Augusto Pérez-Alberti, catedrático de Xeografía Física: «Os Penedos de Pasarela son un lugar único a nivel internacional»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

ENTREVISTA | O profesional aboga polo seu aproveitamento, por exemplo como museo escultórico. Así fala

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago, Augusto Pérez-Alberti (Tortosa, 1947) é un bo coñecedor da Costa da Morte en xeral e dos Penedos de Traba e Pasarela en particular. Elaborou un informe que deu pé a que o conxunto fose declarado pola Xunta Paisaxe Protexida, pero moito antes, xa nos seus primeiros anos como investigador, era un habitual desta comarca e doutras de Galicia. E segue atento a todas as novidades que lle afectan, incluída a pretensión de instalar un parque eólico nese entorno. No 2018 xa participara en Laxe nunha mesa redonda para abordar, con outros expertos, a importancia que ten este lugar.

-Como cualifica vostede os Penedos de Traba e Pasarela?

-Os Penedos de Pasarela e Traba son un lugar singular e único a nivel de Galicia e internacional, sen dúbida, con esas formas escultóricas que ten. Por iso son unha Paisaxe Protexida. Teñen un valor tremendo, e xa fora un pecado cando tentaran facer unha canteira, a finais dos noventa. O elevado valor que ten hai que protexelo. Son algo máis que pedras, como dixera algún. Se por algúns fose, aí deixarían poñer o parque eólico, pero tamén un parque solar, unha minicentral... Esta Xunta non cre no medioambiente. Claro que hai que seguir coa enerxía eólica, pero mirando onde. Non nesta paraxe tan espectacular, que non é só de penedos, porque é a lagoa, a praia, as vistas... Todo o entorno, o conxunto. Por certo, non moi lonxe, en Camariñas, xa fora un erro ambiental tremendo deixar facer a piscifactoría de Cabo Vilán.

-Algo que non pasa só na Costa da Morte.

-Claro que non. Se un ve o plano eólico, énchese todo de muíños. Eu son do Ribeiro. Aquilo era unha marabilla, podería seguir dando moitos recursos ambientais, agrícolas, e hai que ver como queda todo.

-Está en contra da enerxía eólica?

-Non. Eu si a defendo, pero hai que ver onde se pon. Non se vai montar un parque en Estaca de Bares. Ou na Serra do Xistral. Ou neste caso, en Pasarela. Como tampouco estou en contra das minicentrais, pero si desas que se fan encadeadas no mesmo río, unha tras outra. Iso é o que non pode ser, hai un límite e uns espazos que protexer.

-E coas minas?

-O mesmo. Hai que facelas, aquí, ou alí, pero centrarse nun sitio. Non abrir un burato en cada esquina, e moito menos nun lugar único do mundo.

-Volvendo aos Penedos, vostede xa os visitaba hai anos.

-Si, e pateeinos moito cando elaborei o estudo previo á declaración de Paisaxe Protexida. É un conxunto marabilloso dende o punto de vista xeomorfolóxico. Esas formas xeométricas parecen esculturas, e nun val que é unha auténtica pasada.

-Que se pode facer para aproveitar ese lugar?

-Moitas cousas. Rutas, un centro de interpretación... Iso véndese como un museo escultórico ao aire libre na Península Ibérica, que non hai nada así en granito, pola variedade de formas xeométricas, polas esculturas naturais. Hai que elaborar plans para atraer aos visitantes, e incluír neles a liña de costa, a lagoa de Traba, as aldeas mariñeiras... os núcleos de Santa Mariña, de Camelle, de Vilán... O Trece, a duna rampante. Todo iso é unha zona espectacular. E máis ou menos sei o que digo porque levo corenta anos percorrendo toda a costa de Galicia. Aquí xúntase a xeomorfoloxía coa paisaxe, ese valor é impresionante. A verdade, non sei a quen se lle puido ocorrer que había que poñer muíños de vento ao lado, porque o impacto visual é demoledor.

«Non se lle ensinou á xente a aprezar o que temos»

Ademais do valor en si que teñen os lugares especiais, hai que conseguir que os habitantes máis próximos valoren, a que aprecien o que teñen.

-Iso de que se recoñeza o propio ocorre habitualmente?

-Non, non se lle ensinou á xente a aprezar o que temos. Lembro cando preparaba a miña tese doutoral, en Chaguazoso, Ourense. Unha muller de alí preguntábame que facía, e eu dicíalle que vendo as pedras, e non se valoraba nin se entendía iso. Pero non ocorre só coas paisaxes, tamén con esa casa do lado, de pedra, á que non lle das importancia, e vén a restaurala outro de fóra e dis, que bonita queda.

-Cos Penedos, se cadra, algo parecido.

-Non se ensinou a disfrutar deles. Os Penedos, á xente de alí, déronlle moito que facer. Xa se sabe ter que ir rozar, traballar neles. Iso co tempo irá cambiando. Con xente que vén e que se queda, que aproveita as rutas, que aproveita todo isto. Hai que poñer en marcha políticas alternativas ás de sol e praia, e este é un bo exemplo.

-Pero non é tan sinxelo. Xa se ten intentado como no Pindo, co parque natural, e non deu saído.

-Non é doado, non, sobre todo cando o partido que goberna está en contra de cousas así. Co tema do parque natural, ás veces díselle á xente que non se lle vai deixar traballar, nin cortar unha árbore, non facer nada. E iso tampouco é. Moitas veces esaxérase. Se non lle vas deixar aos veciño que corte unha árbore que el plantou, ao final o que fai é cortala cando está nacendo.

-Hai que ter en conta todo.

-Hai que saber combinar o duns e doutros. A xente que vive no campo ten os seus costumes, o seu traballo. Ollo que hai moito ecoloxista urbano que pensa que ir a un sitio é só para que o disfruten eles, e tampouco pode ser iso. Hai que dicirlle aos que viven alí: si que poderedes ir coas vacas, si que poderedes cortar a herba e o centeo, e ir ao monte... Hai aspectos que, por moito que se regulen, deben seguir manténdose.

-Recentemente aprobáronse as Directrices da Paisaxe, de ámbito autonómico e impulsadas pola Xunta, que precisamente van nesta liña, na de preservar os valores da paisaxe.

-Eu empecei aí, si, pero non me deixaron rematar. Non estou de acordo con elas, non reflicten a realidade da paisaxe galega, e iso que non as lin ao final como quedaron. En fin, non se poden facer 29.000 unidades da paisaxe, iso non é así. Non me fío moito, son bastante escéptico, e non as lin.