Do norte e do sur de Galicia chegarán 14 improvisadores aos Premios Galegos do sábado 10 de xaneiro, un récord
05 ene 2026 . Actualizado a las 01:43 h.Carballo acollerá o vindeiro sábado 10 de xaneiro, ás 18.00 horas, con portas abertas dende as 17.30 e acceso gratuíto, a quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, tamén chamados EspallaRimas. Serán este ano 14 os participantes no concurso, un récord. O que haberá no auditorio do Pazo da Cultura é «unha festa rachada», regueifeiros do norte e do sur que ese día farán de Carballo a capital da regueifa en Galicia. Reafirmarán o berce que é Bergantiños para esta arte popular, pero tamén a «explosión» que a improvisación oral está a experimentar de cabo a rabo dende hai cousa dun decenio. A regueifa está hoxe en obradoiros, vodas, escolas, auditorios, galas e, dende este 2025 de oralidade, mesmo en documental e en obra de teatro.
La Voz de Galicia dende a súa Redacción de Carballo, Nauterra —antigo Grupo Calvo—, Xunta e Concello de Carballo suman forzas para este encontro no que volverá participar o gañador da edición anterior, o pontecesán Suso de Xornes. O público tivo daquela a última palabra, e así será de novo este ano: «Un cando sobe ao escenario vai coa idea de gañar, por máis que tes que ter o día. No momento de ver máis papeletas ao teu favor, é unha satisfacción, normal, pero é que tamén Lupe xa estaba farta de premio, levaba tres anos!», riu Suso en conversa con Fran Rodríguez para Radio Voz, onde todos os participantes irán sendo chamados.
O innato e o practicado
Suso chegou á final hai un ano coa coristanquesa Lupe Blanco e o que ofreceron foi unha regueifa brillante, respectuosa e de admiración: «A esencia da regueifa non a imos perder nin abandonar por ser elegantes. Agora ben, canto máis educada se faga, e exista igual ironía e retranca, mellor. Mellor palabras doces que certas expresións que ás veces nos saen, porque o regueifeiro, non hai que esquecelo, é improvisador. Queres dicir unha cousa e o verso que che cadra aí pode non ser o máis adecuado, pero son cousas que pasan. Non podemos parar no medio e darlle a volta para atrás», reflexiona.
Suso é da vella garda bergantiñá, ponte entre os antigos regueifeiros e os tempos actuais, representados por nomes como o da propia Lupe, que evoca aquela regueifa con Suso en Carballo como «unha das que máis gocei». Controversia, pique, graza, «pero sobre todo que todos o pasemos ben»: así concibe ela a regueifa. «Para min foi como unha homenaxe a Suso, feliz de que levase o premio, el é un mestre. Máis alá da competición, o importante é darlle valor á regueifa, e con iso gañamos todos», valoraba Lupe estes días rememorando aqueles seis minutos man a man. A Lupe, á fronte por certo da Escola da Regueifa de Carballo, só lle quedan tres días de xaneiro libres na súa axenda, febreiro anda moi completo e para maio teñen ben demanda. Tamén teñen xa datas para esa obra Territorio Regueifa que estrearán o 6 de febreiro en Carballo: «Encantada, que vou dicir, e que isto siga!».
Coincidindo con Suso en que algo hai de innato no regueifeiro, pero en que tamén importa moito o que se practique, está outro dos referentes da improvisación bergantiñá, Antonio de Xornes, que este ano volve: «Tes que ter esa capacidade repentina, inventiva na cabeza. Como dicía Calviño de Tallo, se a cantimplora funciona, non hai problema». «Intentas que o público o pase ao máximo, iso é o principal», engadiu na radio. Ten Antonio unha melodía, un estilo e entoación que o distinguen. Gustoulle dende sempre a poesía, crear coplas, foise deixando picar e picando, e velaí este improvisador que, apreciando a nova regueifa que mesmo pode ir acompañada de instrumentos, é un firme defensor da tradicional: «A nosa, a de aquí de Bergantiños, o que foi toda a vida». Voz e enxeño, tonadas aguilloadas.
