O sábado rematou en Muxía a cuarta edición das Aulas na Costa, na que participaron unha vintena de relatores
02 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O pasado sábado rematou en Muxía a cuarta edición das Aulas na Costa, promovidas polo Instituto de Estudos e Investigacións Psicosocial Xoán Vicente Viqueira, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Desde o 25 de outubro e ata o pasado sábado, Zas, Cee, Laxe e Muxía convertéronse na sede do debate sobre sostibilidade, Axendas-21, rendibilidade e cultura. Ricardo García, profesor da Universidade da Coruña, é o coordinador das Aulas na Costa.
-¿Que balance fai destas xornadas?
-As Aulas na Costa son unha actividade que se vai consolidando ano tras ano, e que ten unha alta receptividade social e institucional. Ademais, con elas contribúese a mellorar a oferta cultural e social da Costa da Morte.
-¿Que obxectivo perseguen coas actividades?
-Por un lado, trátase de descentralizar a actividade da universidade, e aquí entra o concepto de democracia social, pola que se permite sacar a discusión dos laboratorios e dos campus, e levala a onde se desenvolve a vida cotiá. Por outra banda, tamén se pretende abrir espazos de debate social, para discutir abertamente en todos os ámbitos, mesturando estudantes, cidadáns e concelleiros. Neste senso, as Aulas son unha necesidade social, para axudar a definir mellor algúns aspectos sobre a Costa da Morte.
-¿Como valora a asistencia ás mesas redondas?
-Foi un nivel de asistencia medio. É un número óptimo para permitir sacar conclusións de traballo. Houbo unhas 50 persoas inscritas nos cursos.
-Ademais das conferencias, tamén houbo talleres.
-Si, porque a teoría non é suficiente se non leva aparellada unha práctica que permita ver reflectidos os conceptos teóricos, con accións políticas concretas ou noutros campos.
-¿Que novidades houbo con respecto ao ano pasado?
-Incorporamos máis invitados estranxeiros que noutras edicións. Iso é moi interesante, porque os problemas non teñen unha única óptica, e desta forma favorécese o debate conxunto de líderes locais con estranxeiros ou de fóra de Galicia. Estivo David Stea, de Texas, ou Andrew Seidel, de Harvard, entre outros. Esta é outra das riquezas, que se debata en lugares que inicialmente non foron deseñados para iso.
-¿Que proxectos hai para o ano que vén?
-Aínda nos temos que poñer a deseñalo, e innovar con algún tipo de proxecto. Na última sesión, que se celebrou en Muxía, saíu a debate unha idea moi interesante, sobre a creación dun modelo de desenvolvemento para a Costa da Morte. Porque o modelo é como a estrutura, e o desenvolvemento dun territorio pasa por facer unha ruta e ver o camiño a seguir para logralo.
-¿Cre que as Aulas axudan a crear conciencia social sobre temas tan de actualidade como o cambio climático?
-Tratamos de contribuír á capacitación da xente en asuntos que se están discutindo en todo o mundo. Recentemente, desde a Universidade da Coruña fixemos un estudo e comprobamos, por exemplo, que o 95% dos galegos non ten unha idea precisa do que é a sostibilidade. Polo tanto, alguén non está transmitindo a mensaxe adecuadamente. É a nosa responsabilidade explicar estes conceptos, e desde as Aulas temos unha función formativa e sensibilizadora. A ameaza do cambio climático é real, e polo tanto é necesario sensibilizar á poboación.