Os Penedos de Pasarela e Traba vistos por un inglés

Xan Fernández Carrera

CARBALLO

Unha das rochas que se poden ver nos Penedos, a tartaruga.
Unha das rochas que se poden ver nos Penedos, a tartaruga. XOSÉ AMEIXEIRAS

PATRIMONIO E LETRAS | O xornalista e viaxeiro Aubrey F. G. Bell tamén foi un dos impactados polas magníficas formas pétreas

22 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As fantásticas formas dos Penedos de Pasarela e Traba espertaron a curiosidade de científicos e creadores literarios ao longo da historia, que enxalzaron a súa singularidade e beleza. Na primeira metade do século XIX, o enxeñeiro de orixe alemán Guillermo Schulz apreciou que estas rochas destacaban polas súas «Formas Singulares». Logo, o xeólogo laxense Isidro Parga Pondal tomará estes granitos como modelo doutros semellantes, e daralles a todos o nome de «tipo Traba». O tamén xeólogo e catedrático da UDC Juan Ramón Vidal Romaní considerounos como «formacións únicas no mundo», polo tipo de pedra e pola súa situación a carón do mar, que aínda incrementaba máis a súa beleza. Ramón Otero Pedrayo definiu esta paisaxe penedía como excepcional e un referente na Costa da Morte e o catedrático de xeografía da USC Augusto Pérez Alberti contemplounos como «unha das tres formacións xeolóxicas máis importantes de Galicia».

As orixinais formas destas rochas tamén inspiraron a destacados escritores como Pondal, a quen lle evocaban lembranzas amorosas, ao poeta Evaristo Martelo, a quen lle traían á memoria o contraste entre as aves salvaxes que nelas habitan e os domésticos paxaros dos xardíns das cidades. Para o escritor actual Manuel Rivas, as formas surrealistas destas penas constitúen un dos «centros de arte máis abraiantes de Galicia».

Estas esculturas naturais ao aire libre, que destacan na paisaxe dos montes de Pasarela e Traba, tampouco pasaron desapercibidas para o xornalista e viaxeiro inglés Aubrey F. G. Bell, coñecedor da cultura grecolatina e como correspondente do diario británico Morning Post, pasou longas tempadas en España e Portugal, que o levaron a coñecer con detalle a súa historia e cultura e a publicar varios estudos sobre estes dous países. A comezos dos anos vinte do pasado século Bell decide pasar un verán viaxando por Galicia para coñecer o territorio, paisaxes, xente e cultura deste noso país, impresións que recollerá nun libro publicado en Londres en 1922 baixo o título Spanish Galicia e que despois sería traducido ao galego como Galicia vista por un inglés (Galaxia, 1994). Este viaxeiro entra na Costa da Morte por Muros e percorre o seu litoral de sur a norte, describindo as paisaxes costeiras e de interior, os traballos do mar e da terra e os xeitos de vivir da xente que habita este territorio. Segundo el, a Costa da Morte era un nome que se lle deu ao litoral galego desde Vigo ata Malpica e as Sisargas, esa costa brava na que o mar ruxe e boura contra os cons.

Desde a Ponte do Porto diríxese a Laxe por un camiño de ferradura «a través dunha espléndida paisaxe de breixos, piñeiros e unha ducia de cotos con elegantes penedos ergueitos contra o ceo azul turquesa que semellan telo dobre da súa altura». Desde o alto da aldea de Retesende (Recesindes), ollando cara a atrás dinos que se ve o tellado branco da capela da Virxe da Barca de Muxía e logo descríbenos esta pequena aldea da parroquia de Carantoña «formada por casoupas de pedra sen cheminea, todas grises e a miúdo sen fiestras e por rúas cheas de lama con illas de toxo enxoito. Os únicos habitantes parecen ser mulleres, cativos e porcos que teñen como único alimento a boroa». Logo trasládase a Paradela (Pasarela), que describe como «unha aldea de casas pobres e dispersas».

O camiño continúa por «un país tan salvaxe como se queira imaxinar: gándaras de breixo e fentos de cor púrpura ou dourados en setembro, piares e penedos de granito de fantásticas formas». A apreciación estética e artística que este viaxeiro inglés fai dos Penedos coincide en boa medida coa que realizaran primeiro Schulz, Otero Pedrayo ou Parga Pondal; e xa máis recentemente, Vilar Romaní, Pérez Alberti ou Manuel Rivas. Ningún deles percibiu estas formacións pétreas como simples rochas, senón que viron nelas formas artísticas dignas de resaltar.

As calidades que lle atribúe Bell de «elegantes» ou «fantásticas», xunto coas indicadas polos demais autores, móstranos como desde hai moitos anos, persoas con sólida formación científica e cultural valoraron asúa beleza e particularidade. Sorpréndenos que nos tempos actuais haxa algunha empresa que se atreva a presentar dous proxectos de parques eólicos para instalar nesta espléndida paraxe natural e na súa contorna, sabendo o grave impacto que causaría nesta Paisaxe Protexida, un dos bens patrimoniais máis importantes da Costa da Morte cun potencial enorme para o seu desenvolvemento económico, que ten no turismo verde un dos seus recursos máis valiosos. A abondosa lexislación existente sobre a protección deste excepcional espazo natural debe ser garantía da súa futura conservación, sempre que o goberno da Xunta cumpra co seu papel de defensa do noso patrimonio natural, tal como lle corresponde, e se manteña inflexible diante de provocacións coma esta.

X. F. Carrera encabeza a directiva do Instituto de Estudos Bergantiñáns.