Patrocinado porPatrocinado por

Federico Pérez: «Rodando 'Mareas Vivas' empecei o meu idilio cos percebes do Roncudo»

Melissa Rodríguez
Melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR

.

A remollo | O coñecido intérprete animouse a subir o muro co Gran Fondo Ézaro e non é a primeira vez que o fai

01 ago 2021 . Actualizado a las 11:00 h.

Federico Pérez Rey (Alemaña, 1976) é un dos grandes da escena galega. Josito, en Padre Casares, ou Moncho, en Era visto, foron só algúns dos seus moitos papeis como actor en televisión, pero o mazaricán tamén se desenvolve á perfección no cine ou no teatro, e é así mesmo guionista e monologuista. Unha faceta súa non tan coñecida é a de deportista. O pasado 11 de xullo subiuse á bicicleta e non dubidou en ascender o muro co Gran Fondo Ézaro.

-É fillo da emigración en Alemaña, entendo.

-Si. Ao regresar, fixemos unha pequena parada en Vigo, pero crieime en Mazaricos, de onde é miña nai.

-Onde vive agora?

-En Santiago, pero regreso a miúdo á casa.

-A Costa da Morte quédalle moi preto. Coñécea de principio a fin?

-É tan misteriosa e máxica e fantástica, que sempre quedan esquinas sen coñecer, pero diría que si. Teño moitos recordos das excursións que faciamos cando estaba no colexio de Pino do Val que, por certo, agora o pechan, outra vítima máis do despoboamento, da marcha da xente para as cidades, unha pena. Flipaba con todos aqueles lugares espectaculares.

-Cal é o recuncho que máis lle gusta?

-Todo en xeral, pero o propio Ézaro, toda esa zona, e despois Fisterra, Nemiña... Hai uns cantos que para perderse son marabillosos.

-Hai apenas tres semanas estivo no Gran Fondo Ézaro, e non foi a primeira vez. Como comezou esta relación entre vostede e o muro?

-O ciclismo sempre me gustou moito, tanto de practicalo sentado no sofá vendo a televisión, como de subirme á bicicleta. E nos últimos anos aínda un pouco máis, pois forxei unha boa relación cun dos organizadores da proba, Ezequiel Mosquera, ciclista espectacular, e entón cada ano sempre me anima a ir. Na medida do que podo, vou pedalear e, se non, a outra cousa.

-Dista ben de contemplar o Ézaro a subilo!

-É difícil incluso en coche, que che di, sácame de aquí xa, pero dá gusto estar aí, especialmente ese día. Foi algo que lle veu moi ben a toda a nosa zona.

-Ten que gustarlle o deporte para atreverse con semellante aventura.

-Sempre me gustou, aínda que ningún se me dea ben [ri]. Encántame xogar ó fútbol sala, ó fútbol, ó baloncesto, ó tenis, ó pádel... Se podo practicalo, prefiro facelo a velo.

-Fixo o Camiño dos Faros?

-A ruta como tal non, pero teño estado en todos os faros que a conforman e en moitos camiños desa zona. É algo que me apetece moitísimo e que cando teña oportunidade, farei. Levo uns anos centrándome noutros camiños e noutros faros, que son as miñas fillas, pois a paternidade quita moito tempo.

-E o de Santiago?

O de Santiago... tampouco. Fixen unha especie de camiño ao revés, dende Pino do Val cos amigos, pero tamén me encantaría facelo sobre as dúas rodas.

-Seguro que segue algún equipo con especial agarimo.

-Son do Dépor perdido e, despois, en xeral. Agora, por exemplo, estou a tope coas Olimpíadas.

-Este verán está metido de cheo na promoción da película Cuñados. Que tal está sendo a acollida?

-Despois de pasar polas salas de cine e ter unha boa acollida pese a estar sumidos nesta pandemia, pois a xente fixo ese esforzo e está gustando moito, agora a sobremesa é a proxección da película ao aire libre, dentro do programa Cine na Rúa, nas prazas dos concellos. Estamos contentos de que siga funcionando ben.

-Encarna un personaxe que lle vai a tiro, polo menos se se atende á súa traxectoria profesional, sempre moi vinculado á comedia.

-A verdade é que estou moi contento con meterme na pel de Modesto, o cuñado máis prototípico que pode haber, que entende de todo e que se mete en leas.

-Na vida real, tamén se toma todo con humor?

-Non queda máis remedio, porque como o tomes máis en serio, non duras nin catro días. Hai que procurar rirse de todo, non teño queixa.

-En que outros proxectos traballa?

-Estou coa gravación da segunda tempada da serie A lei de Santos, que entendo que se emitirá a finais de ano, mesmas datas coas que espero facer algunha función de teatro máis de O Montacargas co gran malpicán Santi Romay, e traballando nalgún proxecto novo.

-Como vive vostede estes meses de calor, como é o seu día perfecto?

-Estou levando moi ben este tempo fresco porque a miña estación preferida é a partir de setembro e outubro. Sempre busco ter dúas ou tres cervexas na neveira, estar coa miña muller e coas fillas e dar un bo paseo.

Máis a fondo

-É máis de mar ou de montaña?

-De montaña. Cada vez que collo a bicicleta e subo algún monte, gozo moito.

-Prefire a carne ou o peixe?

-A carne. Onde estea unha boa costeleta de tenreira..

-Probaría as sardiñas con cachelos!

-E sen cachelos tamén! Gústanme moito. Pero tamén unha tortilla con pementos de herbón de Carmucha, coidado, iso é superior.

-E os percebes do Roncudo?

-Iso encandea bastante, é a Champions League! Tiven a sorte de coñecelos en Mareas vivas, rodando en Laxe. Tratábannos moi ben. Alí empecei o meu idilio cos percebes. Non é que nos vexamos moito, pero cando o facemos, gozámolo moito. Teño estado na festa.

-Coñece a Eduardo Pondal?

-Persoalmente non, pero téñenme falado del e bastante ben. Gústame moito ler, aínda que non o fago tanto como me gustaría.

-En que lugar da Costa da Morte se tombaría a ver unha posta de sol?

- En calquera faro, praia, Fisterra... Imposible elixir.

-Testou a auga da Praia dos Cristais?

-Si, precisamente na época de Mareas vivas.

-Sabe dicirme cal é a catedral do megalitismo?

-O Dolmen de Dombate, aínda que eu son moi de castros, de modo que destaco o de Borneiro. Gústame a cultura megalítica, imaxinarme como vivían.