Patrocinado porPatrocinado por

«O futuro do rural pasa porque un día unhas labregas dean cun enxeñeiro informático e empecen a traballar xuntos» 

Somos agro REDACCIÓN

SOSTENIBILIDAD

-

O I Foro Internacional da Economia e da Cultura Rural dará o seu pistoletazo de saída este domingo en Compostela. Aser Álvarez, director deste evento multidisciplinar, que conta co apoio da Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago, fala de todo o que se vai cocer en Compostela nun encontro que comenzará cun repenique de campás único.

24 sep 2019 . Actualizado a las 10:44 h.

O domingo as campás de todas as igrexas e capelas de Compostela, da urbana e da rural, soarán ao mesmo tempo para chamar a atención sobre a importancia de reivindicar a ruralidade da capital de Galicia e conectar o mundo urbano co mundo rural co obxectivo de rachar estereotipos e ver cómo o medio rural pode ofrecer alternativas de futuro. E iso mesmo é o que busca o I Foro Internacional da Economía e da Cultura Rural (FICRURAL) que dará o pistoletazo de saída ese mesmo día, o Día Mundial sen coches, cun roteiro a pé polo río Sarela arriba, que levara aos participantes ata o centro sociocultural da Gracia, en Santiago, para celebrar a inauguración das xornadas. 

Co espíritu de converterse nun punto de intercambio de coñecemento e experiencias, ao xeito das feiras tradicionais, o foro continuará entre semana con máis actividades. Os días grandes van ser o 26, 27 e o 28, na Fundación Laboral da Construcción. Nese espazo que outrora acolleu unha curtiduría desenvolveranse diferentes mesas redondas nas que actores públicos e privados nacionais e internacionais tratarán de poñer as bases para a creación dunha rede colaborativa que impulse o emprendemento para a dinamización do rural de Compostela e o das diferentes comarcas e concellos da provincia de A Coruña. 

Detrás deste proxecto pioneiro, que conta co apoio da Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago, está Aser Álvarez e un pequeno grande equipo de xente entusiasta e perfís multidisciplnares, que agora mesmo ultiman os detalles do encontro. Xusto aí, á sombra dos bidueiros que rodean os vellos edificios rehabilitados que albergaron a curtiduría, o director de FICRURAL fala da importancia de poñer en común toda esta experiencia e coñecemento de moita xente que está a facer cousas xeniais no rural, e da algún avance do programa. Non faltarán os xogos populares, as andainas, nin os concertos, con Immaculate Fools como cabeza de cartel. Por algo este evento non deixa de ser unha festa que celebra o futuro do mundo rural, un mundo habitado por heroes e sobre todo, heroínas. Como as que debuxa Yoseba MP, que vai facer un mural en directo durante o evento. Será unha obra que pasará a formar parte da súa popular serie Fenómenos do Rural e que xa vai lembrar para sempre o I FICRURAL

_¿Por qué Compostela para celebrar este I Foro Internacional da Economía e da Cultura Rural?

_Temos que darnos conta de que Compostela é o segundo concello con máis territorio rural de toda a provincia da Coruña. Ten 190 kilometros cuadrados e case todos son de territorio rural e iso, lonxe de ser un problema, é unha enorme oportunidade. É un rural moi singular dado que non houbo ese proceso de abandono que puido haber noutras zonas de Galicia. Houbo un proceso de despoboamento, pero non de abandono tan intenso como o que houbo noutras zonas do interior. O problema do rural de Santiago é que non se coñece, nin os propios composteláns. Esto é unha forma de que comecemos a coñecelo, a valoralo e pensar nel como un espazo para vivir e mesmo para traballar.

 _Trataríase de crear unha simbiose entre esas dúas Compostelas, a rural e a urbana?

_Eso é o esencial para promover o emprendemento rural. Non so con proxectos relacionados co sector agrogandeiro, que tamén, pero hai moitas máis alternativas innovadoras. Unha vez que coñezamos os recursos que hai nas parroquias, podemos pensar en qué proxectos podemos levar a cabo e facer ordenación. Probablemente moitos deles teñan que ver con proxectos agrogandeiros, pero moitos outros poden ser proxectos de tipo creativo de xente que o único que precisa é ter unha boa conexión a Internet e boas comunicacións. Hai que xogar coas particularidades que ten Compostela. E este pode ser unha especie de proxecto piloto que despois se poda exportar a outros lugares, na comarca e na provincia. Pero sobre todo este é un punto de encontro para explorar tódalas opcións productivas que hai no rural e poñer en contacto aos actores públicos e privados que están chamados a cooperar para favorecer o emprendemento rural. 

