O primeiro aceite de oliva virxe extra do Salnés chámase Saraiba e enlaza coa Fala de Estremadura
AGRICULTURA
Benjamín Méndez e María Victoria Lis buscaban o mellor aproveitamento dunhas pequenas fincas herdadas en Simes, Meaño, e, tras seis anos de traballo e a axuda dun mestre da comarca cacereña onde se fala a lingua nacida do galego-portugués, lanzan ao mercado a súa primeira produción mediante a técnica manual do ordeño
19 mar 2026 . Actualizado a las 10:44 h.Desde que ten memoria, Benjamín Méndez Balboa recorda unha grande oliveira, ergueita e orgullosa, no patio da casa na que se criou. Nin os maiores da familia lle souberon dicir quen nin cando plantara unha árbore tan estraña hoxe nestes lares, logo de formar parte durante centos de anos da paisaxe común e das economías domésticas de moita da poboación de Galicia ata que, hai quen di, os Reis Católicos decidiron que esta non podía ser terra de aceite. Medio milenio despois do pasamento de Isabel de Castela e de Fernando de Aragón, Galicia comeza a retomar a súa relación coa árbore da que emana o ouro líquido que tanta riqueza seguiu xerando en todo este tempo en tantas partes de España. Superando os límites de Quiroga, a sorte de aldea gala na que se refuxiou a resistencia popular a ver desaparecer a oliveira do noso país, Benjamín e a súa muller, María Victoria Lis Viñas, son parte dese silencioso grupo de xentes que están a reconectar a terra de Galicia e a tradición do cultivo do aceite. No seu caso, sen máis aspiración que a de dispoñer dun pequeno complemento á economía familiar nunha comarca, O Salnés, na que a maior parte de quen pode o busca na uva albariña. Pero sobre todo, agora que están a piques de lanzar ao mercado as súas primeiras botellas, coa satisfacción do camiño andado e do que queda por percorrer con Saraiba, o nome que escolleron para o que xa senten coma un fillo, nacido e apegado á historia das entrañas das que brota, fortalecido pola singular sociedade iniciada entre a costa galega e os lugares da Fala, a lingua derivada do galego-portugués que segue viva en tres localidades de Estremadura.
«Tiñamos unhas fincas en herdanza en Simes, Meaño, de onde son, de algo menos dunha hectárea en total. Eu non quería plantar albariño, por falta de tempo. Son mecánico, e precisabamos algo que requirira pouco tempo de traballo. As opcións que manexamos eran o aguacate e a oliveira. Fomos á Mostra do Aceite de Quiroga, coñecemos xente, e apostamos por ir por aí», conta Benjamín. Fixérono sen coñecemento ningún na materia, plantando no 2019 unhas 150 oliveiras das variedades arbequina, picual e cobrançosa e, o ano seguinte, un cento máis da brava galega, unha das dúas decenas de variedades autóctonas galegas que, coa axuda do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), se están comezando a recuperar para a produción. «Plantamos varias variedades, porque non sabiamos cal se adaptaría mellor», explica o matrimonio.
Mentres a natureza seguía o seu curso e en espera de que as árbores deran os seus primeiros froitos, o matrimonio meañés afincado en Vilagarcía avanzou por dúas vías. Victoria, formándose en olivicultura, obtendo os certificados de catadora de aceite, de análise sensorial, de estratexias de crecemento no sector oleico e en saúde, márketing e maridaxe pola Universidad Internacional de Andalucía (Unia). Coñecementos cos que impulsou una xornada anual de cata desgustación de aceite de oliva virxe extra da man do Obradoiro de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés, que a finais da primavera chegará á súa quinta edición. En paralelo, Benjamín e Victoria coñeceron a Miguel Carrasco Lajas, mestre de almazara, socio de Almazara As Pontis, con máis de 300 premios nacionais e internacionais ao seu aceite, e presidente da Denominación de Origen Protegida Gata-Hurdes. Os seus servizos externos de incalculable valor e a estreita relación persoal iniciada entre ambas as dúas partes son hoxe outro dos condimentos que enriquecen Saraiba. Un nome galego que, di Victoria, evoca «as bágoas de aceite que iluminarán as comidas» que enriqueza.
A sorpresa que agardaba en Eljas
O ano pasado, as oliveiras de arbequina permitíronlles unha primeira produción, que non chegou aos 30 quilos. «Fómola facer á almazara Ouro de Quiroga e quedámonos con ela e para regalar», lembra Benjamín Méndez. Este ano á arbequina sumáronselle as árbores das variedades picual e brava galega. Recolleron toda a colleita o pasado 16 de outubro, no primeiro envero, unha das fases iniciais de maduración da oliva, que lle reporta maior calidade ao aceite. Fíxoo o matrimonio axudado pola familia e por un grupo de veciños, entre eles varias octoxenarias sumadas á causa con fervor, din. Fixérono sen maquinaria nin varas, de maneira artesá, mediante o sistema de ordeño, a técnica máis delicada para a colleita, de maneira que non dana nin o froito nin a árbore, favorecendo mellores resultados organolépticos e un maior índice de polifenois —compostos bioactivos naturais con propiedades antioxidantes e antiinflamatorias—. E sen tempo que perder, conducindo de noite para cubrir os 546 quilómetros desde Simes a Eljas (Cáceres) para prensar a oliva arousá na Almazara As Pontis. Un proceso que durou 45 minutos, tempo no que Benjamín e Victoria pasaron de sentirse vacilados escoitando os veciños falar en galego a descubrir que estaban nun dos tres concellos da Fala estremeña.
Hai uns días recibían as 300 botellas co seu etiquetado que conteñen os 75 quilos da primeira colleita de Saraiba. E mentres ultiman o prezo e os puntos de venda, gozan da emoción do parto feliz do que, presumen, é o primeiro aceite de oliva virxe extra do Salnés.
A opinión do experto
Ouro líquido con sabor a mar. O asesoramento e valoración de Miguel Carrasco avalan a saída ao mercado de Saraiba. O mestre de almazara, empresario do sector e presidente da DOP Gata-Hurdes explica as características do primeiro aceite de oliva virxe extra do Salnés: «Como está feito de oliva verde, ten un índice máis alto de polifenois, cun valor nutricional superior e moito máis estable en botella. A variedade picual dálles moita estabilidade aos polifenois, amargos e picor. A arbequina, uns frutados completos en boca. E a brava galega, ese sabor verde medio». Benjamín Méndez engade: «O aceite recolle os sabores e aromas de onde crece, e as nosas fincas están a 3 quilómetros da praia de Sanxenxo e a 5 da da Lanzada».