Diferentes xeitos de facer
A do sur de Galicia, que efectivamente adoita ter máis instrumentación e máis «teatralidade», comparte de calquera xeito coa do norte o requirir «un certo estado de alerta, nervios». Así o aprecia dende Vigo outro dos participantes destes Premios do vindeiro sábado 10 de xaneiro: Kike Estévez. Presente na primeira e terceira edición, retorna nesta quinta sabedor do «punch» que ten Suso de Xornes e da querenza pola regueifa tradicional que hai en Bergantiños: «Que gañe un que non sexa bergantiñán en Carballo vai ser complicado, pero é unha motivación extra», riu en Radio Voz. Incide no papel que á hora de recuperar a regueifa tivo a Asociación Oral de Valadares, con Carlos Alonso e Marta Souto á cabeza, e no potencial que a improvisación ofrece na escola: «É algo espectacular para o desenvolvemento cognitivo e a oralidade. Tamén para favorecer o espírito crítico, e para divertirse á vez que se solta a vergoña de intervir en público».
Estévez teno claro sobre estes Premios de Carballo: «O bonito é que se vexan diferentes maneiras, descubrir talentos novos, unha xuntanza na que todos nos recoñezamos. Iso é o ideal. Facer familia e sumarnos a un mesmo barco, un barco bonito no que entra todo o mundo. A regueifa é un transatlántico. Os do sur iremos con ganas», avanza. Máis directo é aínda Mani Braga, que, logo da súa primeira participación no 2023, retorna este ano tamén dende terras viguesas: «Vou por pasalo ben, a perder con dignidade. E porque hai dous sitios en Galicia nos que realmente se apoie a regueifa: Valadares, en Vigo, e Carballo, sen dúbida». Cadra con Kike, fillo desa Asociación Oral como é el, en que os do sur de Galicia son algo máis «showman»: «Para ser un verdadeiro regueifeiro tes que aguantar con Suso». O 10 de xaneiro tamén intervirá en Carballo o icónico Bieito Lobariñas. Dende Gondomar contaba este venres pola noite acabado de chegar de Laxe que non é moi dado aos concursos nin ás medicións de talento. Si á regueifa, e por iso aí estará el.
Tres dos participantes apenas pasan dos 20 anos
«Á regueifa están accedendo rapaces que nunca tiveran contacto coa música galega e incluso coa propia lingua. Hainos que chegan ao galego a través dela, ten moitas cousas reunidas nunha soa», di o mestre Kike Estévez afondando na ferramenta que trae a improvisación para o idioma. A Alba María, que se estrea este ano nos Premios de Carballo, mesmo lle axudou a manterse «no meu papel de neofalante». É autora do libro Regueifa en Bergantiños (acentralFolque), ten 30 anos e regueifa dende os 14: «Empecei no instituto. Para min foi primeiro unha forma de dar saída a toda a poesía e música que necesitaba ter na miña vida. E despois foi tamén oficio, dediqueime a cantar e dar obradoiros uns anos, antes de ser profesora de galego». Agarda do día 10 «atoparme e celebrar con compañeiros que non vexo hai tempo».
O outro dos mozos que se estrea este ano é Xairo d’Herbón. Se Alba María é docente de galego, el, con 23 anos, prepara oposicións para selo. «A idea é compaxinar as dúas cousas mentres poida, pero se o día de mañá puidese dedicarme á regueifa, teño claro que o de ser mestre pasaría a un segundo plano. Pero é difícil manterse con isto», sopesa.
