O pasado domingo, 2 de febreiro, celebrouse en todo o planeta o Día Mundial dos Humidais, convocado polo Convenio de Ramsar. É este un tratado internacional, asinado pola inmensa maioría dos países do mundo, que traballa pola conservación e o uso racional dos humidais. Recibe ese nome porque foi asinado na cidade iraniana de Ramsar en 1971.
Segundo este convenio, considéranse humidais «as extensións de marismas, pantanos e turbeiras, ou superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de 6 metros», e poderán incluír «as súas zonas ribeiregas ou costeiras adxacentes, así como as illas ou extensións de auga mariña dunha profundidade superior aos 6 metros en marea baixa, cando se atopen dentro do humidal».
Existen actualmente 270 humidais protexidos por este convenio a nivel mundial, 74 deles en España e 5 en Galicia: o complexo de Corrubedo, o complexo intermareal Umia-Grove, a lagoa e areal de Valdoviño, a ría de Ribadeo e a de Ortigueira-Ladrido. Este ano, o Convenio de Ramsar dedicou a celebración a reflexionar acerca da relación entre humidais e agricultura. É necesario estudar e atopar formas de aproveitamento agrícola dos humidais e da súa auga compatibles coa conservación dos seus ecosistemas.
Tes toda a información, incluído un xogo de mesa moi entretido, aquí: http://xurl.es/p1pxb