 _Cando falas dese outro tipo de proxectos, pode ser como o traballo que fai, por exemplo, Mounqup, que por certo é unha das que participarán no foro.

_A verdade é que esta francesa, galega de adopción, compón os seus temas na súa casa de A Bola, perto de Celanova. É a mostra viva de todas as alternativas que ofrece o rural. Ela é unha das autoras que participarán nos concertos, todos de balde, que teñen, como cabeza de cartel, a Immaculate Fools, que acaban de editar un novo álbum e que nos van presentar algunha sorpresa en primicia. Pero tamén estarán Broke Lord, en estrea internacional en formato trío, ou Deteriorados, que é unha banda interxeracional. 

_Interxeracionalidade. Eso é algo que fai falla recuperar nas aldeas. Ou non?

_Moitas veces o problema é que hai unha xeración que perdeu o lazo que tiña coa aldea, perdeuse ese intercambio de coñecementos. O que imos facer durante os días que dura o foro é chamar a atención da importancia do rural no mundo contemporáneo, porque moitas veces se fala do rural, pero ou ben co paternalismo do urbanita, ou ben mitificando, ou dando por feito que esto ten que desaparecer. E nos cremos que nin unha, nin a outra. Porque hai alternativas e proxectos que están a funcionar noutros lugares e mesmo en Galicia. O que imos facer é traer a moitos destes promotores, mentores de proxectos de emprendemento rural, directores de redes de coworking rural que están funcionando moi ben dende hai décadas e traelos aquí para aproveitar o seu coñecemento e experiencia e ver o que podemos facer nos aquí. Eles están encantados de axudar e para os emprendedores vai ser unha oportunidade única. 

_Tamén haberá tempo para o ocio para toda a familia máis alá dos concertos.

_Por suposto, e para o Festival de Cine Rural de Galicia, as homenaxes a Carlos Velo, Antonio Román e Eloy Lozano, ou as mesas redondas de mulleres emprendedoras, ou os encontros sobre o rural no cine e na literatura, onde van estar algunhas das autoras máis importantes que están a facer arte sobre o rural. E si, tamén hai unha parte moi importante de lecer. O domingo 22, coincidindo co Semana europea da Mobilidade e o día mundial sen coche, organizaranse actividades centradas na xente nova porque é moi importante sensibilizala e sementar para recoller. Faremos unha andaina pola beira do Sarela, dentro dos paseos de Coñece o Rural, e tamén organizamos o FICrural Xogo. 

_Qué é iso?

_Toda esa parte de transmisión do patrimonio lúdico que ten Galicia. Ao final non é outra cousa que transmitir os xogos aos que xogaban os nosos maiores e que teñen que ver moito coa nosa identidade e coa nosa cultura. Ese tipo de actividades xa as fixemos dende hai meses con varios colexios e tiveron moi boa acollida. Moitas veces pensamos que os nenos so pensan en tablets, pois non é verdade. O que temos é que darlles alternativas e facelo de xeito atractivo. 

 _Está mudando o tópico que reinaba nas cidades sobre a Galicia rural?

_Cremos que está mudando. Estos foros son importantes para axudar a mudar iso porque nun mudo rural tan atomizado e individualista, aínda que históricamente moitos traballos se facían en común, é necesario ter un punto de encontro e por iso creamos o FICRURAL. Porque moitas veces as cousas fanse porque un día unhas labregas dunha aldea remota póñense en contacto cun enxeñeiro informático e diso resulta un proxecto do máis moderno e dinámico,que consegue transformar unha comarca enteira. Por iso é ver o que podemos facer nós co noso territorio e que están a facer noutros lugares, claro, exemplos dos que podemos aprender.  

_Este primeiro foro é unha especie de proxecto piloto que logo pode reproducirse noutras partes?

_O que interesa é pensar que toda Galicia foi rural e ten unha identidade rural, aínda que hoxe semelle que todo o interesante acontece sempre nas cidade, non é unha volta ao pasado o que buscamos, é todo o contrario, mirar cara o futuro sen complexos e rachar estereotipos para traballar na idea de que o rural pode ser unha opción de futuro para a xente nova e cooperar para transformar a realidade e que así sexa efectivamente. Hai proxectos reais que se están a desenvolver en Galicia e noutros lugares, que en poucos anos transformaron comarcas enteiras. Pois Compostela pode ser un referente nacional e internacional neste eido por todos os recursos que posúe no rural, e mesmo pode actuar como tractor para a comarca e para outros concellos veñan detrás.  

Agora so queda esperar a que as campás de Compostela empecen a repicar para disfrutar de tódolos eventos que conectarán durante toda a semana o Santiago urbano e o rural no FICRURAL.