Xairo, fillo do tamén regueifeiro Pinto d’Herbón, medrou improvisando, facendo rimas para pedir as cousas, xogando coas palabras, armando coplas dende que só contaba uns anos: «Tiven a improvisación na casa dende neno e despois a medida que fun avanzando fun participando en actividades». El á regueifa, ademais dese poder de satirizar e dicir o que un pensa sen que pareza mal, o que lle ve é «un potencial de festa moi grande», máis alá de «vía de dinamización para o galego»: «Non tanto como recurso para introducir o galego normativo, que iso paréceme complicado. Á hora de improvisar un teno que facer na variedade na que se sinta máis cómodo». Cre que as Letras Galegas do 2025 fixeron moito pola oralidade e festexa todos os recursos que hoxe ten a mocidade neste eido: «Eu de rapaz non coñecía ningún outro rapaz que improvisase, e rapaza moito menos. A primeira persoa de xénero feminino que vin regueifar foi Lupe Blanco». Da cita de Carballo chámalle a atención o de buscar «puntos en común» con outras disciplinas similares, a dinamización desta arte popular e o seu carácter interxeracional.
«Proxectos como estes poñen en valor as nosas tradicións e abren un espazo de transmisión xeracional dentro dun marco festivo e familiar», incide do seu lado Cristian Gómez Mesa, de Burela. Con só 22 anos, recuncará no certame, o mesmo que fará Nuria Penas, de Vila de Cruces, de igual idade. «Participar de novo é unha marabilla, sobre todo polo que significa Bergantiños para a regueifa. Séntese algo incrible, non tanto polo concurso en si, senón por reunirse con compañeiros e compañeiras, gozar con eles, ver xente que hai tempo que non ves. A ilusión é estar alí. Teño nervios xa, porque isto da improvisación é o que ten, que nunca sabes que ocorrerá», di Nuria.
Outros tres peitean os 30: «Isto é poder seguir a voz dos que xa non están»
Media ducia dos 14 participantes, ben se pode dicir así, son mozos. Ao lado dos tres que andan polos vinte e poucos, Alberto Liñares (31), Alba María (30) e Yéssica Nantón (32) apenas pasan dos tres decenios. Suso de Xornes, por poñer un caso, dóbralles a idade, mais o espírito é o mesmo. Alberto, Alba e Yéssica saben ben do peso da regueifa en Bergantiños. «Para min a regueifa é poder deixarlle o legado ao meu neno Anxo, e representar a regueifa de Bergantiños é poder seguir a voz dos que xa non están», explica Yéssica. É artesá, coa súa marca Anxóuxeres: todo feito a man, tirando polo galego e con mimo, un oficio tradicional como é en parte a propia improvisación oral, á que ela se achegou por vez primeira nalgún campo da festa, como o da Rabadeira, vendo ao inesquecible Guillermo. Yéssica encarna dende a mocidade os xeitos da regueifa tradicional desta comarca, á que pertence por partida tripla: é carballesa, con raíces en Amboade (Coristanco) e Borneiro (Cabana).
«Ao final o único obxectivo é que a xente o pase ben, ese é o premio»
A Escola de Regueifa de Carballo, e tamén a Escola Semente de Compostela, terán representación no apartado expositivo destes Premios. A primeira tamén a terá no concurso, con nomes como os de Alberto Liñares e Carme de Lonxe, ambos docentes. Repiten un ano máis: «É un subidón. Ao final o único obxectivo para min é que a xente o pase ben, ese é o premio. E por riba facendo que a regueifa sexa cada vez máis coñecida. Se a xente vén e enche o auditorio, é porque gusta», di Alberto. «Un orgullo para Bergantiños, chegando a un público non habitual. Hai moitos adolescentes meténdose nisto», remarca. «Dende Bergantiños, que é berce, para toda Galicia», reafirma Carme. Ambos son alumnos de Lupe Blanco: «Para min a Escola de Carballo foi aprendizaxe, ledicia, encontrar xente que vibraba na mesma onda, descubrir unha forma de expresarnos, de cantar, un xogo colectivo», afirma ela.
Promoveron xuntos este 2025 a Liga Escolar da Regueifa, con sede no IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto, Camariñas, onde Carme é docente. Ata alí chegou representación dos tres institutos carballeses. Tamén impulsaron o primeiro Encontro Bergantiñán en Carballo, e ambas cousas volverán facelas este 2026. «Tradición viva», enfatiza Carme. A Liga, de feito, pasará a ser de dous días, con xornada de ida o 28 de xaneiro e de volta alá por maio.
