Antía Muíño: «Móveme que a xente se emocione escoitándome»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

VALERIA DIOS

A VIVA VOZ | Vén de ser galardoada como Artista Emerxente nos Premios Martín Códax da Música

07 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Concorría na categoría de canción de autor, un galardón que foi parar para Sofía Espiñeira, pero a gala da novena edición dos Premios Martín Códax da Música, celebrada antonte en Pontevedra, deparou unha sorpresa maiúscula para Antía Muíño (1992): ficou premiada como artista emerxente. «Non sabía nin que estaba nominada, nin imaxinaba que podían dicir o meu nome, quedei en shock, cun premio que elixe neste caso o xurado, músicos galegos. Eu xa con concorrer en canción de autor tiña suficiente...», dicía onte, «aínda nunha nube». Confesábao apenas horas despois de desembarcar dun avión, porque o galardón cadroulle co inicio dunhas xornadas de vacacións: «Estou moi contenta, feliz. O das vacacións xa o tiñamos pensado, aínda que pareza que o viñemos festexar», ría.

Os Martín Códax son premios convocados pola Asociación Músicas ao Vivo co afán de visibilizar e recoñecer a diversidade e calidade do sector musical galego, un mundo que, como dixo Muíño logo de recoller o seu premio da man de Jacobo Sutil, director da Agadic, «está complicado», de aí a súa mensaxe: «Somos unhas valentes». Agradeceu que considerasen que «entre tanto talento eu mereza un recuncho» e, dende o escenario, lanzouse a cantar a capela unhas coplas da súa autoría nas que dixo que coma as músicas da súa terra non tiña visto ningunhas. Dixo tamén que é preciso soñar.

Con pai de Baio, nai de Cee, criada no Milladoiro (Santiago) e dende hai anos afincada no País Vasco, primeiro formándose no Musikene e hoxe en día como profesora de guitarra na Escola de Música de Hondarribia, Antía viaxa a miúdo en Galicia. Se hai tres anos apenas iniciaba pasos para un proxecto musical persoal, hoxe ten a piques de saír á rúa un disco, Carta aberta. Será a finais de novembro, co selo de Raso Estudio. Noviembre foi a primeira pincelada e a vindeira semana chegará a segunda: Canta, miña compañeira, cun vídeoclip gravado na súa meirande parte a carón das Torres do Allo: «Facíame moita ilusión que estivera esa conexión coas miñas raíces. Eliximos a ubicación a propósito e ademais participa neste traballo Carlota Arana Díaz, con vínculo tamén a Baio, a súa familia materna». Haberá logo un terceiro sinxelo e finalmente chegará o disco completo. Na produción, ela e Miguel Arribas, compañeiro de proxecto para quen na gala dos Códax pediu aplauso e quen a vén acompañando nos concertos por Galicia adiante e fóra dela.

Foi un verán intensísimo. Sobre o disco, avanza Muíño: «É unha presentación, unha especie de apertura de ciclo, pero tamén de peche. Quixen recoller nel todo o que viñemos facendo nestes tres anos, porque xa dende o principio tivemos oportunidades de mostrar en directo os nosos temas. Estar en vivo para min é do máis importante. Haberá temas deses, e outros novos, con esa esencia acústica, íntima, cálida...». Compón, canta, toca... Antía non deixa de lado a tradición, a música de raíz, na que medrou, nin a clásica, na que se formou, un combo ao que é quen de engadir, guitarra en man, bossa e tamén jazz. Coa súa voz alucinou, en palabras del mesmo, a Xabier Díaz, ata tal punto que acompaña temas do seu disco Levantarse e caer. Xuntos actuaron nos últimos meses: «Unha experiencia persoal e profesional que sempre terei na memoria, porque ademais coincidiu neste momento no que me estrou abrindo musicalmente. Traballar man a man cun musicazo coma el é incrible, e ademais poder telo de amigo».

JAVIER GONZÁLEZ SOBRADO

No seu día, Muíño, que é licenciada en Dereito, decidiu seguir o camiño do corazón, o da música. E con este Artista Emerxente semella que alguén lle di que acertou: «Agradécese. É duro moitas veces, parece que estás pelexando por facerte un oco, pero estou moi satisfeita da acollida que está tendo todo, co recoñecemento. É unha profesión difícil, con luces e sombras, pero ver que o traballo ten froitos é unha delicia. Non me arrepinto de nada».

Concertos por diante

Co curso xa comezado, e coas clases pertinentes, aínda lle quedan bolos por diante, concertos algúns deles non lonxe da Costa da Morte. Con Arribas ao carón, boa parte das datas feitas foron en formato trío, coa bilbaína Nerea Quincoces á percusión. Sumouse a eles tamén de vez en cando o percusionista Lucas de Centi, un dos líderes de Néboa, banda premiada nestes Códax 2022 na categoría de pop. Con todo isto no peto, Antía recoñece que vive un momento vital doce. Emocionar, di, é unha das razóns principais da súa música: «Móveme que a xente se emocione escoitándome. Tocar para min mesma é algo que podo facer no meu cuarto, pero cando decides poñerte diante dun público é para moverlle algo. Esa conexión músico-público é un dos meus obxectivos».