Manuel Añón é un dos empresarios cunha traxectoria máis salientable da Costa da Morte. Foi propietario de Hierros Añón, unha empresa do sector do metal, con sede en A Laracha, que facturaba centos de millóns. Como empresario, sabe que para que haxa emprego ten que haber empresas, e sabe que na Costa da Morte as condicións para a implantación de industrias son máis duras que no resto de Galicia.
¿Que adversidades ten que vencer un empresario que quer traballar na Costa da Morte?
Hai unha gran falta de infraestruturas. Na zona non hai unha boa rede eléctrica, tampouco subministro de gas, e nin tan sequera unha autovía.
A zona non semella ter moitos atractivos para os empresarios.
E que a Costa da Morte está lonxe de todo. Se queres montar unha industria é moito máis doado facelo en outra zona. En A Coruña, por exemplo.
¿Pode cambiar a situación e recuperarse o terreo perdido con respecto a outros lugares de Galicia?
Penso que habendo axudas para infraestruturas si se poderían montar empresas, pero habería que preguntarlle aos políticos se haberá en algún momento esas axudas.
¿Trátase só dunha carencia de medios?
O problema tamén é a falta de xente. Dependendo do tipo de industria precísase contar con xente especializada, pero na Costa da Morte non hai formación específica. Hai algúns ciclos de formación profesional, pero son sempre do mesmo.
Nas circunstancias actuais, ¿é posible comezar a inverter o proceso?
Tal e como están as cousas non é momento ideal para inverter. Estamos a atravesar unha crise. Ao mellor si é momento de ir pensando en algo, porque as crises non duran sempre. En dous ou tres anos cambiarán as circunstancias.
¿Que responsabilidade teñen os empresarios da zona no desenvolvemento industrial?
Aquí cada empresario pensa á súa maneira. Unirse os empresarios para crear proxectos importantes é algo que nunca se fixo. A unión ben feita fai a forza, pero aquí imos cada un ao seu. Se hai presión de políticos e empresarios aquí pódese facer moitas cousas.