María del Mar Febrero, redeira: «Somos a primeira parte da cadea da pesca e a última en visibilidade»
PESCA Y MARISQUEO
Criada nunha familia mariñeira da Mariña e muller de pescador, di que «os cartos do mar van sempre enriba do brando»
25 ene 2026 . Actualizado a las 12:03 h.Cando María del Mar Febrero (Trasbar-Cervo, 59 anos) abre a porta da nave de redes burelense, nun día de vento, bastan cinco minutos para comprobar a dureza do seu traballo. Dentro vai un frío que só quita un café quente. Leva décadas no oficio, pero desde hai dous anos preside a Asociación de Redeiras Cabo Burela, fundada no 2008.
—Vostede comezou a traballar de redeira un pouco de rebote.
—Traballaba como limpiadora e tiven un accidente. Cunha hernia discal, facerme redeira era a forma de seguir cotizando e ir traballando en función do que me permitise a miña saúde.
—Que lle gusta e disgusta do traballo?
—Por un lado, este é un traballo bonito. Gústame moito coser, aínda que me gusta moito menos entrallar, e paso o tempo mellor aquí que na casa. Hai unha parte dura que é a dos pesos, pero vanse discurrindo cousas para que non teñamos que cargar tanto.
—Pasaron de ser arredor dunha vintena de redeiras a catro, e en meses serán tres por unha xubilación. Por que?
—Por un lado, hai xente que quere entrar e non pode. Non se están a facer cursos coma antes porque faltan formadoras, e nós pedimos que lles deixen ás aspirantes formarse con nós, no medio do aparello, e logo as examinen. Así sería máis doado e virían persoas que estarían interesadas de verdade nisto, porque houbo moita xente que fixo os cursos e despois non seguiu. Por outro lado, volveuse complicado vivir do traballo, porque as tarefas mellor pagadas eran as que faciamos para o cerco, e agora na Mariña case non hai barcos. Cando se aprobou o coeficiente redutor para anticipar a idade de xubilación, moitas das integrantes da asociación acolléronse a esa posibilidade.
—A máis nova da asociación ten 35 anos e a máis maior 63. Hai falta de relevo xeracional. Pódese vivir de ser redeira?
—É difícil. Hai que traballar moitas horas e aínda así é complicado, porque o traballo non está ben pagado. Cóbrase o que se fai e, como é lóxico, a certas idades non tes a mesma enerxía ca antes: eu cobraba máis cando era máis nova do que cobro agora, porque facía máis horas. Vai todo no esforzo. Somos autónomas e temos que pagar o alquiler da nave, a Seguridade Social... En verán a actividade baixa un pouco, porque rompen menos redes. Para rabuñar 500 ou 600 euros ao mes hai que darlle moito ás mans. Eu teño a esperanza de que as que virán detrás de min sexan contratadas.
—O traballo de redeira conleva un desgaste físico. Durante moitos anos, unha das súas principais reivindicacións foi o recoñecemento de enfermidades laborais como tales.
—Agora supostamente hai solución para iso, pero hai uns 15 anos que estiven de baixa polo túnel carpiano e non me recoñeceron a incapacidade temporal como continxencia laboral. Tamén estiven con tendinite, e o mesmo.
—Valorase o seu traballo?
—As redeiras estamos moi invisibilizadas. Somos a primeira parte da cadea da pesca, pero a última en visibilidade. Sen as redes non se pode traer peixe á terra, pero non somos valoradas. Probouse a facer aparellos con máquinas, pero os que as compraron téñenas aparcadas porque estropean as cordas. Este segue a ser un oficio artesanal. Nós traballamos todo tipo de artes pero temos poucos clientes, sabemos que aparellos deste porto e doutros da zona vanse reparar a outros sitios de Galicia. É certo que non somos as suficientes para asumir cargas de traballo moi grandes, pero moitas veces vaise a outros lados únicamente polo prezo, por un euro. Iso é inxusto.
—E todo pese a que son esenciais.
—Hai clientes que coincide que levan un aparello e pescan moito. E despois vén outro pedíndoche un igual. Pero os mariñeiros pescan se largan donde hai peixe, non por iso (risas). Ás veces pasa o contrario, se non se pesca bótanlle a culpa a quen fixo o aparello (risas).
—Compiten en igualdade de condicións?
—Hai xente que non está de alta e non presenta factura, e estánselle a encargar traballos. Mentres haxa persoas exercendo ilegalmente, a cousa está moi complicada, porque nos tiran para abaixo os prezos. Agora parece que van controlar os aparellos cun chip, se iso se leva a cabo entendo que se descubrirá onde se repararon.
—Vostede é neta de armador, filla, sobriña e esposa de mariñeiro. Como foi o criarse nunha familia mariñeira?
—Era un ambiente de botar moito en falta e no que, ao non estar meu pai na casa, moitas veces non podía ir ás festas coas amigas. E xureime que non me casaría cun mariñeiro aínda que me cubrisen de ouro, pero acabeino facendo (risas). O meu home andivo a Gran Sol, ao bonito, ao arrastre...
—Como é unha vida co home no mar?
—Lévase moi mal. Crias os fillos soa, constrúes a casa soa, pides un préstamo soa, tomas as decisións soa... Eu bromeaba con el decíndolle que á volta non lle ía quedar nada, porque tivo que asinar un poder para tramitar os documentos. Pero esa soidade pesa moito. E logo están os fillos. Na nosa casa non pasou, porque sempre procuramos que a figura do pai estivese sempre presente, aínda que moitas veces non puidese ser fisicamente, e despois o meu marido deixou o Gran Sol para faenar preto da costa, pero había nenos que ían ao porto e choraban porque non recoñecían os pais. Eu sei polo meu home que o mar é moi duro cando embarcas, moi duro. Pero tamén o é para os que quedan en terra.