Patrocinado porPatrocinado por

Galicia mobiliza 9.300 hectáreas no primeiro ano da Lei da Terra Agraria

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

Na aldea modelo de Meixide, no Concello da Veiga, púxose en marcha una explotación de gandaría extensiva
Na aldea modelo de Meixide, no Concello da Veiga, púxose en marcha una explotación de gandaría extensiva

Medio Rural puxo en marcha 21 aldeas modelo e outros tantos polígonos

24 oct 2022 . Actualizado a las 09:44 h.

Poñer en valor a terra infrautilizada ou abandonada que hai en Galicia foi uno dos obxectivos que se marcou a Consellería do Medio Rural. E para cumprilo, o pasado 22 de maio de 2021 puxo en marcha a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Un instrumento que, pouco máis dun ano despois de entrar en vigor, xa ten demostrado a súa eficacia. Porque contan na Administración autonómica que nese tempo xa se están a mobilizar 9.300 hectáreas de terreo. A meirande parte desa superficie, grazas a instrumentos coma as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. Pero tamén hai iniciativa privada neste eido e Medio Rural recibiu 34 solicitudes de particulares para poñer en marcha polígonos cunha extensión de 1.300 hectáreas.

A experiencia di que non hai mellor forma de previr os incendios forestais que tendo coidado da terra. Por iso, Medio Rural quixo dotar á comunidade dos instrumentos necesarios para poder recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición de cada zona, axudando ao mesmo tempo ás explotacións existentes a poder ampliar a súa base territorial, nos casos nos que é preciso. Con iso espérase conseguir, tamén, dinamizar o territorio e xerar actividade económica. Así naceu a Lei de Recuperación da Terra Agraria, que ata o de agora xa permitiu poñer en marcha 21 polígonos agroforestais, que mobilizarán 8.788 hectáreas, e outras tantas aldeas modelo, que ocuparán unha superficie de 574 hectáreas.

Segundo os datos da consellería, actualmente hai dez polígonos de iniciativa pública iniciados e once en fase de actuacións previas. Os primeiros afectan a unha extensión de 4.114 hectáreas. Entre os máis adiantados atopamos os de Cualedro —con 64 hectáreas, 72 parcelas e 70 propietarios— e Oímbra —22 hectáreas, 72 parcelas e 73 propietarios—, que xa tramitaron a declaración de utilidade pública. Nela establécense como usos admisibles na primeira destas zonas os cultivos agrícolas de ciclo curto, a gandería en extensivo e árbores froiteiras como actividade secundaria. En Cualedro, en cambio, as actividades son a gandaría en extensivo e os cultivos complementarios.

Polígono de terras de iniciativa pública en Oímbra
Polígono de terras de iniciativa pública en Oímbra

Noutros seis, a Xunta acaba de aprobar a declaración de utilidade pública, tras rematar os estudos de viabilidade. Dedicaranse, principalmente, a cultivos de horta, viñedo e forestal. Son os de Barzamedelle en Leiro, Pousada en Riós, Vences en Monterrei, Solbeira en Paderne de Allariz, Vilalén-Tomonde en Cerdedo-Cotobade, e Mandelos en Crecente. E nos polígonos de Remuíño en Arnoia e Santaia-Foxado en Curtis están practicamente rematados os estudos de viabilidade. Por último, hai outros once nos que se ten iniciado o procedemento. Suman 4.674 hectáreas, 9750 parcelas e máis de cinco mil propietarios.

Medio Rural recorda que este instrumento só se emprega en zonas nas que existe vontade e interese por parte dos donos e da xente do lugar, pois a lei establece que para poñelos en marcha é preciso contar co acordo de máis do 70 % dos titulares da terra. Ao abeiro destes polígonos, reestrutúranse parcelas para que teñan un tamaño suficiente que garanta a súa rendibilidade, dando prioridade ás explotacións xa instaladas que demandan base territorial. Existen tamén unhas zonas nas que este instrumento terá preferencia, coma aquelas de concentración parcelaria que presenten un abandono superior ao 50 % ou as áreas cortalumes.

