Patrocinado porPatrocinado por

Un comisario «arrastrado»

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL DE FREMSS

SOMOS MAR

OLIVIER HOSLET | Efe

03 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O que descoñece a realidade é simplemente un ignorante, quen coñecéndoa a oculta ou terxiversa é un miserable» (Bertolt Brech).

Recentemente o comisario de Pesca, Virginijus Sinkevicius, volveu prestarse a unha pantomima na que varias oenexés de dubidoso financiamento volven a súa teima contra os pescadores da frota de arrastre da UE. E sexa por ignorancia ou con premeditada distorsión da realidade, calquera destes motivos son un mal síntoma para o sector e para a política pesqueira na UE.

E de novo a frota de arrastre mais exemplar, a máis regulada, a mais sostible, a que leva anos faenando nas augas da UE sen que colapsara ningún dos stocks que traballa, vese de novo no disparadoiro.

 

Non sorprende xa, a teima e aversión dalgunhas oenexés contra esta frota, onde igualan a un arrastreiro galego de Gran Sol ou do Cantábrico cun superarrastreiro chino ou ruso que traballan moitos deles en augas internacionais sen ningunha consideración medioambiental ou, o que é máis grave, sen ningunha consideración laboral cara aos traballadores alí embarcados. Pero da igual. Todos son arrastreiros e punto, que non se me estrague o meu apocalíptico relato que senón non é atractivo para Netflix.

A exemplaridade da frota europea de arrastre, acreditada nos derradeiros anos sobradamente, debería ser suficiente para que parasen estás cíclicas acometidas destas oenexés que só ven nesta frota orcos destrutores e depredadores dos nosos mares que só pensan en acabar cos océanos e a biodiversidade. Pero o problema hoxe en día agrávase ó ver a todo un comisario de Pesca arrastrándose aos pes destes cabildeiros profesionais, e acollendo el mesmo ese discurso demagóxico e cheo de falsidades que proxectan estes presuntos salvadores dos océanos sobre esta frota.

Sen dúbida que estes días Sinkevicius ten feitos méritos para que nun futuro lle sexan abertas as portas dalgunhas destas oenexés para asegurarse un próspero porvir, pero os deméritos que vai acreditando fronte ó sector pesqueiro van medrando tanto que ó mellor alguén ten que plantexarse si politicamente é admisible ter na UE un talibán contra a pesca en xeral, e en particular, contra a nos frota de arrastre, non si?