Os Menestreis: O grupo que rescatou as cantigas que soaban en Galicia hai oito séculos

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Puxo 145 partituras a disposición das formacións folclóricas para que as interpreten

16 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A música tradicional galega atravesa un momento doce. Despois de pasar por etapas de luces e sombras, hoxe é un estilo recoñecido incluso máis alá das fronteiras da comunidade. Son moitas as formacións que traballan na recuperación de pezas, tratando de evitar que acaben por esquecerse para sempre. Pero ese importante labor faise, fundamentalmente, a través de persoas que están vivas, abranguendo polo tanto un período que se achega aos últimos cen anos. Hai un grupo en Barbanza que foi máis alá, que trouxo á actualidade as cantigas que soaban en Galicia hai 800 anos, un repertorio que constitúe as orixes da música folclórica actual. Trátase de Os Menestreis.

Foi o actual líder da formación, Xulio Gutiérrez, o que dirixiu ese traballo que se prolongou durante unha década e que deu como resultado a publicación, hai uns meses, de Cancioneiro medieval galego-portugués, un libro no que están recollidas as partituras de 145 composicións previas a Alfonso X. Pero a historia dos Menestreis comezara moito antes, alá polo 2005, da man do gran mestre boirense Xosé España, falecido no 2020.

El era un apaixonado da música antiga e montou este grupo para promover a súa recuperación, traballando sobre todo no Medievo, o Renacemento e o Primeiro Barroco. Aliouse para iso con Rodrigo Rei e Paco Tubío, tamén falecidos, e con Xulio Gutiérrez, Moure, Lina González, Carmela Cerecedo e Anxos Castros. Durante aquela primeira etapa, na que se rexistraron varios relevos entre os membros, a formación ofreceu un feixe de concertos, chegando incluso a viaxar a Marrocos para actuar en Tánxer e Rabat.

A medida que avanzaba a idades dos Menestreis máis veteranos víase reducida a súa actividade, ata practicamente desaparecer. Tras esa paréntese, a pandemia e o traballo que Gutiérrez estivera realizando para recuperar a música tradicional galega propiciaron o regreso. Con el seguiron Lina González e Carmela Cerecedo, ao tempo que se incorporou a voz de Betty Álvarez.

Quebracabezas

Detrás de cada unha das pezas que interpreta este cuarteto hai un inxente traballo. No seu día, Alfonso X decidiu conservar as melodías populares cambiándolles as letras por outras de carácter relixioso. Os Menestreis fixeron o mesmo proceso á inversa, colleron a parte musical das cancións de Alfonso X e as letras recollidas nos cancioneiros e, coma se dun quebracabezas se tratara, buscaron os encaixes perfectos. Nunca antes se fixera algo parecido: «Había quen se atrevera cunha ou dúas pezas, pero unha compilación coma esta, non», explica Gutiérrez.

Para el, a gran recompensa é «terlle devolto ao pobo, á sociedade moderna, unha música que estaba esquecida e que constitúe a orixe do folclore galego». Pero tamén lle gustaría que outros grupos lle axudaran a espallar o froito deses dez anos de investigación: «O auténtico premio sería ver que outras formacións e artistas galegos fan súas estas cantigas, engadíndoas aos seus repertorios».

Polo de pronto, Os Menestreis teñen o recoñecemento da asociación Barbantia, que vén de engadir a formación na lista de aspirantes a un dos Sereos, en concreto na categoría de iniciativa cultural de Barbanza. Compite co Museo Valle-Inclán pobrense e co Centro Arqueolóxico do Barbanza situado en Neixón.

Xulio Gutiérrez amósase ilusionado con esta distinción, como tamén o está polo horizonte que ten por diante a agrupación. En maio, coincidindo do Día das Letras Galegas, presentou o seu cancioneiro no pazo de Goiáns, dando comezo a unha xira que continuará para a semana en Vigo e, posteriormente, en Santiago, A Coruña, Ourense... «Queremos divulgar o libro para que os músicos se aproveiten del, porque contén partituras sinxelas de todas as pezas», explica o director dos Menestreis. O volume incorpora tamén o traballo musicolóxico e información sobre os trobadores: «Buscamos que a xente teña acceso a datos que é difícil conseguir, pois só figuraban ata o de agora en documentos técnicos».