Patrocinado porPatrocinado por

As candorcas da Costa da Vida

Alfredo López Fernández

SOMOS MAR

ANA GARCIA

Plumas con mando, escribe o biólogo e responsable da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) | «Debemos mudar o noso comportamento en prol da convivencia»

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte delimita un área mariña de alta biodiversidade polas súas condicións oceanográficas. Fronte a Muxía está o centro do afloramento, o máximo xurdimento estacional de augas profundas, frías e ricas en nutrientes. Formando parte desa biodiversidade están os mamíferos mariños. Entre eles, o que ocupa o chanzo máis alto da pirámide trófica, a candorca (Orcinus orca). É aí, no centro da explosión biolóxica do afloramento, onde dúas especies superpredadoras, candorcas e humanos, comparten espazo. É por iso debería denominarse «Costa da Vida».

Outra característica histórica desta parte da costa é a dificultade da navegación. Lugar de paso obrigado, corredor entre a Europa do Norte e o Mediterráneo, actualmente devén un lugar temido pola presenza dunha especie que, ao seu xeito, procura una ordenación do tráfico da navegación humana.

A candorca é unha especie que sempre visitou Galicia, mais o que noutras épocas era un paso discreto, neste momento é demasiado evidente.

Atacar ou respectar

Hai dous xeitos de afrontar os contactos coas candorcas. O primeiro exprésase con terminoloxía de combate. Hai contendentes que son inimigos declarados, ninguén é inocente e o resultado é o de vencedores e vencidos, con cuantiosos danos colaterais. Quen así ve as cousas, identifica as actividades das candorcas como «ataques». O segundo afróntase dende un punto de vista de igualdade e respecto, en que os encontros son o resultado da presenza simultánea do ser humano e da fauna que reacciona diante deses trebellos ruidosos que fenden as ondas.

Nas baleas e nas toniñas a presenza humana provoca reacción de fuxida, no golfiño común, un movemento de aproximación. Para os humanos estas pautas son «o normal» no imperio da dominación marítima. Nalgúns casos, como na aproximación dos golfiños, ata poden resultar gratificantes. Os contactos coas candorcas, ou son simples avistamentos, se as candorcas non fan caso da embarcación, a pesar de que esteamos influenciando xa o seu comportamento; ou son interaccións, se estes animais responden achegándose.

Emperadores do mar

Somos os humanos os que nos arrogamos a potestade de sobreexplotar recursos mariños, detraéndoos dos seus comensais naturais, provocando capturas e mortes que mesmo consideremos asumibles, aínda que a toniña estea por esta causa en perigo de extinción. Tamén nos atribuímos o dereito de achegarnos aos cetáceos como unha explotación comercial máis, mesmo aplaudimos as interaccións destes animais cando se achegan aos barcos para goce do turismo. Mais cando os animais manifestan un comportamento que aínda non entendemos ben, alporizámonos.

Este proceder disruptivo non ten una orixe clara e moito menos unha evolución lineal. Como sempre acontece, non seremos capaces de mudalo se facemos o mesmo de sempre e mantemos unha mentalidade de emperadores do mar. Haberá que comezar a pensar en novos deseños de embarcacións, sen lemes, silenciosas e, tamén, en mudarmos o noso comportamento en prol da convivencia. Sobre todo porque só temos un planeta: o Planeta Océano.