E por fin, ante o Señor Santiago

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

A peregrinación xacobea que revive a que fixera hai 15 anos Carlos Casares arribou onte a Compostela, tras camiñar cinco días desde o Cebreiro ata a tumba do Apóstolo

07 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Coas torres da catedral de Santiago á vista, Basilio Losada recita a Heine: «Eu tiven, noutro tempo, unha moi fermosa patria...». Baixando cara á basílica do Apóstolo, onde un Rei David de pedra agarda polos camiñantes, que tampouco queren deixar de saudalo, os peregrinos lembran o Alto Cebreiro, no que á beira do Santo Grial, na negrura da noite da montaña, algún deles creu sentir os cánticos dos frades dun tempo que xa non existe: voces quizais do Trasmundo, ou quén sabe se incluso dun deuvedé aceso nunha ventá de cristais conxelados. Falan tamén da Ulloa e dos que alí lles dan aos que van a Santiago unha presa de noces para que a leven á basílica como unha ofrenda feita a distancia. E por suposto recordan o seu paso polos Portomaríns, tan hospitalarios enclaves: polo Portomarín novo -polo que é unha atalaia sobre o Pai Miño- e polo que garda a memoria dos cabaleiros sanxoanistas baixo as augas. O Camiño, en efecto, fano as xentes e as historias; os seres de carne mortal, si, pero tamén as ánimas (coengos bretóns afeccionados á gaita, louras princesas da Toscana, magos da fría Islandia, almirantes normandos xubilados...) que peregrinan con elas. E fano o que contan. Incluso o que calan. Xa case na Quintana, Alfredo Conde lembra, con García Mañá ao seu lado, a visita a Vilar de Donas, onde non faltou nada para que Antón Pulido lograse retratar, cunha cámara mínima que tería feito as delicias de Carlos Casares, un ronsel da alma de Cunqueiro, que alí, hai hoxe 55 anos, soñou a través das pinturas dos muros con monxas namoradas de capitáns de guerra, damas custodias dos ósos dese Conde de Amarante que incluso no sepulcro mantén a man cerca da espada. Os veciños que ensinan aquela igrexa (Xesús de Vila Isolina, a súa filla Ana Celia...) piden desesperados, aos que van a Santiago, axuda para manter en pé aquel medieval tesouro: para que as pinturas das fermosas donas dos famosos versos («De tódolos amores, o voso amor escollo...!) non se acaben. Traemos a Compostela o recado. E por fin arribamos á catedral. «O corpo xa o recuperaremos, pero a alma gañámola», di Beito Ledo. As campás agardan impacientes polo Domingo de Resurrección, polo maior dos milagres: a vitoria sobre a morte, a eternidade. Os peregrinos (Carlos Varela, Xosé González, Ferro, Rúa Prieto, Modesto Hermida...) saúdan ao Apóstolo. E cantan a coro un himno. Deus sexa loado.