Pepe Paz, presidente dos enxeñeiros técnicos agrícolas de Ourense: «O que non podemos pensar é que imos salvar o campo só con neorrurais teletraballando»
AGRICULTURA
Defende unha profesión na que para sobrevivir hai que «pisar bosta» e lembra que é necesaria unha base produtiva
19 ene 2026 . Actualizado a las 10:22 h.Pepe Paz Paz (Castrelo do Val, 1961) acaba de asumir a presidencia do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. Era un paso case natural para unha persoa que leva trinta anos participando activamente na institución e que na última etapa estivo como vicepresidente. Desde a súa nova función explica que seguirá defendendo o rural e a un colectivo que, entende, non está suficientemente valorado.
—Como definiría o papel do enxeñeiro técnico agrícola?
—É unha profesión que ten múltiples enfoques, pero que eu a entendo como algo vocacional. Ao que non lle guste o rural neste traballo vai fino. Hai, como se soe dicir, que pisar bosta. A profesión por libre, como a que eu desenrolei, é a máis vocacional porque consiste en redactar e dirixir proxectos de bodegas ou granxas. É algo que as novas xeracións vexo que lles custa un pouco, porque non é doado de asumir esa responsabilidade. Logo está a parte funcionarial, onde tamén sempre me atopei con técnicos moi dispostos.
—Está valorada a profesión?
—Non se valora o suficiente o noso traballo nin o rigor dos técnicos. Hai xente que non sabe o que podemos aportar, porque non estamos so para facer granxas ou naves. Hai proxectos que levan a nosa firma e que axudan a revalorizar o rural. Cando alguén vai por un pobo e ve unha construción agrícola nunca pensa que leva a firma dun enxeñeiro técnico agrícola. Tamén temos moito que ver nos paisaxes de viñedos tan chulos e nos que aportamos os nosos coñecementos.
—A vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense este verán fixo que moitos se acordaran da súa labor.
—Sobrepasounos a todos. Ningún profesional do noso eido pode facer grandes cousas ante unha situación deste tipo, pero o que si podemos é traballar para evitar o punto cero dun lume. Todos vimos este verán fotos en Valdeorras, Monterrei ou, en menor medida no Ribeiro, en que se observaba que as viñas paraban os incendios. Iso demostra que unha actividade empresarial agrícola é un cortalumes que sae gratis. O viñedo é moi visual e estamos a vivir unha idade de ouro en Galicia, pero o mesmo que cas viñas podería facerse con castiñeiros ou bosque ordenados.
—Cal é a súa receita?
—O gran problema da loita contra os incendios é que o orzamento o destinamos ao gasto de apagar os lumes. Sen prescindir diso, hai que pensar máis na inversión para evitalos porque estamos nun nivel de que o que arde xa son as casas e case a xente. Iso obriga a centrar aí os esforzos e renunciar nese momento a protexer o forestal.
—Por que non se logra reflotar o rural nunha provincia como Ourense?
—O rural pensamos que é aquilo que vivimos fai anos, cando os da miña xeración eramos novos, e cando había nunha aldea cen agricultores. Agora, hai un cun par de empregados que atende a mesma superficie. O que temos que lograr é crear pequenas industrias para transformar, comercializar e envasar esa produción. A partir de aí chegarán os servizos complementarios para darlle vida ao rural, como escolas, farmacias ou bares. O que non podemos pensar é que imos salvar o campo só con neorrurais teletraballando, porque se logo arde todo como este verán, marcharán e non volverán. Co turismo rural, que está moi ben, sucede algo parecido. Temos que darlle unha vida que o sosteña. Está moi ben pasar unha fin de semana na aldea de turismo facendo fotos e comendo castañas e chourizos, pero se non hai unha base produtiva detrás o turismo rural non ten absolutamente nada que vender.
