Na boca da ría, axexante, chea de lendas e recordos, atopamos a illa de Sálvora, pertencente á parroquia de Aguiño dende os anos 50. O nome lévanos a pensar no verbo latino salvere, de significado transparente: «ter boa saúde, estar san». Quizais podería facer referencia á salvia ou a outro vexetal desaparecido. Ramón Cabanillas convértea nun lugar máxico onde Roldán (sobriño de Carlomagno), emparellado cunha fermosa serea, dá orixe á estirpe dos Mariño. O escudo de Ribeira, que era o de Sálvora, alude a esta orixe mítica. Cito da súa obra Na noite estrelecida : «Amada dos vellos deuses, mortos e esquecidos xa, que Sálvora lle chamaron, afeitos nela a atopar repouso doce e tranquilo de celestiais afáns». Coido que ten razón, e tampouco podo esquecer que Sálvora foi unha barreira natural a carón da cal loitaron os mariñeiros para que non nos tinxisen de negro vai facer xa un lustro.