«Balbino mobilízanos a alma, é algo que lle chega á maior parte dos galegos»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Cándido Pazó, director escénico de «Memorias dun neno labrego»
Cándido Pazó, director escénico de «Memorias dun neno labrego» ANA GARCIA

Contraproducións e Centro Dramático traerán este venres a Vimianzo «Memorias dun neno labrego». O 21 de febreiro, a Carballo. Falan Cándido Pazó, director, e Santi Romay, actor malpicán

28 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non faltan plans a cuberto na Costa da Morte, e son de agradecer dado este tempo. En Vimianzo este venres 30 de xaneiro —20.30, auditorio, entradas en woutick.es— e en Carballo —o 21 de febreiro— poderase gozar de Memorias dun neno labrego, obra de Contraproducións e Centro Dramático Galego que está a causar sensación e que agora inicia xira, tamén da man da Xunta. Cúmprense 65 anos do libro e dez da morte do seu autor, Xosé Neira Vilas. Falaron en Radio Voz Cándido Pazó (Vigo, 1960), director da peza, e Santi Romay (Malpica, 1983), parte do elenco de actores, o toque bergantiñán.

—Todo vendido nas funcións feitas no Salón Teatro de Santiago, e todo vendido para cando volvan. Agardaban tal resposta?

—[Cándido] Non. Aínda que tiña confianza no proceso e pensaba que o espectáculo podía interesar, un ten que acertar coas teclas. Lembro pezas como A peste, que aínda sendo un éxito, houbo que esperar tempo para colgar o cartel de non hai entradas. Con Memorias foi dende o primeiro día. Supoño que se xunta o termos feito, créoo sinceramente, un bo traballo, con todo o que hai detrás do espectáculo. É algo que lle chega á maior parte dos galegos.

—[Santi] O máis incrible é a emoción e calor que nos chega dende o público. Cando prenden as luces do patio de butacas e vexo á xente, mesmo chorando, póñenseme os pelos de punta. Sabía que sería unha peza bonita, que falabamos dun clásico da literatura, e aínda así nunca crin que fósemos ter un arranque tan arrasador. Non só nos números, senón nese cariño. Téñennos dito que estamos á altura da novela!

—Pazó fixo unha versión teatral da novela, un paso máis, pois xa tiña feito monólogo. No espectáculo hai aportacións propias.

—[Cándido] A única maneira de trasladar o material dun libro a un escenario é sentíndote moi libre. Teatralmente, tes que condensar e inventar fórmulas para contar dunha maneira distinta o que se di no libro. Hai escenas no espectáculo que, tal cal, non están nel, pero en esencia si o están. Neira Vilas, teño que dicilo, era unha persoa colaboradora e comprometida coa liberdade creativa de quen se achegaba ás súas obras.

—Doada non debeu ser a escolla.

—Nin tan difícil, ao ter feito o monólogo... Sabes que foi difícil? Superar o prurito de querer ser orixinal, ese certo complexo de repetir as pasaxes, escollidas no seu día por ser as máis acaídas para levar ao teatro. Así que finalmente, con personaxes, actores e todo iso, o que fixen foi aproveitar a experiencia anterior.

Santi Romay, á dereita sobre o escenario. Actor malpicán presente na obra
Santi Romay, á dereita sobre o escenario. Actor malpicán presente na obra .

—A Balbino encárnao Xulio Abonjo. Que lle toca a Santi?

—[Santi]. O meu personaxe principal é Lelo, o fiel amigo de Balbino, do que ten que separarse porque marcha para América en busca dunha vida mellor. Interpreto ademais outros personaxes, máis corais, un xeneral do Ulla no entroido, un veciño que aparece cando Balbino anda perdido, un neno da escola... Salvo Xulio, que interpreta a Balbino maxistralmente, todos temos personaxes corais que rompen a cuarta parede e mesmo se dirixen ao público para narrar a historia.

—Onde cren que reside ese poder de conexión de «Memorias»?

—[Cándido] En que todos somos herdeiros dunha memoria colectiva. Os nenos de hoxe non viviron a vida de Balbino, e eu tampouco aínda sendo maior, pero todos somos ‘fillos de’, ‘netos de’, todos escoitamos unha reverberación que nos mobiliza a alma. Créase un estado de ánimo xeral favorable ao espectáculo, pero ao tempo é unha responsabilidade.

Xulio Abonjo, encarnando a Balbino en «Memorias dun neno labrego»
Xulio Abonjo, encarnando a Balbino en «Memorias dun neno labrego» SANDRA ALONSO

—[Santi] Memorias segue sendo unha lectura habitual nos institutos, e iso tamén crea público. Saíndo da casa o outro día, na Coruña, viñan uns mozos detrás de min e un preguntoulle ao outro cal fora a lectura que escollera para galego. «El neno labrego, neno», contestoulle. Balbino segue estando aí. Tiven a sorte de vivir parte da infancia nunha aldea, e facer Memorias lévame a eses recordos, intres bonitos da miña vida. Cada función é para min un regalo. É unha proposta escénica moi bonita, que balancea moi ben o drama con alivios cómicos. O público vaise divertir, vaise emocionar, a peza ten de todo. Luz, son, vestiario e escenografía arroupan a peza de xeito excepcional. E os actores... pois facemos o que podemos! [ri].

—Inician xira en Vimianzo, e tamén pasarán por Carballo.

—[Cándido]. Vimianzo é un teatro no que estamos cómodos, un lugar no que latexa o rural e onde esta peza, unha proposta moi sensorial, pode resoar. Logo de tres semanas de funcións, temos datos para dicir: «Señores, señoras, veñan que lles vai prestar».

—[Santi]. Á espera de que teñamos función na miña vila, eu teño media Malpica pendente das entradas de Carballo. Sairán á venda, por certo, este xoves ás 09.00.