«Cada ano é unha gala irrepetible»
De ruta por Leça de Palmeira, Portugal, Óscar García Pombo contaba estes días o que supuxeron para el estes Premios, nos que participa dende a primeira edición. Este ano tamén estará: «Para min foi unha ilusión, algo importante, un día especial, cada ano unha gala irrepetible, a festa da nosa tradición e dos nosos ancestros». Di que este encontro no Pazo «é como unha caixa de galletas surtidas»: «Tes o futuro, o presente e as nosas raíces, a regueifa máis tradicional. Eu teño unha perna nun rego e outra no outro. Disfruto moito, e a improvisación é iso, unha forma económica de facer exercicio mental e revalorizar o noso patrimonio inmaterial. Mira se non pode ter aspiracións a regueifa! A min a regueifa tróuxome a felicidade, dígoo sempre. É un instrumento interxeracional para comunicarte». Confía en que os astros se aliñen para gañar: «Entre ter eu un bo día e os tenores de Bergantiños unha mala tarde...», ri. Ten clara a súa finalidade: «Pasalo ben, esa é a idea».
os participantes do sábado 10 de xaneiro, un a un
Jesús Lema García, Suso de Xornes, nado no 1957, é garda civil retirado. A súa planta, a súa retranca, a súa fisionomía: todo nel é regueifa bergantiñá.
Filólogo e docente de Lingua Galega en Vigo, Kike Estévez incide na tremenda ferramenta que é a regueifa na escola. É «fillo» da Asociación Oral de Valadares.
Coristanquesa, do 1980, Lupe Blanco é un deses furacáns que están dándolle nova vida á improvisación. Dedícase a ela de xeito profesional. Dirixe a Escola de Carballo.
Carme Fernández, Carme de Lonxe, nada na Coruña, pasa pouco dos 50, vive en Portosín e é mestra no IES Pedra da Aguia de A Ponte do Porto. Alumna da Escola de Regueifa de Carballo.
Antonio de Xornes, Antonio Rodríguez Carabel (1961), foi un dos mantedores da tradición da regueifa, xunto con Suso, cando esta arte se vía esmorecer. É albanel xubilado.
Malpicán de orixe, veciño de Coristanco, Óscar García anda polos 49 e é camioneiro. Nas redes, coa súa faceta de humor galego, é @oscargarcia_full.
O nome de Bieito Lobariñas, veciño de Gondomar con raíz en Crecente, é referente na regueifa do sur galego. Con Lupe ten levado mesmo a improvisación a Cuba.
Mani Braga chegará a Carballo dende Vigo, onde é cociñeiro nunha escola infantil. Con formación en Arte Dramático, tamén é froito do empeño de Valadares.
Xairo d'Herbón, fillo de Pinto d’Herbón, medrou coa improvisación na casa. Ten 23 anos e prepara oposicións para mestre de galego. Participa por vez primeira.
Docente de galego en Betanzos, Alba María naceu en Las Palmas no 1995, pero sempre viviu en Vigo. Coa improvisación, di, traslada «amor pola lingua». Estréase na cita.
De Sofán (Carballo), mestre de 31 anos, Alberto Liñares di que na Escola de Regueifa de Carballo descubriu o que sabe. Incide na importancia de chegar aos mozos.
Membro do colectivo Erre que erre que espalla a improvisación oral, Nuria Penas ten 22 anos, é de Vila de Cruces e estuda o grao en Ciencia Política e da Administración na USC.
Coma Nuria, que participa por segunda vez, Cristian Gómez Mesa ten 22 anos, pero xa a súa experiencia nestes Premios de Carballo. Chega dende Burela.
Artesá de 32 anos, Yéssica Nantón é o presente e o futuro da tradicional regueifa bergantiñá, algo que quere seguir transmitindo ao seu pequeno Anxo.