Pero os polígonos poden ser tamén de iniciativa privada. Para poñelos en marcha, a consellería lanzou unha manifestación de interese na que se preguntaba pola necesidade de terra para o desenvolvemento de actividades agrarias. Recibíronse 1.244 enquisas sobre demanda de terra e 255 proxectos. Con estes datos puidéronse xeolocalizar 991 solicitantes e 21.321 hectáreas. A consellería destaca que 34 iniciativas amosaron interese por desenvolver estes polígonos de iniciativa privada, que supoñen máis de 1.399 hectáreas.

Continúa a aposta polas parcelarias, con 23 novas zonas de concentración para este ano

Ademais da Lei de mobilización da terra agraria, a Xunta segue a apostar tamén polas concentracións parcelarias, pois considera que estas son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade. A previsión é que neste ano se decreten un total de 23 novas zonas, que supoñen case 19.400 hectáreas e que beneficiarán a preto de 14.000 propietarios.

Segundo os datos de Medio Rural, o pasado ano decretáronse un total de cinco novos procesos, que foron as primeiras parcelarias postas en marcha dende a entrada en vigor da lei de mellora da estrutura territorial de Galicia. Así que a previsión final é que entre o 2021 e o 2022, en Galicia se teñan posto en marcha un total de 28 concentracións, que abarcarán un total de 23.613 hectáreas e 107.655 parcelas de 15.586 titulares. Porque, engaden na consellería, as parcelarias seguen a ser o mellor mecanismo para darlle máis valor ás terras, aumentar a base territorial das explotacións e reducir os custes de produción. Por iso, as novas parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientada a favorecer o desenvolvemento económico.

Ademais, a Xunta segue a traballar con intensidade para pechar administrativamente os procesos que a día de hoxe seguen abertos, que son noventa. Unha mostra dese traballo son os 118 millóns de euros que se destinaron no 2009 para avanzar nesta materia ou os 12 millóns que se investiron no 2021, ademais de que hai previsto outros doce millóns para este ano. A intención da consellería é que cada vez que se remate unha parcelaria, se poña outra en marcha. Nos dous últimos anos, a Xunta rematou 23 parcelarias, cunha superficie total de 16.600 hectáreas.

A de Francos de Proendos é unha das aldeas modelo designadas na provincia de Lugo
A de Francos de Proendos é unha das aldeas modelo designadas na provincia de Lugo

Recollida de sinaturas para outras sete aldeas modelo

As aldeas modelo son outro dos instrumentos previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria para devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que fixe poboación, xere riqueza e reduza o risco de incendios. Actualmente, hai xa 21 en marcha, mentres que se segue coa recollida de sinaturas noutras sete.

Soutogrande, en Vilariño de Conso, Cortegazas, en Avión, e Ferreirós, en Ames, son as tres últimas aldeas declaradas por la Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A primeira ten unha superficie de 33,2 hectáreas, repartida en 99 parcelas de 46 titulares catastrais. Na segunda hai 11,5 hectáreas en 727 parcelas de 99 donos diferentes. E na última son 128 parcelas que forman 8,55 hectáreas de 52 titulares. Estas aldeas, ao igual cas anteriores, decláranse en colaboración cos concellos correspondentes, todos eles situados en zonas de alto risco de incendios e adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

En total, Medio Rural ten declarado desde que entrou en vigor a lei, un total de 21 aldeas modelo. Só unha está na provincia da Coruña (Ferreiros), mentres que na de Lugo hai outras cinco (Trascastro, Parada dos Montes, Moreda, Bustelo de Fisteus e Francos de Proendos) e en Pontevedra outra máis (Mouteira-Perada). En Ourense, pola contra, atópanse as catorce restantes. Son as de Osmo, Meixide, Penedo, Reboredo, Xacebáns, Muimenta, Infesta, Trelle, Pedrosa, Carzoá, Covelo, O Seixo, Soutogrande e Cortegadas. A maiores, estase traballando na recollida de sinaturas para poñer en marcha sete novas aldeas, unha na Coruña, outra en Lugo, unha máis en Pontevedra e catro en Ourense. En total, representarán outras 198,84 hectáreas de superficie de actuación, 3.395 parcelas e 901 titulares catastrais.

Dende a consellería recordan que as aldeas modelo, xunto cos polígonos, son instrumentos que contribúen a un uso máis eficiente e sustentable da terra agraria a través da ordenación dos usos do solo rural e da minoración dos predios abandonados.