Antonio Pérez, Os Menestreis e Carlos Callón, novos finalistas do Premios Barbantia da Cultura

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

O prazo de votación para elixir aos gañadores pecha o vindeiro 29 de novembro

14 nov 2023 . Actualizado a las 20:00 h.

Como cada ano a estas alturas, a Asociación Cultural Barbantia acaba de dar a coñecer os nomes dos finalistas que optan aos galardóns que a entidade concede a entidades e persoeiros cunha ampla traxectoria vencellada á cultura, tanto en Barbanza como máis aló das súas fronteiras. En cada edición, os socios deben escoller entre tres nomes para cada unha das categorías dos galardóns, dous corresponden aos finalistas que non foron elixidos o ano anterior e o terceiro é escollido polos propios socios. Desta volta, súmanse á listaxe de nominados o pintor Antonio Pérez Pérez, o grupo de música antiga Os Menestreis e o escritor ribeirense Carlos Callón.

O prazo para votar aos gañadores nesta edición dos premios Sereo xa está aberto e os socios de Barbantia teñen ata o vindeiro 29 de novembro para facer a súa elección, ben mediante correo postal ao enderezo da sede da asociación, por correo electrónico ou na urna que se instalará nos próximos actos que levará a cabo a entidade.

Os galardóns contan con tres categorías e nesta edición os finalistas son: Esperanza Mara, Xosé Luís Veiras Manteiga e Antonio Pérez, no premio á Traxectoria Cultural no Barbanza; o Museo Valle-Inclán, o Centro Arqueolóxico do Barbanza e Os Menestreis, que optan ao recoñecemento á Iniciativa Cultural; e Manuel Olveira, Sonia Lebedynski e Carlos Callón, na categoría da Cultura Galega, coa que se pretende recoñecer un labor que transcende as fronteiras da comarca.

Acto de entrega

Na man dos socios de Barbanza está elixir aos gañadores dos Sereos, que recibirán a estatuíña nun acto que está previsto que se celebre o vindeiro 16 de decembro na casa de cultura de Lousame. Ademais de votar polas candidaturas que consideren merecedoras do premio en cada unha das tres categorías, os asociados tamén poden facer propostas de artistas e figuras da cultura para ser incluídos como candidatos na edición do Premios Barbantia da Cultura 2024.

En canto ao acto de entrega dos galardóns, que cada ano se converte nunha das citas máis relevantes do eido cultural barbancés, o 16 de decembro terá lugar tamén a presentación do décimo noveno volume do Anuario de Estudos do Barbanza 2023.

Antes desa data, Barbantia ten outras citas pendentes, como o acto mensual, o próximo día 24, cando se presentará en Ribeira o libro Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, de Aurora Marco.