A actualidade do campo galego está chea estes días de titulares que falan de tractoradas de agricultores e gandeiros que protestan polo acordo UE-Mercosur. Pepe Paz segue de cerca as mobilizacións e recorda que desde o seu colexio están, coma sempre, dispostos a aportar ideas ou solucións, especialmente nun asunto que afecta tan directamente a profesionais cos que traballan cóbado con cóbado no rural: «Sempre estamos dispostos a colaborar para protexer a actividade de agricultores e gandeiros da provincia de Ourense».
—Ve futuro as profesións agrícolas no rural nun contexto como o actual?
—Os que vivimos no rural levamos trinta anos dicindo que o seu abandono do campo é un grave problema. Por iso non se entende que antes de facer unhas normas non nos pregunten aos da boina. Desde Bruxelas créanse normas e unha burocracia que é inasumible para a xente que traballa no campo. Un intenta aplicar todas as normativas que nos impoñen e logo atópase con que son moi difíciles de aplicar ou, incluso, que son contraditorias entre si.
—Que opina das mobilizacións contra o acordo entre a Unión Europea e Mercosur?
—Todos entendemos que estamos nun mercado global e que se nós queremos vender os coches que fabricamos aquí en África ou en Asia, que non podemos pórlle freo se eles queren vendernos, por exemplo, as súas laranxas se son boas. O que non podemos é impor aos que traballan o noso campo unhas normas estritas e aos que veñen de fóra, non. Iso non hai quen o trague e por iso se están a producir estas mobilizacións.
A pegada na paisaxe con proxectos como Gargalo, a bodega de Verino
Pepe Paz percorreu media Galicia para formarse na súa paixón. Os seus primeiros estudios sobre o mundo agrario chegaron en Ourense na Escola de Capacitación Agraria da Deputación. Logo pasou pola Formación Profesional en Ponteareas e acabou a súa formación académica en Lugo, onde cursou a carreira de enxeñeiro técnico agrícola. Dende o primeiro momento tivo claro que o seu era desenrolar a súa profesión dun xeito liberal, así que regresou a súa terra e abriu unha oficina técnica. Leva toda a súa vida deseñando bodegas na comarca de Monterrei, e tamén noutras denominacións de orixe de Galicia. Un dos seus proxectos máis emblemáticos atópase moi preto da súa casa. Trátase da adega Gargalo, propiedade de Roberto Verino. Situada aos pés do castelo de Monterrei, é un exemplo de arquitectura que aporta calidade paisaxística ao rural. Está formada por tres grandes cubos de granito que se integran na paisaxe sen distorsionalo.
A lista de actuacións de Pepe Paz no campo vitivinícola é moi longa e inclúe adegas tan coñecidas como as de Ramón de Casar, Abadía de Cova, Priorato de Razamonde ou Quinta Couselo.
Asociacionismo
A paixón polo rural deste enxeñeiro técnico agrícola está fora de toda dúbida. Por iso, leva máis de tres décadas involucrado en canto proxecto entende que pode servir para mellorar o seu futuro. No seu currículo inclúese presidencia da Asociación de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, na comarca de Verín. Tamén estivo ao fronte do primeiro programa Leader que se desenvolveu na comarca. Agora toma o relevo de Manuel Rojo, que estivo oito anos ao fronte do colexio na provincia de Ourense. «Fixemos un moi bo equipo e involucreime moito. O grupo estaba por riba de presidencialismos e quero seguir aplicando esa filosofía», sinala.
Pepe Paz ten claro cal debe ser o papel do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense: «Temos que defender a profesión e tratar de mellorar a súa vida, así como darlle ferramentas para mellorar a súa formación».
Entende, ao mesmo tempo, que a relación ten que ser recíproca: «Queremos que todos os traballos dos colexiados de Ourense teñan un selo propio e que cumpran cun código ético». Unha das cuestións que máis ten en conta Pepe Paz ten que ver coas distintas sensibilidades que están presentes no colexio, e que van desde funcionarios a técnicos en concellos ou profesionais liberais.
