Suso de Xornes, regueifeiro: «Incluso alguén con guión pode ter un erro, imaxina un improvisador!»
CARBALLO
Gentes del Finis Terrae | Gañou os Premios Galegos da Regueifa de Carballo o ano pasado, e este sábado volverá participar
07 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Jesús Lema García, Suso de Xornes (1957), levou nos Premios Galegos da Regueifa do 2025 o aplauso unánime do auditorio. El foi nomeado polo público gañador desa cuarta edición, e agora ás portas da quinta explicou en Radio Voz Bergantiños que, de novo, poderá volver estar: «En principio non hai anomalías grandes», di con sorna. Ten na memoria o auditorio cheo destes anos e admite que impón: «O que diga que non ten nervios... Eu téñoos, non coma cando empecei hai xa cousa de cincuenta anos, pero si. Aínda me acordo a segunda regueifa que cantei na miña vida, no barrio de Santa Margarida, 3.000 persoas. Estaban Calviño e Celestrino, metinme no medio para que non se me vise moito! Incluso alguén con guión pode ter un erro, imaxina un improvisador. Tes que ter un bo día... Inflúen moitas cousas».
De par de Suso estarán este vindeiro sábado ás 18.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo outros 13 regueifeiros de Bergantiños e diferentes puntos de Galicia. A improvisación oral revive. «Houbo un momento complicado, eramos moi poucos. Despois saíu aquilo de Valadares, con esa Asociación Oral que tivo un mérito enorme para que a regueifa non fose ao tacho. Empezamos a ir nós amosarlles o que era e mira, de aquilo a ser hoxe o que é! Esa asociación agora lévanos a todos en Galicia, e grazas a todo aquilo hai actualmente moi bos regueifeiros por Vigo. Aquí en Bergantiños está ese salto adiante que se dá nos institutos, e a Escola da Regueifa que dirixe Lupe... É unha marabilla, unha alegría. Cada ano que imos a Carballo aos rapaces véselles unha melloría: esa xente é a que ten o mérito», di Suso, incidindo en que, en moitos casos con curta idade, son quen de soltarse nun escenario. E sabe que non é doado: «Eu sei de xente por aquí, de Cabana, Ponteceso, Coristanco, que son buenísimos, pero nunca deron o paso do escenario. Nunca foron regueifeiros sendo moi bos improvisadores. O que fai unha escola como a de Carballo, ao estar todos xuntos, tamén é sacar un pouco a vergonza».
Nese vello debate sobre o regueifeiro nace ou se fai, Suso cre que «un pouquiño con nós nace», «pero a partir de aí todo hai que practicalo»: «Nós non somos igual hoxe que cando arrancamos. Como en todas as profesións, antes de ser oficial, es peón. Pero ser peón na regueifa, antes polo menos, era problemático. Tiñas aquelas fieras que te poñían fino, e o normal e que cederas rapidamente», ri. A convivencia entre novos talentos e veteranos é un valor engadido na cita de Carballo: «Moita xente vai por primeira vez, é unha experiencia distinta, nova, e gusta».
Nos Premios do Pazo os temas vanse elixindo ao chou, algo que Suso agradece: «Se sabes de que vas regueifar, non ten mérito, está ben que sexa a sorteo. Díxeno sempre: o problema do improvisador é ter tema do que improvisar, e ás veces non aparece, máis aínda se vas a sitios descoñecidos. Outra cousa é que che toque algo que non controlas. Aínda me acordo cando me tocaron as criptomonedas. Anda que o teño claro!, pensei. Pero hai que saír adiante», reflexiona o regueifeiro.
Xubilado da Garda Civil, di que vivir na aldea ten vantaxes: «Na casa sempre hai algo que facer e a min tamén me gusta andar. Fago de oito a dez quilómetros todos os días. E o resto do tempo, xa logo coma os rapaces, coa tablet e demais. O tempo hai que pasalo o mellormente posible». Polo de pronto, ben pode ser un entretemento acudir á estrea do documental Ao son da nova regueifa, este sábado ás 12.00 horas na biblioteca Rego da Balsa carballesa. Suso, un dos protagonistas, aínda non tivo ocasión de velo: «Pero penso que quedou moi ben».
Que din del polo sur...
Mani Braga: «Suso é como un coche eléctrico, ou como un dóberman. Pensas que non hai can e cando te das conta morde por todos os lados. Déixache gañar uns minutos, enches o escenario, é tan boa persoa que así o permite, pero despois lévalas. Na comarca viguesa séntese gran admiración por el, eu téñoa. Tiven a sorte de coñecelo. Un home educado, a súa ética...! Non é que pense que é o mellor regueifeiro de Galicia, que para min éo, senón que é a mellor persoa. Sen ego ningún, podéndoo ter».
Kike Estévez: «Nunha regueifa con Suso de Xornes non é que teñas bolboretas no estómago, é que tes velutinas. O de velutina vénlle xenial polo de aguilloado, aínda que el é abella de país. A cuestión nel é o seu rictus. Unha persoa impertérrita, dá igual o que che diga e como cho diga. Presencia, seriedade, melodía... Ten un punch insuperable. As regueifas con Suso son memorables, eu lévoas na memoria».