás diso, o seu profundo convencemento de que debe respectarse a dignidade humana dos presos e de que a educación pode obrar neles a súa emenda e reintegración na vida en sociedade.

Arenal contempla dous tipos de visitadores, os que acceden á prisión en nome da ciencia e os que o fan no da caridade. Non deplora a primeira pero prefire a segunda, a que busca dar consolo, curar, ensinar e ofrecer esperanza e protección para cando o reo cumpra a pena e recobre a liberdade.