Comeza unha semana grande para a regueifa en Carballo: «É identidade»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Para Daniel Pérez serán os seus primeiros Premios Galegos no cargo de alcalde, pero non os primeiros como público: sábado 10 de xaneiro, ás 18.00 horas

05 ene 2026 . Actualizado a las 17:11 h.

Empeza a conta atrás. Bota a andar unha semana grande para a improvisación oral en Carballo. Co ánimo da súa reivindicación e posta en valor, acollerá o Pazo da Cultura este sábado 10 de xaneiro a quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, tamén chamados EspallaRimas, unha cita promovida por La Voz de Galicia co apoio de Nauterra, Xunta e Concello de Carballo. Dende este último, o seu alcalde, Daniel Pérez, concordaba onte en que isto de regueifar «doado non pode ser». Nunca se atreveu a probar, pero tampouco se ve na tesitura: «Hai que ter ese don. É algo que chama moitísimo a atención, que ten moitísimo mérito. Esa capacidade creativa, esa invención no momento, esa resposta inmediata». Serán estes os seus primeiros Premios no cargo de rexedor logo da súa toma de posesión o pasado mes de outubro, mais xa ten asistido a eles como edil que era ata o momento. Mesmo lle ten caído algunha copla da coristanquesa Lupe Blanco, á que coñece dende hai anos, e tamén ten visto regueifar na Festa do Pichorro de Cances. A Lupe, cre lembrar Daniel, foi á primeira persoa que el viu improvisando: «Unha precursora, e ademais sendo muller, que sei que regueifar séndoo era, e aínda é hoxe, complicado».

«A regueifa ten un pouso absolutamente cultural. É algo noso, que non hai en ningún outro sitio, un risco de identidade que hai que conservar», sopesa o alcalde. Catorce improvisadores tomarán parte no concurso do 10 de xaneiro, programado para as 18.00 horas e con acceso gratuíto xa dende as 17.30, ata completar o aforo. Desexa Pérez ver o auditorio do Pazo como se viu en anteriores ocasións, cheo e nutrido por xente que acode ver aos novos talentos regueifeiros, «algúns moi pequenos, que iso hai que destacalo», e tamén por moitas desas persoas que aínda lembran ter visto regueifar nas tabernas. «É algo transversal. Encontros coma este difunden a regueifa entre a xente máis nova, hai canteira, pero é que ademais contribúen a que se fale da importancia de algo que, como digo, ten moito de cultural e identitario».

Logo dun 2025 de exaltación da oralidade e da raíz, algo no que se inxire tamén a estrea da obra de teatro Territorio Regueifa, o vindeiro 6 de febreiro no Pazo, Pérez sitúa todo este movemento nunha sensibilidade que na capital bergantiñá vén xa de moitos anos: «Sempre se lle deu moita presenza na programación á cultura galega nas súas facetas. A lingua, a danza, o baile, as propias pandeireteiras... Temos agrupacións por todo Carballo, polas parroquias... Emocióname ver xente nova sentindo de verdade o que é unha manifestación cultural tan propia do noso pobo». Lembra Pérez ter falado con Xurxo Souto do torgho bergantiñán: «Son novo na materia, pero gústame aprender e gozo escoitando aos regueifeiros. Fálase hoxe do teatro impro: este impro xa leva moito tempo inventado».