Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro: «Na Coruña o aplauso véndese moito máis caro que noutras cidades»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

<span lang= gl >Paulo Rodríguez é o responsable da exitosa programación do Teatro Rosalía de Castro</span>
Paulo Rodríguez é o responsable da exitosa programación do Teatro Rosalía de Castro ANGEL MANSO

O inmoble celebra o seu 185.º aniversario con mellor saúde que nunca

22 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En decembro de 1840 inaugurábase o Teatro Principal da Coruña nos terreos que antes ocupaba a igrexa de San Jorge. Un recinto que, co tempo e cun devastador incendio por medio, terminaría por converterse no centro de artes escénicas de referencia da cidade baixo un nome que rendía tributo á autora de Follas Novas. O Teatro Rosalía cumpre 185 anos e o fai con mellor saúde que nunca, encadeando cheos no seu patio de butacas grazas a unha programación tan diversa como suxerinte. Detrás deste fenómeno cultural está o seu director, Paulo Rodríguez (Casal de Alén, O Entrimo, Ourense, 1969), que define ao Rosalía como «un teatro da cidade, de todos, porque de feito naceu dunha cuestación popular».

—Dirixe todo un referente cultural da cidade.

—A Coruña ten un consumo de teatro e artes escénicas en xeral moi grande, que non se dá en ningunha outra cidade de Galicia. Ten moita tradición que vén xa dos teatros ambulantes e das compañías que facían ultramar entrando por Cádiz e saíndo por A Coruña ou ao revés. Tiñan que botar aquí semanas ata que saíra o seu barco, e iso deixou un poso que aínda se ve.

—O éxito actual non será só por unha cuestión histórica.

—Está claro que algo estamos facendo ben. É un teatro municipal, polo que a nosa vocación é de servizo público. Temos que cubrir parte das necesidades culturais da cidadanía. Sempre uso o símil de que somos médicos de familia que receitamos moitos xenéricos e algún específico. Intentamos abrir o foco o máis posible e chegar ao rango máis amplo que poidamos. Pero sen esquecer que pertencemos á rede cultural do IMCE, no que se xestionan cinco recintos moi diferentes, de modo que as liñas de programación se complementan unhas con outras. A nosa é máis unha programación para adultos, mentres que a da infancia faise no Fórum, por exemplo.

—Cantos abonados teñen para o Ciclo Principal de teatro?

— Na actualidade temos 741. Isto non é habitual nun teatro público. Houbo un punto de inflexión na pandemia, unha rexeneración do perfil do abonado. A xente maior colleu medo ás actividades compartidas nun recinto pechado e veu outro perfil, mulleres de 45 a 55 anos con independencia económica e inquedanzas culturais.

—Como fan unha programación que contente a todo ese público?

—O resumo é moitos quilómetros e moitas horas de espectáculos en directo. Paso boa parte do ano asistindo a festivais e feiras nas que estou catro días e vexo 20 ou 30 espectáculos. Acabo coa cabeza coma un bombo. Nós non enchemos unha axenda, senón que facemos unha programación, que non é o mesmo. Porque con esta programación construímos un relato, e ten que ser equilibrado. É un traballo de campo. Vexo máis de 300 espectáculos de teatro e danza ao ano. E por min metería o triplo de espectáculos e que fose o público o que seleccionase. Pero non é posible, porque a xente quere que lle deas ti a selección feita.

—E cal é o segredo do éxito do teatro?

—Que é unha programación meditada na que ás veces asumimos riscos pero na que sempre temos ao público como referencia. Eu non programo para min, se fose así teríamos 30 abonados como moito [ri]. Facemos a programación con moita anticipación. Agora xa teño pechada algunha estrea para o primeiro semestre do 2027. O reto é procurar espectáculos de grande calidade artística, non tanto teatro comercial. Non nos fixamos nos cabezas de cartel, aínda que ás veces veña xente coñecida. Non o necesitamos porque temos un público que ve teatro varias veces ao mes, con criterio propio e capacidade de valoración, cousa que non se pode dicir de todos os públicos.

—O público coruñés sabe de teatro, entón?

—Sabe, e moito. Cando unha compañía di que se levantou o público a aplaudir no Rosalía é que a cousa estaba moi ben. No sur hai dous aplausos e xa se levanta media platea, pero aquí somos norte, non se regala nada. Na Coruña o aplauso véndese moito máis caro que noutras cidades. Se alguén se levanta a aplaudir é un logro magnífico. Afortunadamente, pasa moitas veces, o que indica que algo estaremos facendo ben e que a selección do programa gusta.

«Meu soño é poder centrarme no artístico e non ter que preocuparme do edificio»

Estar á fronte dun teatro de 185 anos non é tarefa doada. Un edificio emblemático, parte da historia da cidade, necesita dunha atención especial, máis aló dunha programación impecable. E, a pesares dos innegables éxitos do teatro, para Paulo Rodríguez sempre hai oportunidade de crecer e innovar para continuar sendo un referente.

—Nestas datas de Nadal, qué lle pide o director do Rosalía aos Reis Magos?

—O meu desexo máis persoal é poder centrarme no artístico, nos contidos e no acompañamento dos creadores e dos públicos, e desligarme de todo o que ten que ver coa parte de mantemento do edificio, que pola súa idade necesita de moitos coidados. Sempre pechamos no mes de xullo, case desarmamos o teatro e o volvemos armar. Por iso está tan ben coidado. Pois o meu soño é desligarme diso, que sei que non o vou conseguir. É máis, está en licitación a reforma da cuberta para facelo neste próximo 2026. E postos a pedir, tamén pediría unha boa consignación económica dentro do orzamento municipal que nos permita ser máis ambiciosos e traer formatos máis grandes e máis caros. E por último, fortalecer os soportes de comunicación do teatro. Aínda que é certo que moitas veces non é necesario nin anunciar as cousas para esgotar entradas.

—Vense moi limitados polo tema económico?

—É un condicionante, claro. Os recursos son limitados e non podemos chegar a todo o que quixéramos, pero hai que adaptarse. E outra limitación é o calendario. A Coruña é a cidade máis urbana de Galicia, moito máis que Vigo. Iso implica que os seus hábitos de consumo de ocio e cultura están concentrados na fin de semana.