Xulio Gutiérrez: Un naturalista con vocación de divulgador

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Plasma en libros para nenos e mozos editados por Kalandraka os seus coñecementos sobre o medio

26 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De neno, mergullábase nas augas de Samil ansiando atopar rechamantes animais e plantas, percorría os montes na procura de setas e perseguía os bichos espiando o seu comportamento. Lía tódolos libros sobre a natureza que caían nas súas mans, comprobando que escaseaba a bibliografía existente sobre a materia, fundamentalmente a que se dirixía aos lectores máis novos. Pasados os anos e convertido en biólogo e mestre de instituto, Xulio Gutiérrez (Vigo, 1958) decidiu encher ese oco con volumes nos que plasma os seus coñecementos de xeito rigoroso e científico, pero coa sinxeleza que requiren so cativos.

Aínda que empezou hai unha década a publicar estes libros de carácter divulgativo da man de Kalandraka, Xulio Gutiérrez xa escribía textos relacionados coa natureza moito antes: «Empecei hai 36 anos a impartir clases e practicamente desde entón elaboro contidos con fins pedagóxicos, material para traballar cos meus alumnos nas clases». Foron precisamente eses traballos os que lle abriron as portas da editorial pontevedresa especializada en literatura infantil e xuvenil: «Foi unha proposta que me pareceu interesantísima, pois abríame as portas dun mundo que me gustaba moito, o ensino de aspectos vinculados á natureza en formato literario».

Nova obra e premio

E así iniciou a súa andaina Animais extraordinarios, unha colección que leva o selo da Factoría K de Libros. Cunha orixinal formulación que busca capta a atención do público infantil e xuvenil, cada volume trata un tema vinculado á bioloxía. A primeira obra que viu a luz foi Bocas, que reflectía as características dunha ducia de animais cun curioso tipo de alimentación. Logo chegaron Nacer, Construtores, Ocultos e Ollos, que colle como punto de partida especies cunha visión especial, como a curuxa, o lince ou a lura xigante. No forno está xa o sexto número desta colección, Viaxeiros: «Tratará sobre as migracións máis curiosas dos animais».

Esta serie de libros recibiu diferentes recoñecementos; o último, a inclusión de Ollos en The White Ravens 2017, unha prestixiosa lista elaborada polos especialistas da Internationale Jugendbibliothek de Múnic, que reúne as obras de maior calidade literaria do ano. Trátase dunha referencia para as bibliotecas de todo o mundo.

Con Kalandraka, Xulio Gutiérrez ten abertas outras liñas de traballo, como a tradución ao castelán de libros que chegan a distintos recunchos do mundo ou o lanzamento dunha nova colección: «O meu gran reto é escribir sobre un tema que me gusta especialmente, a percepción do tempo». O mestre afincado en Boiro sinala que, probablemente, o vindeiro ano chegue ás librarías un libro relacionado co tempo xeolóxico, que será o primeiro dunha serie: «Quero explicar como foron os procesos que deron pé á natureza tal e como a coñecemos actualmente, como foi a evolución das especies ao longo dos anos». Pensa que é un contido que non está ben resolto, sobre todo no que se refire ao material dirixido ao público infantil e xuvenil.

Tres facetas conectadas

Xulio Gutiérrez vese incapaz de desvincularse dunha das tres facetas que sempre conviviron no seu ser: naturalista, mestre e escritor. A primeira reside nel case desde sempre: «Desde que teño uso de razón, lémbrome interesado non só polos animais, senón tamén polas plantas, pola astronomía... por todo aquilo que está relacionado coa natureza». E logo chegou a profesión de profesor: «Foi para min un proceso lóxico que nunca me xerou debate interno». E desde que asumiu a responsabilidade de educar, sentiu a necesidade de escribir: «Quería facer textos para axudar aos meus alumnos».

Os estudantes constitúen o seu público potencial e seguirá sendo así no futuro: «Para os adultos xa hai material suficiente no eido ao que eu me dedico. O oco a encher estaba precisamente nos colectivos de nenos e mozos, e por iso foi a eles aos que quixen dedicar os meus esforzos». As máis de tres décadas que leva na docencia constitúen o seu gran puntal á hora de sentarse a escribir ou de poñer enriba da mesa novos retos: «Sei o que lle gusta aos rapaces, o que necesitan e as claves que hai que empregar para chamar a súa atención».