A Asociación Forestal de Galicia propón compartir coa Administración o mantemento das franxas de biomasa e aumentar os medios para previr incendios
SOSTENIBILIDAD
A entidade enviou un decálogo aos seus socios no que insta a contar todo o ano con persoal de prevención cualificado e suxire potenciar o pastoreo e as queimas prescritas
25 oct 2025 . Actualizado a las 21:18 h.A Asociación Forestal de Galicia (AFG) propón mutualizar o mantemento das franxas de xestión de biomasa e aumentar os medios públicos dedicados á prevención de incendios. Son dúas das conclusións do decálogo que a entidade divulgou entre os seus socios con consideracións sobre os incendios forestais.
«A maioría do monte está ben xestionado», explica o documento, que insta, non obstante, a atallar «con políticas e incentivos específicos» as zonas abandonadas. En relación coas franxas secundarias de xestión da biomasa, a AFG asume que é «moi difícil mantelas» e considera que deixar a responsabilidade e o custo do mantemento destas franxas á propiedade forestal «resulta excesivo, discriminatorio e inxusto», polo que propoñen unha mutualización da responsabilidade entre toda a sociedade.
Ademais, a entidade considera que «debe ser tolerable unha altura do marto de 50 centímetros, que permite controlar o posible lume sen grandes dificultades».
A outra cuestión na que se fixa o decálogo é na prevención dos lumes forestais. A AFG explica que «cómpre investir moito máis en prevención e deseñar entre todos os axentes implicados uns plans de prevención eficaces elaborados e executados tendo en conta as diferentes condicións de cada distrito». A xuízo da asociación, as devasas tradicionais xa non son a solución e é preciso deseñar «grandes áreas de defensa estratéxicas» para conter a nova tipoloxía de incendios.
O decálogo tamén insta a contar todo o ano con persoal cualificado traballando na extinción e incrementando a prevención. «Cómpre transmitir claramente cal é a Administración que ten a responsabilidade destas tarefas, sen confundir a opinión pública», recalcan, propoñendo que os medios de prevención abran a posibilidade de colaborar cos propietarios «para mellorar a eficiencia das brigadas».
En relación coa prevención, a AFG suxire potenciar o pastoreo e as queimas prescritas. «Aplicándoas correctamente minimizaranse os seus posibles efectos negativos, que sempre serán menores que os dos incendios salvaxes de verán que se queren previr», engaden.
