A estrea do documental «Ao son da nova regueifa», este sábado en Carballo
CARBALLO
Será ás doce do mediodía, na biblioteca Rego da Balsa, e complementará a programación dos Premios Galegos da Regueifa
06 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Logo de presentarse oficialmente na última edición do Culturgal, e de ofrecérense avances no Castelo Conta e no pasado FIOT, este sábado estrearase en Carballo —coincidindo coa gran cita anual da improvisación oral— o documental Ao son da nova regueifa, producido por Undodez e dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. «Unha viaxe na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte na Galiza», avanzan.
«Estamos moi contentos, porque é unha viaxe moi chula e Bergantiños será un dos puntos neurálxicos iniciáticos», apunta Maseda, sobre o conxunto de proxeccións que teñen previstas por toda a comunidade. Son sesenta minutos de audiovisual, e pretenden que sexan tamén sesenta as presentacións, entre as provincias da Coruña e de Pontevedra.
Voces como a dese trío de ases que forman Lupe Blanco e Suso e Antonio de Xornes, o propio Maseda, a técnica Carme Pereiro, Séchu Sende, Xurxo Souto, Domingo Blanco, o delegado de La Voz de Carballo Xosé Ameixeiras, Alba María, Josinho da Teixeira ou Sés sementan coñecemento ao longo desta peza, na que tamén se recollen eses case cinco anos de historia dos Premios Galegos da Regueifa. Unha cita, considera Maseda, que é xa «un referente a nivel nacional».
O docente, e tamén xurado no certame organizado por La Voz de Galicia, convida a toda a veciñanza a asistir á proxección deste sábado, que terá lugar na biblioteca Rego da Balsa a partir das doce do mediodía, con acceso libre e gratuíto. Coa colaboración da Deputación da Coruña, asistirán representantes de Undodez e haberá tamén un pequeno debate en torno á materia.
A regueifa, tamén no teatro
De xeito paralelo, Carballo agarda tamén pola estrea da peza teatral Territorio Regueifa, que estaba prevista para a última edición do FIOT, pero que foi adiada por motivos de saúde. Será o seis de febreiro, no Pazo da Cultura, con Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira sobre as táboas. Moi involucrado, tanto neste proxecto como no documental que se poderá ver este sábado, está o popular actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, que hai unhas semanas confesaba nestas páxinas ser aínda un «alevín da regueifa». «Fíxose algo moi chulo para contar de onde vén, que é, en que momento se atopa e a xente que traballa arreo para que non desapareza, como se temía hai anos», dicía ao respecto do audiovisual que se proxectará o sábado.